AIRA aposta por un consello reitor con forte presenza feminina e renovación xeracional

José Ramón Ratón, novo presidente de AIRA, lidera un órgano reitor que representa a diversidade do sector cun amplo abano de idades e traxectorias

AIRA celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que, entre outros puntos, se renovou o consello reitor segundo establecen os seus estatutos. A única candidatura presentada, encabezada por José Ramón Ratón Varela, da granxa Riazón SC, (Chantada, Lugo), foi ratificada por maioría.

Ratón, que xa formara parte do anterior consello, pasa a presidir un equipo no que se incorpora como vicepresidenta Inés Jul López e no que tamén continúan persoas con experiencia previa como Óscar López Sánchez, secretario; Eladio Sánchez López, tesoureiro; así como José Salgueiro Pérez e José Manuel Gómez Feás, ambos como vocais. A eles súmanse tamén como vocais: Ana María Freire Fernández, Román Torres Labrada, Carmen Silva Vázquez, Adrián Blanco Ulloa, Jessica López Sobrado, Antonio López Rodríguez, Ana Negro García e José Manuel Mahía Porto.

Este novo consello reitor busca representar a diversidade do sector agrogandeiro e ten un marcado carácter interxeracional, ó contar con membros de entre 23 e os 60 anos. Así a gandeira Ana María Freire Fernández, da gandería O Castelo SC, (Palas de Rei, Lugo), con 23 anos, é un claro exemplo da renovación xeracional que se está a producir en moitas ganderías socias de AIRA. Non é un caso illado, xa que a media de idade deste novo consello reitor sitúase nos 44 anos.

Ó mesmo tempo, este novo órgano reitor tamén valora a experiencia e o saber daqueles gandeiros e gandeiras que xa contan cunha ampla traxectoria no agro e no mundo do cooperativismo.

“Imos continuar traballando con compromiso sobre todo o que, con tanto esforzo, se foi construíndo ata hoxe, e seguir sumando vontades para que AIRA sexa sentida e vivida por todas as socias e socios que a conforman”, apuntou o novo presidente de AIRA, José Ramón Ratón.

Á vangarda da representación feminina

Con cinco mulleres no consello reitor, AIRA consolídase como unha das primeiras cooperativas do Estado cunha representación feminina destacada neste órgano. Inés Jul López, da gandería Currás Xiá López (Friol, Lugo), convértese na primeira vicepresidenta de AIRA. Xunto con ela, Ana María Freire Fernández, Carmen Silva Vázquez, Jessica López Sobrado e Ana Negro García exercen como vocais do consello, reforzando o compromiso coa igualdade de xénero.

Representación e territorialidade

O novo consello tamén reflicte a diversidade territorial de AIRA, que conta con máis de 3.000 socios e socias distribuídos polas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. Cada membro do consello reitor pertence a unha das áreas onde AIRA ten delegacións, garantindo así unha ampla representación do conxunto do sector.

Durante a asemblea, José Manuel López Tellado, presidente saínte, presidiu a sesión e quixo agradecer persoalmente a confianza depositada durante estes oito anos de mandato, sinalando “o orgullo de pertencer a unha Cooperativa que é un exemplo de unión, responsabilidade e compromiso co futuro do noso rural”.

Conta de resultados

No transcurso da asemblea tamén se presentaron as contas do exercicio anterior e realizouse un balance dos datos obtidos. Daniel Ferreiro, exdirector xeral de AIRA, que continuou ó longo destes meses a colaborar coa Cooperativa, encargouse de presentar este balance de resultados, xa que é tamén o último exercicio baixo a súa dirección.

Ferreiro destacou que no 2024 AIRA acadou un volume de negocio de 205,5 millóns de euros e un EBITDA de 8,5 millóns de euros, un dato que continúa a amosar a solidez financeira da Cooperativa. Dos 5,1 millóns de euros de beneficio neto, 2,006 millóns de euros pasan a aumentar o capital social dos socios e socias de AIRA.

Mirada ó futuro

Coa incorporación en xaneiro deste ano do novo Director Xeral, Cándido Cancelo Cabanas, AIRA inicia unha nova etapa na que se reforza o compromiso coa sostibilidade, a cercanía coas persoas socias e unha clara proxección de futuro, co obxectivo de seguir fortalecendo a Cooperativa como referente do cooperativismo agroalimentario galego e estatal.

AIRA reivindica as súas raíces e impulsa a súa ‘tribo’ na segunda Convención da Cooperativa

Cándido Cancelo, Director Xeral de AIRA, xunto co seu predecesor, Daniel Ferreiro, durante o Encontro dos traballadores de AIRA.

AIRA destaca a valía dos seus 300 empregados como parte fundamental da gran Tribo AIRA, integrada tamén polos máis de 3.000 socios da Cooperativa

 

A cooperativa AIRA celebrou este venres o segundo Encontro de traballadores baixo o lema AIRA, xuntos de raíz, no hotel Finca Quinteliña, de Chantada. Deste xeito, a Cooperativa agroalimentaria puxo o foco nas raíces que a sustentan e a vinculan ó territorio. Ó mesmo tempo, tamén reivindicou o poder da cooperación e o esforzo do equipo de profesionais de AIRA, que son parte imprescindible da gran ‘Tribo AIRA’.

“Xuntos de Raíz é moito máis ca unha frase. Define o que somos e o que queremos seguir sendo: unha tribo. Nunha tribo, todos importan. Cada persoa conta. Aquí non hai pezas pequenas nin papeis secundarios. O traballo de cada quen é fundamental para que o conxunto funcione. AIRA é moito máis ca unha Cooperativa, AIRA é unha gran tribo formada por gandeiros, agricultores, traballadores e técnicos, que compartimos un obxectivo claro: fortalecer o noso sector, protexer o noso medio de vida e garantir o futuro das próximas xeracións no rural galego”, expón Cándido Cancelo, Director Xeral de AIRA, nunha clara declaración de intencións de cara ó devir da Cooperativa nos próximos anos.

AIRA, cooperativa agroalimentaria de referencia

No Encontro, no que participaron arredor dos 300 traballadores e traballadoras que integran AIRA, Cancelo destacou que AIRA se converteu nunha cooperativa agroalimentaria de referencia no noroeste de España, liderando a evolución do sector cun modelo sostible e centrado nas persoas.

“O sector agroalimentario enfróntase a retos complexos, como a dixitalización, a demanda de produtos sostibles e respectuosos co medio ambiente, a necesidade de atraer e reter talento de xente moza… Pero o reto non é só adaptarnos, o verdadeiro reto é evolucionar sen perder a nosa esencia. Modernizar a cooperativa, mellorar procesos, ser máis eficientes e innovadores, sen deixar nunca de ser o que somos: unha cooperativa de persoas, de socios, de familias, de traballadores comprometidos co seu traballo e coa terra”, indica Cancelo.

Cambio de directiva en AIRA

A Convención de Empregados serviu ademais de presentación oficial ante todo o persoal de AIRA do novo Director Xeral da Cooperativa, Cándido Cancelo, que tomou o relevo a comezos de ano, trala xubilación de Daniel Ferreiro. Foi o propio Ferreiro, que continúa a colaborar de xeito significativo coa Cooperativa durante estes primeiros meses da incorporación de Cándido, quen fixo a súa presentación ante o persoal.

Ferreiro realizou ademais un percorrido pola traxectoria de AIRA, dende os primeiros pasos daquelas 30 cooperativas relevantes que comenzaron a traballar en común no 2005 para dar lugar á fusión no 2018 así como os proxectos que permitiron que AIRA sexa hoxe unha cooperativa agroalimentaria de referencia. Ferreiro agradeceu a todos os compañeiros a súa colaboración e os momentos vividos ó longo destes máis de 20 anos vinculado á Cooperativa.

Tamén a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou, a través dun breve vídeo, o papel relevante de AIRA como motor do rural galego. “Sodes fundamentais para asegurar un rural sostible dende todos os puntos de vista. Moitos parabéns polo voso esforzo, compromiso co medio rural e polo voso traballo”, destacou Gómez.

A Convención resultou unha xornada de encontro, confraternidade e fortalecemento entre o equipo AIRA con dinámicas formativas que ocuparon boa parte do día. Ademais de contar con outros saúdos especiais, como o do presentador da Televisión de Galicia, Xosé Ramón Gayoso.

AIRA y GARCÍA BAQUERO sellan una alianza estratégica para producir queso en Galicia

Ambas entidades suman esfuerzos con esta alianza estratégica para comenzar a elaborar quesos en Galicia y con leche de las ganaderías socias de la Cooperativa

 

La cooperativa agroganadera AIRA y el grupo GARCÍA BAQUERO acaban de sellar una alianza estratégica para producir quesos elaborados en Galicia.

El acuerdo unirá la experiencia y el conocimiento en la cadena de suministro por parte de AIRA con la capacidad comercial y productiva de GARCÍA BAQUERO, garantizando así una operación sostenible, eficiente y de valor añadido para los socios, trabajadores, consumidores y clientes de ambas entidades.

Con esta alianza estratégica se creará QUEIXOS DE GALICIA S.L. que refuerza la apuesta y el compromiso por promover conjuntamente la elaboración, el desarrollo, la innovación y la internacionalización de los quesos gallegos. De este modo, ambas entidades suman esfuerzos para comenzar a producir quesos elaborados en Galicia y con leche de las ganaderías socias de la Cooperativa.

“Con esta iniciativa ambas entidades reafirmamos nuestro compromiso con el desarrollo del sector agroalimentario gallego y la creación de valor en toda la cadena de suministro. A través de esta colaboración y esfuerzo conjunto trabajamos para consolidar la excelencia de nuestros productos, posicionando Galicia como referente de quesos de calidad elaborados con el sabor y la tradición de Galicia”, valora Daniel Ferreiro, director general de AIRA.

“Esta alianza no solo fortalecerá la posición de ambas compañías en el mercado, sino que también generará un mayor valor para los clientes. Además, brindará a GARCÍA BAQUERO la oportunidad de iniciar una nueva etapa de colaboración con AIRA, orientada a ofrecer productos y servicios de la más alta calidad, consolidando la marca del queso gallego y explorando nuevas y vanguardistas tendencias dentro de esta categoría”, explica Miguel Ángel García Baquero, consejero delegado de GARCÍA BAQUERO.

Sector quesero gallego

El acuerdo generará un impacto positivo para la economía local, así como para clientes y consumidores, que disfrutarán de productos elaborados bajo los más altos estándares de calidad, consolidando la marca de queso gallego y desarrollando nuevas tendencias innovadoras en este sector.

Así se lo trasladaron desde ambas entidades en un encuentro de trabajo con la conselleira de Medio Rural, María José Gómez, en el que también participó el director general de Ganadería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. En la reunión por parte de AIRA asistieron su presidente, José Manuel López Tellado; el director general, Daniel Ferreiro, y el vicepresidente, Javier Taboada. En representación de GARCÍA BAQUERO participó su consejero delegado, Miguel Ángel García Baquero.

Asemblea Xeral de AIRA 2023

AIRA dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

 

Neste primeiro lustro, AIRA inviste máis de 33 millóns de euros, boa parte deles destinados á transformación do leite das ganderías socias. A Cooperativa mantén a tendencia de crecemento en tódalas áreas de negocio e incrementa o volume de actividade

 

AIRA celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que se presentaron as contas deste último ano ós seus socios e socias e se fixo balance dos primeiros 5 anos de traxectoria dende o proceso de integración realizado no 2018. Neste primeiro lustro de actividade AIRA conseguiu dobrar o volume de negocio e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento continúo e significativo durante tódolos exercicios.

A Cooperativa segue amosándose coma unha empresa líder e en plena fase de expansión. AIRA medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, coma o leite ou o penso. A Cooperativa segue a manter o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo en tódalas áreas de negocio, en especial no volume de actividade da fábrica de penso e na planta láctea”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

AIRA logrou un nivel de EBITDA de 7,2 millóns de euros, que permiten á Cooperativa afrontar o volume de investimentos que manexa. Nestes 5 anos AIRA investiu máis de 33 millóns de euros. A transformación láctea é unha das prioridades claras de AIRA e destinaron un 70% dos investimentos á industrialización, en especial á planta láctea de Melide. Mentres, investiron preto de 12 millóns de euros noutras actividades de interese para a Cooperativa. “Só no 2023 temos previsto destinar a investimentos outros 5 millóns de euros”, detalla Ferreiro.

No último ano, algúns dos proxectos destacados foron a construción dun novo taller para os carros mesturadores da Cooperativa e unha nova gasolineira, que se atopan aínda en plena fase de construción.

A Cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros, dos que máis do 50% capitalizaráselle ós asociados.

Leite e penso, motores de AIRA

A comercialización do leite das ganderías socias segue sendo unha das prioridades e un dos motores de AIRA. No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte ós 91 millóns de litros de leite que se xestionaban no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da Cooperativa. Ademais, nestes 5 anos, AIRA pasou a transformar o 55% deste leite nas industrias lácteas nas que participa. “A transformación do leite é unha das prioridades de AIRA e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzos”, ratificou Ferreiro na asemblea.

A fabricación de alimentos para o gando é outra das actividades principais da Cooperativa. Nestes 5 anos, AIRA conseguiu dobrar o volume de produción e só no 2022 fabricáronse máis de 270.000 toneladas de penso e mesturas húmidas, unhas cifras polas que se mantén coma unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España.

A dixitalización das granxas

A Cooperativa tamén está destinando importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas, con programas especializados como o TRAC PLUS, co que ademais de proporcionar ferramentas de utilidade para as ganderías buscan poder chegar a certificar todo o proceso dende a granxa ó consumidor, cunha trazabilidade completa. “Tentamos dar resposta ás esixencias que se lle presentan ás granxas socias dende Europa”, explica Ferreiro.

Ademais, as ganderías de AIRA seguen a colaborar en distintos proxectos para a análise da pegada de carbono e hídrica, para seguir apostando por unha produción sostible.

Renovación de pradeiras

Pradeiras a comezos do outono, tras un verán con temperaturas extremas e moi seco.

A seca extrema é un dos factores determinantes que pode condicionar as pradeiras, polo que é preciso seguir a evolución que experimentan os prados coas primeiras chuvias do outono para decidir se é preciso sementar de novo e facer unha renovación das pradeiras.

Os prados de curta duración (os italianos) adoitan renovarse no 2º ou 3º ano. Mentres, nos de longa duración (ingleses) esta renovación faise habitualmente no 4º e 5º ano. Se coas chuvias de outono a cantidade de herba de raigrás é pouca recoméndase renovalo e sementala de novo.

Recomendacións para a sementeira do outono

En termos xerais, para prados de curta duración recoméndase empregar a mestura F-2 para a sementeira. Porén, para as pradeiras de longa duración está indicada a mestura F-4.

Para lograr boas producións, recoméndase preparar a terra o mellor posible e utilizar maquinaria de precisión e unha dose de sementeira de 35-40 quilos por hectárea.

Un bo abonado tamén será determinante para a colleita de herba. Así, é recomendable aplicar xurro para o abonado da terra ou entre 300 ou 400 quilos dunha fórmula de inverno de fertilización.

Á marxe destas recomendacións xerais para a renovación de pradeiras, a Cooperativa conta con técnicos especializados que poden ofrecer as indicacións agronómicas necesarias para lograr boas producións de herba nas pradeiras.

AIRA coñece a estratexia do sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións

De esquerda a dereita: Dr. Ángel Pereira, representante de AIRA; Raquel López Fernández (Directora de Transformación en CENTRAL LECHERA ASTURIANA SAT), Robert Harmoinen (Development manager, biogas production & circular economy), Juan Sagarna (Director de Sustentabilidade, Calidade e Innovación en Cooperativas Agro-Alimentarias), Ana Alicia Bolivar Lara (Responsable de medio ambiente, Operacións e Estratexia Dixital en COVAP) e Victorio Manuel Collado Alcalá (Departamento Gandería en Cooperativas Agro-Alimentarias).

Unha representación da cooperativa AIRA visitou o país nórdico dentro dun proxecto europeo liderado por Cooperativas Agroalimentarias de España

A cooperativa AIRA acaba de coñecer a estratexia que segue o sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións e potenciar a economía circular a través do biometano, entre outras medidas.

En concreto, o pasado 15 de setembro, un representante de AIRA visitou o país nórdico dentro do proxecto COOPID (COOPeration of bioeconomy clústers for bio-based knowledge transfer via Innovative Dissemination techniques in the primary production sector), unha iniciativa liderada e coordinada por Cooperativas Agro-Alimentarias de España, coa que coñecer de preto as medidas tomadas polo sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións.

O obxectivo do proxecto, no que tamén participan outras cooperativas lácteas de referencia en España como Central Lechera Asturiana e COVAP, é a difusión de boas prácticas agroalimentarias para a redución da pegada de carbono desde o sector primario, para a súa implementación e adaptación á realidade de cada rexión.

Coñecer a experiencia das ganderías

Neste caso visitáronse dúas granxas da cooperativa VALIO, que recolle e transforma o 80% do leite de Finlandia. Estas ganderías usan biometano producido maioritariamente do esterco e descartes de granxa para xerar calor e electricidade e/ou a súa purificación posterior a biogás comprimido para uso en vehículos adaptados. En concreto, o biometano producido nas granxas fornece a coches de particulares adaptados a CBG e ás cisternas de recollida de leite de Valio nesa rexión finlandesa.

Así mesmo, a delegación na que participou AIRA estudou a estratexia de “Pegada de Carbono Cero – 2035” que segue a cooperativa Valio para lograr a súa neutralidade entre emisións e fixación de carbono nese ano.

O biometano producido fornece a coches de particulares adaptados a CBG e ás cisternas de recollida de leite de Valio nesa rexión

 

Dende Friol, gandería Casa Gabino

José, María José, e o seu fillo Iván. Gandería Casa Gabino.

A gandería familiar Casa Gabino SC de Friol (Lugo) é das granxas de vacún de leite socias de AIRA. María José Lorenzo e José Higinio Río, xunto co seu fillo Iván atópanse á fronte da gandería que conta cun rabaño dunhas 170 cabezas, das que teñen sobre 80 en muxido.

Casa Gabino é unha das ganderías galegas que está a apostar de xeito decidido pola mellora xenética como ferramenta fundamental para conseguir unha granxa rendible. Dende hai uns 10 anos dedicaron importantes recursos e esforzos por conseguir un rabaño de animais non só cunha boa produción senón tamén con alto valor xenético.

“Os primeiros pasos démolos coa compra de 4 animais na derradeira poxa do centro de Transferencia Embrionaria de Bos, con dous animais de boa xenética que tiñamos na granxa e empregando embrións seleccionados”, recorda Iván. Foi precisamente el o maior impulsor desta aposta na granxa.

Xunto coa mellora xenética, Casa Gabino foi unha das primeiras granxas que quixo xenotipar os seus animais. Hoxe todo o rabaño téñeno xenotipado, o que lles permite ter unha maior información na toma de decisións para lograr os animais que buscan. “Moitas ganderías só teñen as xovenca xenotipadas, pero é importante telas todas porque che permite elixir os animais sendo consciente das posibilidades que tes de conseguir o que buscas.

Moitas veces unha vaca cunha produción boa de leite non transmitirá eses valores ás súas crías e iso sábelo co xenotipado”, apunta o gandeiro.

Teñen animais de alto valor xenético e todo o rabaño xenotipado para seguir apostando por lograr os animais que queren

Iván recoñece que ten un xeito diferenciado de abordar a mellora xenética na granxa, apostando por realizar os acoplamentos para cada animal en particular, mentres que moitas ganderías optan por traballar con 3 ou 4 sementais que lles proporcionan os resultados que buscan.

“É unha metodoloxía que para ganderías de maior tamaño sería inviable, pero que no meu caso, aínda que supón moito traballo, é asumible e coa que conseguimos os animais que buscamos”, explica.

A maioría do seu rabaño é de raza Frisoa, aínda que recentemente tamén incorporou dous exemplares de raza Fleckvieh, por coñecer por si as potencialidades desta raza de orixe austríaca e que ten dobre aptitude, tanto para carne como para leite. “Nós apostamos pola Frisoa e non imos cambiar o rabaño, nin facer cruces, pero é outra liña que queremos estudar e ver se pode ser rendible na granxa”, apunta.

Non só o leite aporta valor na granxa

A aposta pola xenética converteuse noutra fonte de ingresos para a gandería á marxe do leite. “Vivimos da produción do leite, pero esta é unha forma de mellorar a rendibilidade, aínda que inicialmente supón un investimento importante”, recoñece.

Na gandería teñen unha produción media duns 35 litros por vaca cunhas calidades que adoitan situarse de media en
valores de 4,20% en graxa e 3,45% en proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa e contan co asesoramento do control de calidade do leite de AIRA.

Teñen o rabaño estabulado e moxen nunha sala de 10 puntos. Están a piques de comezar as obras para instalar un robot de muxido. “Unha vez que funcionemos con el valoraremos se seguimos cos dous sistemas ou se instalamos un segundo robot”, concreta.

A venda de animais de alto valor xenético está a supoñer outra vía para incrementar a rendibilidade para a granxa. Así, nestes anos xa levan vendidos máis de 60 machos como sementais para outras ganderías e 9 deles para o Centro de Xenética Fontao, así como embrións. Polo momento, as femias empréganas para recría propia, pero tamén teñen previsto vender xovencas paridas.

No seu día a día na granxa e cunha aposta decida por animais de alto valor xenético botan man dos servizos de asesoramento da Cooperativa en temas como a nutrición do gando, a reprodución ou a atención veterinaria clínica. “Sempre tentan buscar solucións no menor tempo posible e axudarche para que poidas facer unha boa xestión da granxa”, valora o gandeiro.

Hoxe esta gandería atópase entre as 25 mellores de España por ICO e entre as 10 mellores de Galicia.

Publicado no boletín de AIRA de setembro de 2022

Asemblea Xeral de AIRA 2022

AIRA continúa medrando e pecha o 2021 cun crecemento do 9%

A Cooperativa medra por cuarto ano consecutivo pese ó importante recorte de marxes realizado para conter o incremento dos custos de produción derivados da crise actual.

AIRA acada unha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros e medra en tódalas áreas de negocio, en especial nas de referencia como o leite ou penso

AIRA celebrou este mércores a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que presentou as contas deste último ano ós seus socios e socias. A Cooperativa segue consolidándose como unha empresa líder e en plena fase de expansión, ó lograr este ano un crecemento do 9,1%. AIRA continúa medrando a un ritmo sostible e nestes 4 anos dende que se formalizara o proceso de integración no 2018 logrou un crecemento do 39%.

AIRA medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro coma o leite ou o penso. A Cooperativa segue a manter o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós preto de 3.000 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo, como ven sendo habitual, a base de recortar as marxes de beneficio”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

Buscamos conter os prezos tanto dos produtos como dos servizos que se ofrecen na Cooperativa para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias

Ademais, neste 2021 a Cooperativa buscou contribuír a afrontar o incremento dos custos de produción que se sufriu no agro. “Fixemos un esforzo adicional na Cooperativa coa intención de paliar o forte incremento que experimentaron os custos de produción. Buscamos conter os prezos tanto dos produtos como dos servizos que se ofrecen na Cooperativa para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias”, concreta Ferreiro.

A Cooperativa pechou 2021 cunha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros, ó manterse como un referente nas áreas de negocio. AIRA logrou un nivel de EBITDA de 5,6 millóns de euros, que permiten á Cooperativa afrontar o volume de investimentos que manexan e que ademais deixa un excedente neto de 2,4 millóns de euros, dos que máis do 50% se capitalizará ós asociados.

AIRA acadou no 2021 as previsións que barallaba e comercializou 115 millóns de litros de leite e contou cunha produción de 250.000 toneladas de penso, unhas cifras polas que se mantén como unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España. Ademais, a Cooperativa destinou a investimentos nestes anos 15 millóns de euros, poñendo especial interese na comercialización e transformación, así é que na planta de transformación do leite de Melide fixéronse inversións por valor de 24 millóns de euros.

Renovación do Consello reitor

Á marxe da presentación das contas, outro dos temas incluídos na orde do día da Asemblea foi a actualización e modernización dos estatutos da Cooperativa para adaptarse ás necesidades e ritmos actuais. Ademais, procedeuse á renovación da metade dos cargos do Consello reitor, tal e como recollen os estatutos da Cooperativa. O proceso foi ratificado polas socias e socios presentes e mantivéronse tódolos cargos, a excepción do segundo vogal, dado o cese de actividade, por xubilación do seu predecesor.

Dende As Nogais, Gandería Moeda Estacas

Eladio e Jennifer con algúns dos animais da súa gandería.

Moeda Estacas é unha das ganderías de vacún de carne socias de AIRA, asentada no concello lugués de As Nogais. Á fronte desta granxa en semiextensivo atópanse Eladio Sánchez, que comezou coa gandería hai máis de 20 anos. Dende hai 10 anos tamén se sumou á actividade, como cotitular, a súa muller Jennifer Busto. No 2019 constituíron Moeda Estacas SC e nos últimos anos tamén afrontaron a construción de novas instalacións para o seu gando.

Eladio comezou con vacas do país, pero hoxe no seu rabaño hai tamén outras razas que foron gañando espazo. “Se por min fora tería só Rubia Galega, son uns animais que me gustan moito, pero os problemas de consanguinidade que está tendo a raza fixeron que fose tendo que meter outras. Nós buscamos animais que sexan produtivos na gandería”, recoñece o gandeiro. Hoxe teñen 55 vacas, das que 20 son de Rubia Galega e teñen ademais cruces con Limousin, así como exemplares de Asturiana. Ademais teñen un boi de raza Limousin, dada a facilidade de parto que ofrece esta raza, aínda que ata hai pouco contaban tamén con outro de Rubia Galega. Logo de afrontar a construción de novas instalacións, a intención é seguir incrementando o número de animais e mesmo chegar a duplicalo.

Esta é unha gandería en semiextensivo na que teñen un rabaño que permanece fóra boa parte do ano e outro lote no que as vacas saen ó pasto a media mañá e volven á granxa á noite para que os xatos mamen. O feito de que a gandería se sitúe na montaña lucencese, a case 900 metros de altitude, condiciona tamén o manexo do gando. “Dende abril e ata finais de novembro, cun dos rabaños as vacas permanecen no pasto tanto de día como de noite”, apunta o gandeiro. O resto dos meses, en pleno inverno, a falta de pasto e as inclemencias meteorolóxicas, fan que as vacas teñan que estar na granxa. “O terreo aquí é ladeiro e brando, polo que mentres o tempo non é bo non podemos botar o gando”, comenta Eladio.

Optimizar a produción das pradeiras

Lograr un mellor aproveitamento do xurro e ter unhas instalacións máis cómodas foron os motivos que levaron a este matrimonio á construción da nova granxa. “Tiñamos problemas para almacenar todo o xurro nos meses de inverno, o que nos obrigaba a sacar no xurro cando tiñamos cheo e non cando realmente sería de utilidade para facer un bo abonado. Ter as novas fosas permítenos lograr unha maior produción de herba de calidade”, recorda o gandeiro.

Ademais, contar cunha fosa de xurro ben dimensionada permítelles reducir a inversión en abonos químicos. “Este ano reducimos moito a inversión en química ó dispoñer de xurro. Complementamos aportándolle cal nas parcelas que o precisaban”, detalla.

Na gandería manexan unhas 42 hectáreas de terreo que destinan á produción de pasto, así como de herba seca e silo de herba. “Encargámonos de facer nós case todas as forraxes que necesitamos na granxa, só mercamos a palla”, apunta o gandeiro.

Moeda Estacas é unha das ganderías que emprega o servizo de comercialización de carne da Cooperativa para a venda dos seus animais

Ademais das novas instalacións, aínda manteñen unha nave de 700 metros cadrados que aproveitan para o cebo dos xatos xa que tamén contan con fosas para o xurro e amplos espazos que lle facilitan tanto o manexo como a crianza dos xatos. “Optamos por ter a maioría dos becerros na corte porque así podemos garantirlle que sempre están nas mellores condicións, é a mellor maneira de proporcionarlle benestar todo o ano, sen que sufran por frío, choiva ou calor e tendo sempre comida a libre disposición”, apunta. Ademais, a gandería atópase na ADS, unha medida máis de garantir a seguridade sanitaria dos seus animais.

Moeda Estacas é unha das ganderías que vende os seus animais a través do servizo de comercialización da Cooperativa. Venden os seus animais baixo o selo de Ternera Gallega Suprema cando teñen arredor de 10 meses e logo de estar ata os 7 meses mamando das nais. Boa parte dos becerros que venden son machos, xa que as becerras que nacen na gandería críanas, nunha aposta pola recría propia.

Publicado no boletín de AIRA de xullo de 2022.

Dende Friol, Gandería Currás Xiá

Inés e Montserrat xunto coas nenas na gandería.

A gandería de vacún Currás Xiá, de Friol (Lugo), unha das granxas socias de AIRA centrada na produción de leite. É das ganderías familiares onde a remuda veu de man da súa filla, Inés Jul López, que agora se encarga do manexo diario dos animais xunto coa súa nai, Monserrat. Mentres, Plácido, pai, marido e o socio fundador da gandería está máis centrado na xestión das terras.

“Repartímonos o traballo, nolas dúas encargámonos dos animais e das rutinas diarias da granxa como o muxido e meu pai fai o de fóra. Todos somos moi conscientes da importancia que ten tanto o traballo na granxa como o das terras. Sen un non tería sentido nin sería viable o outro”, apunta Inés. Dende hai uns meses contan tamén cun empregado que axuda en tarefas como a limpeza dos animais.

Aínda que Inés traballou durante uns anos noutro sector, decidiu volver hai xa 12 anos para Friol e incorporarse á gandería, na que está totalmente implicada. O cambio, ademais doutras vantaxes, permítelle ás súas tres fillas pequenas, Uxía, Erea e Iria, desfrutar da gandería. “Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”, valora a gandeira.

Currás Xiá é hoxe en día unha das ganderías destacadas no vacún de leite no concello de Friol. Con máis de 300 cabezas ten unhas 140 vacas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que lle vende á Cooperativa. A súa produción media atópase nos 37 litros por animal. É unha das ganderías que están certificadas na produción de leite en AIRA.

Teñen unhas 140 vacas frisoas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite que venden á Cooperativa. Son das ganderías certificadas

Na granxa Currás Xiá todo o rabaño é de raza frisoa. Nas instalacións máis novas, que construíron hai 9 anos, teñen os animais en produción. Recentemente instalaron un robot de muxido, co que aliviar a carga de traballo. Manteñen tamén o muxido en sala debido ó número de vacas que moxen. Así, as vacas en produción téñenas divididas en dous lotes, en función de se se moxen no robot ou na sala.

Ó ter estes dous sistemas de muxido tamén as racións están adaptadas a cada un deles. A ración das vacas que se moxen na sala leva 23 quilos de silo de millo, arredor de 20 quilos de silo de herba e 10 quilos de concentrado. Mentres, as vacas que se moxen no robot teñen unha ración de 23 quilos de silo de millo outros tantos de silo de herba e 5 quilos de concentrado “xa que o resto do penso dáselle no robot”, explica Aurora Vila, técnica de Aira que se encarga do asesoramento da alimentación na gandería.

“Unha vez preñadas, as vacas están no pasto ata case un mes antes do parto que volven para a granxa”

Nas instalacións antigas da gandería, situadas a carón da casa familiar, teñen a recría divida por lotes en función da idade dos animais. Aínda que é unha granxa en intensivo, unha vez que as vacas están preñadas están no pasto ata case un mes antes do parto que volven para a granxa.

A gandería xestiona unhas 45 hectáreas de millo, que teñen en dúas parcelas alugadas dende hai anos. “O maior problema é que unha das fincas de 20 hectáreas está a 10 quilómetros da granxa”, explica Montserrat. Ademais, ensilan arredor dunhas 100 hectáreas de herba. Aínda que se encargan en boa medida da produción dos forraxes, contan cos servizos de maquinaria de AIRA para a campaña de ensilado tanto de herba coma de millo.

Publicado no boletín de AIRA de abril de 2022