Dende Friol, Gandería Currás Xiá

Inés e Montserrat xunto coas nenas na gandería.

A gandería de vacún Currás Xiá, de Friol (Lugo), unha das granxas socias de AIRA centrada na produción de leite. É das ganderías familiares onde a remuda veu de man da súa filla, Inés Jul López, que agora se encarga do manexo diario dos animais xunto coa súa nai, Monserrat. Mentres, Plácido, pai, marido e o socio fundador da gandería está máis centrado na xestión das terras.

“Repartímonos o traballo, nolas dúas encargámonos dos animais e das rutinas diarias da granxa como o muxido e meu pai fai o de fóra. Todos somos moi conscientes da importancia que ten tanto o traballo na granxa como o das terras. Sen un non tería sentido nin sería viable o outro”, apunta Inés. Dende hai uns meses contan tamén cun empregado que axuda en tarefas como a limpeza dos animais.

Aínda que Inés traballou durante uns anos noutro sector, decidiu volver hai xa 12 anos para Friol e incorporarse á gandería, na que está totalmente implicada. O cambio, ademais doutras vantaxes, permítelle ás súas tres fillas pequenas, Uxía, Erea e Iria, desfrutar da gandería. “Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”, valora a gandeira.

Currás Xiá é hoxe en día unha das ganderías destacadas no vacún de leite no concello de Friol. Con máis de 300 cabezas ten unhas 140 vacas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que lle vende á Cooperativa. A súa produción media atópase nos 37 litros por animal. É unha das ganderías que están certificadas na produción de leite en AIRA.

Teñen unhas 140 vacas frisoas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite que venden á Cooperativa. Son das ganderías certificadas

Na granxa Currás Xiá todo o rabaño é de raza frisoa. Nas instalacións máis novas, que construíron hai 9 anos, teñen os animais en produción. Recentemente instalaron un robot de muxido, co que aliviar a carga de traballo. Manteñen tamén o muxido en sala debido ó número de vacas que moxen. Así, as vacas en produción téñenas divididas en dous lotes, en función de se se moxen no robot ou na sala.

Ó ter estes dous sistemas de muxido tamén as racións están adaptadas a cada un deles. A ración das vacas que se moxen na sala leva 23 quilos de silo de millo, arredor de 20 quilos de silo de herba e 10 quilos de concentrado. Mentres, as vacas que se moxen no robot teñen unha ración de 23 quilos de silo de millo outros tantos de silo de herba e 5 quilos de concentrado “xa que o resto do penso dáselle no robot”, explica Aurora Vila, técnica de Aira que se encarga do asesoramento da alimentación na gandería.

“Unha vez preñadas, as vacas están no pasto ata case un mes antes do parto que volven para a granxa”

Nas instalacións antigas da gandería, situadas a carón da casa familiar, teñen a recría divida por lotes en función da idade dos animais. Aínda que é unha granxa en intensivo, unha vez que as vacas están preñadas están no pasto ata case un mes antes do parto que volven para a granxa.

A gandería xestiona unhas 45 hectáreas de millo, que teñen en dúas parcelas alugadas dende hai anos. “O maior problema é que unha das fincas de 20 hectáreas está a 10 quilómetros da granxa”, explica Montserrat. Ademais, ensilan arredor dunhas 100 hectáreas de herba. Aínda que se encargan en boa medida da produción dos forraxes, contan cos servizos de maquinaria de AIRA para a campaña de ensilado tanto de herba coma de millo.

Publicado no boletín de AIRA de abril de 2022

Dende Taboada, gandería Cadahías de San Julián SC

Os irmáns Santiago y Andrés Gómez Cadahía na súa gandería de vacún de leite.

A carón do río Miño, ó seu paso polo concello lugués de Taboada, atópase a gandería familiar Cadahías de San Julián SC, unha das granxas socias de AIRA centradas no vacún de leite. Os irmáns Andrés e Santiago Gómez Cadahía xestionan esta gandería coa que xa comezaran seus pais na parroquia de Ínsua San Julián.

Contan cunhas 160 vacas en produción, cun manexo en intensivo, e outras 40 vacas secas e xovencas próximas ó parto que saen tódolos días ó pasto. “Nos meses de xullo e agosto esta zona é moi seca e case non teñen pasto, pero con todo, botámolas para o prado polo ben que lles senta para previr problemas, en especial de patas”, explica Andrés.

O rabaño complétase cunhas 70 becerras de recría. Apostan pola recría propia con touros galegos, procedentes de Xenética Fontao como Gigaball, GioP ou San Xurxo, así como animais canadenses, como Bombero e Zebra. “Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño, aínda que leve tempo, vanse vendo os resultados”, argumenta o gandeiro.

“Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño”

Dende que Andrés e Santiago xestionan a granxa centráronse na raza Frisoa. “Ás veces diversificar e ter distintas razas no rabaño, como tiñan antes meus pais, tampouco te leva a nada. Nós fixámonos uns obxectivos e decidimos apostar por esta raza para conseguilos”, detallan.

Na gandería Cadahías de San Julián SC fan dous muxidos ó día e teñen unha media de 37 litros por vaca ó día, cunhas calidades de 3,8 % de graxa e 3,3 % de proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa. “O peor problema do sector é que non podemos repercutir os incrementos dos custes, a diferenza do que acontece noutros ámbitos. Somos conscientes de que dende a Cooperativa se fan esforzos nesa liña, pero a industria segue a mirar para outro lado”, valora o gandeiro.

Teñen un rabaño de frisoas, cunhas 160 vacas en produción e onde apostan pola recría propia

Traballan con sala de muxido e polo momento descartan incorporar robots de muxido. “Para as vacas que temos en produción teriamos que meter tres robots e supón unha gran inversión”, indica Andrés. Foron introducindo outros sistemas de automatización do manexo da granxa como o achegador de comida ou unha amamantadeira para a recría, que é unha das últimas melloras.

No día a día da granxa, Andrés encárgase da xestión dos animais, mentres que os labores da terra recaen habitualmente en Santiago. “Temos o traballo organizado así, aínda que nas épocas de maior carga de traballo colaboramos onde se precise”, indican. Ademais dos dous irmáns, na gandería contan con empregados para axudar nas tarefas do día a día.

Alimentación do gando

A alimentación das vacas en produción realízana co carro mesturador que adquiriron novo á Cooperativa, logo de traballar durante anos cun de segunda man e dado que a granxa se atopa fóra das rutas da Cooperativa. “Mercamos os carros en AIRA porque traballan cunha moi boa marca e teñen unha gran capacidade de resposta cando tes unha eventualidade. Nunha máquina que está traballando tódolos días non podes permitirte que falle e se pasa tes que saber que contas cun servizo que che ofreza solucións no menor tempo posible”, comenta o gandeiro.

Na granxa Cadahías de San Julián tamén botan man da Cooperativa para temas como a colleita do millo. “Boa parte dos traballos do campo facémolos nós, pero hai tarefas nas que sempre optamos pola Cooperativa”, explican. A gandería manexa unha base territorial dunhas 70 hectáreas, das que 30 dedícanas a millo. “Temos alugadas algunhas fincas en Monterroso, xa que alí lógranse mellores producións que nesta zona e compénsanos”, indica. Puntualmente mercan ademais millo para suplir as necesidades do gando.

“Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”

Na gandería Cadahías reivindican o apaixonante que resulta o traballo no agro e o día a día cos seus animais, pero recoñecen que este é aínda un sector moi pouco valorado, a diferenza do que acontece noutros países. “Séguese infravalorando o campo, e sen os produtores non se sostería o rural. O peche das ganderías é un problema grave para moitos núcleos rurais. Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”, conclúe Andrés Cadahía.

Publicado no boletín de AIRA de decembro de 2021.