Dende As Nogais, Gandería Moeda Estacas

Ganadería Moeda Estacas
Eladio e Jennifer con algúns dos animais da súa gandería.

Moeda Estacas é unha das ganderías de vacún de carne socias de AIRA, asentada no concello lugués de As Nogais. Á fronte desta granxa en semiextensivo atópanse Eladio Sánchez, que comezou coa gandería hai máis de 20 anos. Dende hai 10 anos tamén se sumou á actividade, como cotitular, a súa muller Jennifer Busto. No 2019 constituíron Moeda Estacas SC e nos últimos anos tamén afrontaron a construción de novas instalacións para o seu gando.

Eladio comezou con vacas do país, pero hoxe no seu rabaño hai tamén outras razas que foron gañando espazo. “Se por min fora tería só Rubia Galega, son uns animais que me gustan moito, pero os problemas de consanguinidade que está tendo a raza fixeron que fose tendo que meter outras. Nós buscamos animais que sexan produtivos na gandería”, recoñece o gandeiro. Hoxe teñen 55 vacas, das que 20 son de Rubia Galega e teñen ademais cruces con Limousin, así como exemplares de Asturiana. Ademais teñen un boi de raza Limousin, dada a facilidade de parto que ofrece esta raza, aínda que ata hai pouco contaban tamén con outro de Rubia Galega. Logo de afrontar a construción de novas instalacións, a intención é seguir incrementando o número de animais e mesmo chegar a duplicalo.

Esta é unha gandería en semiextensivo na que teñen un rabaño que permanece fóra boa parte do ano e outro lote no que as vacas saen ó pasto a media mañá e volven á granxa á noite para que os xatos mamen. O feito de que a gandería se sitúe na montaña lucencese, a case 900 metros de altitude, condiciona tamén o manexo do gando. “Dende abril e ata finais de novembro, cun dos rabaños as vacas permanecen no pasto tanto de día como de noite”, apunta o gandeiro. O resto dos meses, en pleno inverno, a falta de pasto e as inclemencias meteorolóxicas, fan que as vacas teñan que estar na granxa. “O terreo aquí é ladeiro e brando, polo que mentres o tempo non é bo non podemos botar o gando”, comenta Eladio.

Optimizar a produción das pradeiras

Lograr un mellor aproveitamento do xurro e ter unhas instalacións máis cómodas foron os motivos que levaron a este matrimonio á construción da nova granxa. “Tiñamos problemas para almacenar todo o xurro nos meses de inverno, o que nos obrigaba a sacar no xurro cando tiñamos cheo e non cando realmente sería de utilidade para facer un bo abonado. Ter as novas fosas permítenos lograr unha maior produción de herba de calidade”, recorda o gandeiro.

Ademais, contar cunha fosa de xurro ben dimensionada permítelles reducir a inversión en abonos químicos. “Este ano reducimos moito a inversión en química ó dispoñer de xurro. Complementamos aportándolle cal nas parcelas que o precisaban”, detalla.

Na gandería manexan unhas 42 hectáreas de terreo que destinan á produción de pasto, así como de herba seca e silo de herba. “Encargámonos de facer nós case todas as forraxes que necesitamos na granxa, só mercamos a palla”, apunta o gandeiro.

Moeda Estacas é unha das ganderías que emprega o servizo de comercialización de carne da Cooperativa para a venda dos seus animais

Ademais das novas instalacións, aínda manteñen unha nave de 700 metros cadrados que aproveitan para o cebo dos xatos xa que tamén contan con fosas para o xurro e amplos espazos que lle facilitan tanto o manexo como a crianza dos xatos. “Optamos por ter a maioría dos becerros na corte porque así podemos garantirlle que sempre están nas mellores condicións, é a mellor maneira de proporcionarlle benestar todo o ano, sen que sufran por frío, choiva ou calor e tendo sempre comida a libre disposición”, apunta. Ademais, a gandería atópase na ADS, unha medida máis de garantir a seguridade sanitaria dos seus animais.

Moeda Estacas é unha das ganderías que vende os seus animais a través do servizo de comercialización da Cooperativa. Venden os seus animais baixo o selo de Ternera Gallega Suprema cando teñen arredor de 10 meses e logo de estar ata os 7 meses mamando das nais. Boa parte dos becerros que venden son machos, xa que as becerras que nacen na gandería críanas, nunha aposta pola recría propia.

Publicado no boletín de AIRA de xullo de 2022.