Concurso de debuxo infantil para o Calendario AIRA 2026

 

AIRA lanza un novo concurso de debuxos dirixido a familiares de socios/as e traballadores/as da Cooperativa. Os debuxos seleccionados formarán parte do Calendario AIRA 2026.

 

Queremos ver AIRA a través dos seus ollos!

 

Quen poden participar?

Nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, que sexan familiares de socios ou empregados/as de AIRA.

Temática do debuxo: Que é para ti AIRA?
Convidamos aos/as participantes a expresar, con total liberdade e creatividade, o que AIRA significa para eles/as.

Como participar?
Os debuxos deben entregarse:

Por correo postal, ou en calquera delegación de AIRA,
en sobre pechado, incluíndo:

  • Nome e teléfono de contacto
  • Número de socio ou empregado/a
  • Relación familiar coa/o participante

Data límite: Poden entregar os debuxos ata o 10 de outubro.

Selección e premios:
12 debuxos serán seleccionados polo persoal de AIRA

Entre estes 12, o artista e antigo socio de AIRA, José Randolfe, elixirá 3 gañadores/as finais que recibirán como agasallo unha tablet Samsung Galaxy Tab A9+.

Ao resto de debuxos seleccionados outorgaráselles diplomas de finalista.

Publicación de resultados:
O 17 de outubro de 2025 anunciaranse os debuxos seleccionados e o/o gañador/a.

A ter en conta:
O debuxo debe presentarse en formato A4 en apaisado. Participando neste concurso, aceptas que os debuxos poidan ser utilizados por AIRA como parte do deseño e difusión do Calendario AIRA 2026. Os debuxos que non conten cos datos de contacto serán descalificados.
Aira Sociedade Cooperativa Galega resérvase o dereito de modificar ou anular estas bases sen previo aviso. Así como a declarar deserto o certame se se considera oportuno.

Animádevos a participar, porque queremos que o calendario do próximo ano leve tamén a mirada e a ilusión dos máis pequenos/as da familia cooperativa!

Alerta sanitaria: Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC)

A Dermatosis Nodular Contagiosa (DNC) é unha enfermidade vírica que afecta exclusivamente ó gando bovino. Detectada xa en países como Italia e Francia, existe un risco real da súa entrada en Galicia, polo que as autoridades sanitarias insisten na necesidade de extremar as medidas preventivas.

Que é a DNC?

A DNC está causada por un virus da familia Poxviridae, que afecta ao gando bovino e que provoca lesións cutáneas (nódulos), febre, perda de condición corporal e unha redución significativa da produción de leite. Non supón ningún risco para a saúde humana, nin se transmite polo consumo de carne ou leite.

Vías de transmisión

A enfermidade pode transmitirse por:

  • Picaduras de insectos vectores (moscas, mosquitos, carrachas).
  • Contacto directo entre animais infectados.
  • Vehículos, material ou persoas contaminadas.

Síntomas a vixiar

Os gandeiros deben estar atentos a signos como:

  • Febre alta.
  • Nódulos na pel, mucosas ou ubres.
  • Inflamación dos ganglios linfáticos.
  • Descenso na produción de leite e perda de peso.

Ante calquera sospeita, é fundamental contactar inmediatamente co noso servizo veterinario.

Medidas de prevención

  • Evitar, na medida do posible, a compra ou traslado de gando de zonas afectadas.
  • Garantir unha limpeza e desinfección rigorosa dos vehículos de transporte.
  • Manter condicións óptimas de hixiene na explotación.
  • Empregar repelentes ou insecticidas en épocas de alta presenza de insectos.
  • Incrementar a vixilancia diaria do rabaño.

Consecuencias dunha detección positiva

A DNC é unha enfermidade de declaración obrigatoria. No caso de detectarse un positivo, aplícanse medidas estritas como o baleirado sanitario e a inmobilización do gando nun radio de 20 km, o que supón un forte impacto económico para as explotacións afectadas e a súa contorna.

É importante recalcar que a DNC non representa ningún risco para a saúde humana, nin se transmite mediante o consumo de produtos lácteos ou cárnicos.

Resumo en PDF sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNS)

A nosa prioridade é protexer as vosas explotacións e o sector bovino galego. Segue estas recomendacións e mantén o contacto co noso servizo veterinario no caso de calquera incidencia ou dúbida.

 

 

AIRA aposta por un consello reitor con forte presenza feminina e renovación xeracional

José Ramón Ratón, novo presidente de AIRA, lidera un órgano reitor que representa a diversidade do sector cun amplo abano de idades e traxectorias

AIRA celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que, entre outros puntos, se renovou o consello reitor segundo establecen os seus estatutos. A única candidatura presentada, encabezada por José Ramón Ratón Varela, da granxa Riazón SC, (Chantada, Lugo), foi ratificada por maioría.

Ratón, que xa formara parte do anterior consello, pasa a presidir un equipo no que se incorpora como vicepresidenta Inés Jul López e no que tamén continúan persoas con experiencia previa como Óscar López Sánchez, secretario; Eladio Sánchez López, tesoureiro; así como José Salgueiro Pérez e José Manuel Gómez Feás, ambos como vocais. A eles súmanse tamén como vocais: Ana María Freire Fernández, Román Torres Labrada, Carmen Silva Vázquez, Adrián Blanco Ulloa, Jessica López Sobrado, Antonio López Rodríguez, Ana Negro García e José Manuel Mahía Porto.

Este novo consello reitor busca representar a diversidade do sector agrogandeiro e ten un marcado carácter interxeracional, ó contar con membros de entre 23 e os 60 anos. Así a gandeira Ana María Freire Fernández, da gandería O Castelo SC, (Palas de Rei, Lugo), con 23 anos, é un claro exemplo da renovación xeracional que se está a producir en moitas ganderías socias de AIRA. Non é un caso illado, xa que a media de idade deste novo consello reitor sitúase nos 44 anos.

Ó mesmo tempo, este novo órgano reitor tamén valora a experiencia e o saber daqueles gandeiros e gandeiras que xa contan cunha ampla traxectoria no agro e no mundo do cooperativismo.

“Imos continuar traballando con compromiso sobre todo o que, con tanto esforzo, se foi construíndo ata hoxe, e seguir sumando vontades para que AIRA sexa sentida e vivida por todas as socias e socios que a conforman”, apuntou o novo presidente de AIRA, José Ramón Ratón.

Á vangarda da representación feminina

Con cinco mulleres no consello reitor, AIRA consolídase como unha das primeiras cooperativas do Estado cunha representación feminina destacada neste órgano. Inés Jul López, da gandería Currás Xiá López (Friol, Lugo), convértese na primeira vicepresidenta de AIRA. Xunto con ela, Ana María Freire Fernández, Carmen Silva Vázquez, Jessica López Sobrado e Ana Negro García exercen como vocais do consello, reforzando o compromiso coa igualdade de xénero.

Representación e territorialidade

O novo consello tamén reflicte a diversidade territorial de AIRA, que conta con máis de 3.000 socios e socias distribuídos polas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. Cada membro do consello reitor pertence a unha das áreas onde AIRA ten delegacións, garantindo así unha ampla representación do conxunto do sector.

Durante a asemblea, José Manuel López Tellado, presidente saínte, presidiu a sesión e quixo agradecer persoalmente a confianza depositada durante estes oito anos de mandato, sinalando “o orgullo de pertencer a unha Cooperativa que é un exemplo de unión, responsabilidade e compromiso co futuro do noso rural”.

Conta de resultados

No transcurso da asemblea tamén se presentaron as contas do exercicio anterior e realizouse un balance dos datos obtidos. Daniel Ferreiro, exdirector xeral de AIRA, que continuou ó longo destes meses a colaborar coa Cooperativa, encargouse de presentar este balance de resultados, xa que é tamén o último exercicio baixo a súa dirección.

Ferreiro destacou que no 2024 AIRA acadou un volume de negocio de 205,5 millóns de euros e un EBITDA de 8,5 millóns de euros, un dato que continúa a amosar a solidez financeira da Cooperativa. Dos 5,1 millóns de euros de beneficio neto, 2,006 millóns de euros pasan a aumentar o capital social dos socios e socias de AIRA.

Mirada ó futuro

Coa incorporación en xaneiro deste ano do novo Director Xeral, Cándido Cancelo Cabanas, AIRA inicia unha nova etapa na que se reforza o compromiso coa sostibilidade, a cercanía coas persoas socias e unha clara proxección de futuro, co obxectivo de seguir fortalecendo a Cooperativa como referente do cooperativismo agroalimentario galego e estatal.

AIRA reivindica as súas raíces e impulsa a súa ‘tribo’ na segunda Convención da Cooperativa

Cándido Cancelo, Director Xeral de AIRA, xunto co seu predecesor, Daniel Ferreiro, durante o Encontro dos traballadores de AIRA.

AIRA destaca a valía dos seus 300 empregados como parte fundamental da gran Tribo AIRA, integrada tamén polos máis de 3.000 socios da Cooperativa

 

A cooperativa AIRA celebrou este venres o segundo Encontro de traballadores baixo o lema AIRA, xuntos de raíz, no hotel Finca Quinteliña, de Chantada. Deste xeito, a Cooperativa agroalimentaria puxo o foco nas raíces que a sustentan e a vinculan ó territorio. Ó mesmo tempo, tamén reivindicou o poder da cooperación e o esforzo do equipo de profesionais de AIRA, que son parte imprescindible da gran ‘Tribo AIRA’.

“Xuntos de Raíz é moito máis ca unha frase. Define o que somos e o que queremos seguir sendo: unha tribo. Nunha tribo, todos importan. Cada persoa conta. Aquí non hai pezas pequenas nin papeis secundarios. O traballo de cada quen é fundamental para que o conxunto funcione. AIRA é moito máis ca unha Cooperativa, AIRA é unha gran tribo formada por gandeiros, agricultores, traballadores e técnicos, que compartimos un obxectivo claro: fortalecer o noso sector, protexer o noso medio de vida e garantir o futuro das próximas xeracións no rural galego”, expón Cándido Cancelo, Director Xeral de AIRA, nunha clara declaración de intencións de cara ó devir da Cooperativa nos próximos anos.

AIRA, cooperativa agroalimentaria de referencia

No Encontro, no que participaron arredor dos 300 traballadores e traballadoras que integran AIRA, Cancelo destacou que AIRA se converteu nunha cooperativa agroalimentaria de referencia no noroeste de España, liderando a evolución do sector cun modelo sostible e centrado nas persoas.

“O sector agroalimentario enfróntase a retos complexos, como a dixitalización, a demanda de produtos sostibles e respectuosos co medio ambiente, a necesidade de atraer e reter talento de xente moza… Pero o reto non é só adaptarnos, o verdadeiro reto é evolucionar sen perder a nosa esencia. Modernizar a cooperativa, mellorar procesos, ser máis eficientes e innovadores, sen deixar nunca de ser o que somos: unha cooperativa de persoas, de socios, de familias, de traballadores comprometidos co seu traballo e coa terra”, indica Cancelo.

Cambio de directiva en AIRA

A Convención de Empregados serviu ademais de presentación oficial ante todo o persoal de AIRA do novo Director Xeral da Cooperativa, Cándido Cancelo, que tomou o relevo a comezos de ano, trala xubilación de Daniel Ferreiro. Foi o propio Ferreiro, que continúa a colaborar de xeito significativo coa Cooperativa durante estes primeiros meses da incorporación de Cándido, quen fixo a súa presentación ante o persoal.

Ferreiro realizou ademais un percorrido pola traxectoria de AIRA, dende os primeiros pasos daquelas 30 cooperativas relevantes que comenzaron a traballar en común no 2005 para dar lugar á fusión no 2018 así como os proxectos que permitiron que AIRA sexa hoxe unha cooperativa agroalimentaria de referencia. Ferreiro agradeceu a todos os compañeiros a súa colaboración e os momentos vividos ó longo destes máis de 20 anos vinculado á Cooperativa.

Tamén a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou, a través dun breve vídeo, o papel relevante de AIRA como motor do rural galego. “Sodes fundamentais para asegurar un rural sostible dende todos os puntos de vista. Moitos parabéns polo voso esforzo, compromiso co medio rural e polo voso traballo”, destacou Gómez.

A Convención resultou unha xornada de encontro, confraternidade e fortalecemento entre o equipo AIRA con dinámicas formativas que ocuparon boa parte do día. Ademais de contar con outros saúdos especiais, como o do presentador da Televisión de Galicia, Xosé Ramón Gayoso.

Cándido Cancelo novo director xeral da Cooperativa AIRA tras a xubilación de Daniel Ferreiro

Daniel Ferreiro Otero, José Manuel López Tellado y Cándido Cancelo Cabanas en la sede de AIRA en Taboada.

O cambio na directiva farase efectivo a partir do 1 de xaneiro. AIRA recoñece o labor de Ferreiro ó longo destes anos para coordinar a fusión que deu lugar ó que hoxe é a Cooperativa e impulsar proxectos destacados da mesma

 

Cándido Cancelo Cabanas será o novo director xeral de AIRA a partir do 1 de xaneiro de 2025, tras a xubilación de Daniel Ferreiro Otero, quen se despide de AIRA despois de dúas décadas vinculado á Cooperativa e unha traxectoria centrada no impulso do cooperativismo e no sector agroalimentario.

Cándido Cancelo chega a AIRA tras unha destacada traxectoria profesional tanto a nivel nacional como internacional. Cancelo conta con máis de 20 anos de experiencia na dirección e desenvolvemento de proxectos estratéxicos en mercados globais e en distintos sectores. “AIRA é un referente no sector agroalimentario e agardo contribuír a seguir facendo que esta Cooperativa sexa un motor do agro galego, ó tempo que se mantén a carón dos 3.000 socios que a integran”, valora Cándido Cancelo, novo director xeral de AIRA.

Nestes primeiros meses, Cancelo contará coa colaboración do seu predecesor, posto que Daniel Ferreiro continuará vinculado á Cooperativa para facilitar este proceso de remuda na directiva da Cooperativa. “Contar coa colaboración de Daniel Ferreiro ó longo dos próximos meses será de utilidade para que esta transición se faga dun xeito áxil e ordenado”, indica Cándido Cancelo.

Máis de 20 anos na Cooperativa

AIRA agradece a dedicación e implicación de Daniel Ferreiro á Cooperativa durante máis de 20 anos de traxectoria. O seu traballo e entrega foron decisivos en momentos claves da historia e no percorrido da Cooperativa para chegar a converterse no que é hoxe en día.

Ferreiro contribuíu ó entendemento entre as distintas cooperativas tanto para a creación da fábrica de pensos de Taboada, como na integración que deu orixe a AIRA no 2018. Ademais, Ferreiro foi clave para que algúns dos proxectos destacados de AIRA se fixeran realidade, como é a planta de transformación láctea de Melide, o crecemento sostible e exponencial da propia Cooperativa ou novas liñas de negocio como o recente acordo coa firma García Baquero para a fabricación de queixos en Galicia con leite procedente das ganderías socias.

“Daniel Ferreiro foi o faro que nos guiou no camiño da integración para a creación de AIRA e grazas ó seu traballo e tesón viron a luz proxectos cos que conseguir a valorización dos produtos das ganderías e explotacións dos socios e socias de AIRA. Estamos fondamente agradecidos pola súa dedicación ó longo de todos estes anos, facéndoo sempre dun xeito próximo e favorecendo o entendemento”, valora José Manuel López Tellado, presidente de AIRA.

AIRA e GARCÍA BAQUERO selan unha alianza estratéxica para producir queixo en Galicia

Ambas entidades suman esforzos con esta alianza estratéxica para comezar a elaborar queixos en Galicia e con leite das ganderías socias da Cooperativa

 

A cooperativa agrogandeira AIRA e o grupo GARCÍA BAQUERO acaban de selar unha alianza estratéxica para producir queixos elaborados en Galicia.

O acordo unirá a experiencia e o coñecemento na cadea de subministro por parte de AIRA coa capacidade comercial e produtiva de GARCÍA BAQUERO, garantindo así unha operación sostible, eficiente e de valor engadido para os socios, traballadores, consumidores e clientes de ambas entidades.

Con esta alianza estratéxica crearase QUEIXOS DE GALICIA S.L. que reforza a aposta e o compromiso por promover conxuntamente a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos galegos. Deste xeito, ambas entidades suman esforzos para comezar a producir queixos elaborados en Galicia e con leite das ganderías socias da Cooperativa.

“Con esta iniciativa ambas entidades reafirmamos o noso compromiso co desenvolvemento do sector agroalimentario galego e a creación de valor en toda a cadea de subministro. A través desta colaboración e esforzo conxunto traballamos para consolidar a excelencia dos nosos produtos, posicionando Galicia como referente de queixos de calidade elaborados co sabor e a tradición de Galicia”, valora Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

“Esta alianza non só fortalecerá a posición de ambas compañías no mercado, senón que tamén xerará un maior valor para os clientes. Ademais, brindará a GARCÍA BAQUERO a oportunidade de iniciar unha nova etapa de colaboración con AIRA, orientada a ofrecer produtos e servizos da máis alta calidade, consolidando a marca do queixo galego e explorando novas e vangardistas tendencias dentro desta categoría”, explica Miguel Ángel García Baquero, conselleiro delegado de GARCÍA BAQUERO.

Sector queixeiro galego

O acordo xerará un impacto positivo para a economía local, así como para clientes e consumidores, que disfrutarán de produtos elaborados baixo os máis altos estándares de calidade, consolidando a marca de queixo galego e desenvolvendo novas tendencias innovadoras neste sector.

Así llo trasladaron dende ambas entidades nun encontro de traballo coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no que tamén participou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Na xuntanza por parte de AIRA asistiron o seu presidente, José Manuel López Tellado; o director xeral, Daniel Ferreiro, e o vicepresidente, Javier Taboada. En representación de GARCÍA BAQUERO participou o seu conselleiro delegado, Miguel Ángel García Baquero.

Plataforma para socios de AIRA

Dende a plataforma para socios de AIRA poderás acceder a toda a túa documentación como socio da Cooperativa e realizar diferentes xestións do día a día da granxa ou explotación agraria.

Nesta información relatamos os pasos a seguir para rexistrarte dun xeito sinxelo. Tamén podes ver que tipos de xestións se poden facer nesta plataforma para socios de AIRA:

Como me rexistro?

1.  Accede a socios.aira.es/alta para cumprimentar os teus datos.

2. Recibirás un correo electrónico para configurar o teu contrasinal.

A miña conta

Pulsando no teu nome, accederás ao panel da túa conta. Neste apartado podes ver os teus datos persoais e atopar todos os documentos de interese á túa disposición, coma os acordos cooperativos de carne ou de leite, entre outra información.

Que xestións podo facer?

 1.  Tratamentos

Libro de tratamentos veterinarios: Podes ver e descargar os libros de tratamentos da túa gandería. Este sistema substituirá o libro en papel, co cal cada vez que se realice un cambio nalgún tratamento, deberá facer clic en “xerar” para ter o teu libro actualizado.

Tratamentos veterinarios: se os tratamentos son creados dende a plataforma de AIRA, terás dispoñibles os datos completos dos diagnósticos dos veterinarios, unha vez que se dispense a receita correspondente. Neste caso só terás que cumprimentar a data de inicio e fin.

No caso de que os tratamentos non sexan dixitais ou se creen nun sistema externo a AIRA, terás a opción de rexistrar manualmente o tratamento facendo clic na opción que aparece ao final da páxina. Debes cubrir os datos marcados cun asterisco (*), como por exemplo a data, o número de receita, o diagnóstico etc.

2. Facturas

Neste menú poderás acceder e descargar todas as túas facturas de compras nas tendas e gasolineiras, vendas de leite ou outras como as de becerros, castañas, artigos de horta etc.

Como solicito axuda?

Podes enviar unha mensaxe ao noso equipo de soporte no menú ‘Contacto’ ou ben consultar as ‘Preguntas frecuentes’ no símbolo ‘?’.

Como descargo a web?

  • No ordenador: A través da ligazón socios.aira.es/gl_ES/.
  • No móbil: Preme nos tres puntos da esquina superior dereita e selecciona a opción ‘instalar aplicación’ e finalmente volve pulsar en instalar.

 

AIRA finaliza o proxecto Trac Plus, financiado polo Ministerio de Transformación Dixital

A innovación e a optimización dos procesos produtivos forma parte dos eixos nos que se move a cooperativa agrogandeira AIRA. Por iso, hai dous anos puxo en marcha o proxecto Trac Plus, financiado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dentro da convocatoria Red.es. Para levalo a cabo realizouse unha inversión de 391.895 euros e contouse cunha axuda pública de 156.758 euros.

A través desta iniciativa, buscábase desenvolver solucións dixitais específicas, a través de tecnoloxía de intelixencia artificial e conseguir a dixitalización dos axentes implicados na cadea de valor do sector lácteo, garantir a seguridade alimentaria e unha trazabilidade completa dende a terra ata os produtos que saen da planta de Melide.

Este proxecto desenvolveuse a través de seis grupos de traballo: produción vexetal, alimentación animal, clínica, calidade do leite, reprodución e asesoramento, sendo esta última a base de todas as demais. Nunha primeira fase congregouse toda a información que hai detrás dun produto lácteo, dende os alimentos que comen os animais ata que o consumidor consome o produto. É dicir, toda a información que se obtiña de diversas fontes (OVGAN, Ligal, CEGACOL, Delagros, ODOO, Laboratorio de Mouriscade, Rock River, ASM Lácteo,Kmilk, Gando e información das ADS) dixitalizouse e congregouse nun sistema no que se pode ver cada valor de maneira sinxela.

Para poder levar a cabo a investigación contouse coa colaboración de 10 ganderías que empregan diversos servizos (alimentación, clínica, carros ou ADS, entre outros) e entregan o leite á Cooperativa, de maneira que se podía integrar a información nos produtos transformados.

Con todos os sistemas de información e coa colaboración das ganderías, actualmente cóntase con ferramentas que foron probadas nun contexto controlado, coas granxas participantes e uns lotes de produtos que se fabricaron na planta de Melide. Así, tamén se conseguiu obter a trazabilidade de dentro da planta de Melide deses lotes que serviron de piloto para o proxecto. O seguinte obxectivo é automatizar todos os procesos de introdución de datos.

Finalizado o prazo de execución e cumpridos os obxectivos do proxecto, dende AIRA indican que este traballo continuará en desenvolvemento, dentro das liñas de dixitalización da cooperativa e seguirase profundando para que poida ser unha realidade para todos os socios/as e que as ferramentas desenvoltas se poidan integrar na rutina diaria da cooperativa.

AIRA duplica o volume de negocio dende a fusión

A cooperativa agrogandeira AIRA celebrou hoxe, martes 16 de xullo, a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo). Durante o encontro, presentáronse as contas do exercicio anterior e realizouse un balance dos datos obtidos, que amosan uns resultados moi positivos.

Neste ano 2023, ao igual que nos anos anteriores, AIRA continuou a medrar ata acadar un volume de negocio de 203,6 millóns de euros, duplicando o volume de negocio dende a fusión. É o resultado dun crecemento sostido que experimentou dende a fusión producida en 2018. En conxunto, todas as empresas do grupo acadaron unha facturación de 241,7 millóns de euros.

AIRA obtivo un EBITDA de 7,6 millóns de euros, un dato que mostra a solidez financeira da entidade e permite afrontar con solvencia os 38,6 millóns de euros destinados a investimentos nas diferentes áreas de actividade: transformación/comercialización, subministración e servicios.

Dos 4,9 millóns de euros de beneficio neto, 2,8 millóns repartiranse, incrementando o capital dos socios e socias.

A cooperativa medrou nas tres grandes áreas de negocio, en especial naquelas actividades de referencia para o sector, coma o leite ou o penso: Comercializando 117 millóns de litros de leite (case o 100 % con certificado de Benestar Animal) e producindo máis de  277.000 toneladas de penso e mesturas, elaboradas nas plantas de Taboada e Sarria toneladas de penso.

Máis aló da relevancia dos propios números, o mais importante é o valor que a cooperativa achega aos socios e ao entorno rural onde desenvolve a actividade, resaltou Daniel Ferreiro, director xeral da cooperativa e encargado de presentar os resultados ante os socios e socias. Ferreiro fixo fincapé na gran problemática que hai nos últimos tempos para conseguir man de obra para traballar no medio rural, “tanto para as ganderías como para a cooperativa está sendo unha traba importante”.

Dixitalización e sustentabilidade

Coa finalidade de aliñarse coa estratexia europea ‘De la Granja a la Mesa’, na cooperativa ponse o foco na sustentabilidade e na dixitalización tanto da propia entidade coma dos socios e socias. Este mecanismo busca un modelo agroalimentario máis sostible e para cumprilo é preciso determinar medidas a aplicar dende os cultivos ou nas granxas ata os propios consumidores/as. En AIRA trabállase nese sentido para conseguir unha economía más limpa e sostible. Como mostra, a cooperativa forma parte do proxecto CEPES, que mellora a competitividade das explotacións de gando de vacún de leite mediante a innovación ecolóxica e a produción hipocarbónica cun asesoramento para a redución da pegada de carbono e hídrica.

Durante o pasado ano estiveron inmersos no proxecto Trac Plus, unha iniciativa financiada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. A través do mesmo, puidéronse desenvolver solucións dixitais específicas para levar a cabo a dixitalización dos axentes implicados na cadea de valor do sector lácteo (dende a produción agrícola ata os produtos lácteos). Deste xeito, conséguese garantir a seguridade alimentaria e unha trazabilidade completa ata a entrega ao cliente final.

Tamén é preciso destacar o traballo que se está a levar a cabo coas granxas robotizadas e por iso o equipo de AIRA especializouse para ofrecer solucións avanzadas en canto á xestión de datos nestas explotacións, dándolle valor á eficacia e precisión na operativa diaria de estas granxas leiteiras modernas, de xeito que permitan optimizar a produción, mellorar a saúde do rabaño e maximizar a rendibilidade da granxa. Como primeiros operadores en vacún de leite, dende AIRA deséñase un programa que está en continua evolución.

Técnicos de AIRA participan no Congreso de Anembe

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) celebrou o XXVI Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina. O evento tivo lugar entre os días 24 e 26 de abril en Córdoba (Andalucía) e ata alí foron 12 técnicos de distintas áreas de actuación de AIRA (clínicos, alimentación, ADS, reprodución e calidade do leite).

No evento contan con relatores internacionais de primeiro nivel, que achegan os últimos avances científicos da produción bovina e que ten por finalidade formar aos profesionais veterinarios. Nesta edición, o equipo técnico de alimentación da Cooperativa levou a cabo unha presentación, a cal espertou un grande interese entre os/as congresistas.

José Luis López Salgueiro e José María Viana Ferreiro, ambos veterinarios e técnicos do equipo de alimentación, realizaron unha análise na que estudaron como afectan distintos parámetros na produción en varias explotacións con muxido robotizado, alimentadas con mestura húmida fabricada na planta de AIRA de Sarria. López Salgueiro foi o encargado de presentar os principais resultados no Congreso coa charla ‘A culpa non é da alimentación’.

A particularidade do estudo reside en que todas as granxas analizadas teñen a mesma alimentación, localización e homoxeneidade nos parámetros de xestión robótica no muxido. Estudaron catro granxas, todas próximas, co obxecto de que compartisen un ambiente o máis semellante. As explotacións comparten o mesmo sistema de muxido, o robotizado coa mesma marca. Tamén a mesma alimentación de mestura húmida Unifeed máis penso robot (Airobot©). Están na mesma zona xeográfica, coa mesma climatoloxía (humidade e temperatura) e mesmo sistema de estabulación: libre con cubículos e circulación libre. Tamén comparten o deseño de táboas de alimentación dos robots de muxido e prezos da comida. Por último, outro parámetro que teñen igual é a idade dos xerentes, que son mozos.

Deste xeito as desviacións individuais que existen nos resultados non poderán ser atribuídas á alimentación. As variacións nos resultados deberase a ouros factores: deseño das instalacións, ventilación, confort, manexo de animais, manexo do robot, ocupación etc.