AIRA coñece a estratexia do sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións

sector lácteo de Finlandia
De esquerda a dereita: Dr. Ángel Pereira, representante de AIRA; Raquel López Fernández (Directora de Transformación en CENTRAL LECHERA ASTURIANA SAT), Robert Harmoinen (Development manager, biogas production & circular economy), Juan Sagarna (Director de Sustentabilidade, Calidade e Innovación en Cooperativas Agro-Alimentarias), Ana Alicia Bolivar Lara (Responsable de medio ambiente, Operacións e Estratexia Dixital en COVAP) e Victorio Manuel Collado Alcalá (Departamento Gandería en Cooperativas Agro-Alimentarias).

Unha representación da cooperativa AIRA visitou o país nórdico dentro dun proxecto europeo liderado por Cooperativas Agroalimentarias de España

A cooperativa AIRA acaba de coñecer a estratexia que segue o sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións e potenciar a economía circular a través do biometano, entre outras medidas.

En concreto, o pasado 15 de setembro, un representante de AIRA visitou o país nórdico dentro do proxecto COOPID (COOPeration of bioeconomy clústers for bio-based knowledge transfer via Innovative Dissemination techniques in the primary production sector), unha iniciativa liderada e coordinada por Cooperativas Agro-Alimentarias de España, coa que coñecer de preto as medidas tomadas polo sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións.

O obxectivo do proxecto, no que tamén participan outras cooperativas lácteas de referencia en España como Central Lechera Asturiana e COVAP, é a difusión de boas prácticas agroalimentarias para a redución da pegada de carbono desde o sector primario, para a súa implementación e adaptación á realidade de cada rexión.

Coñecer a experiencia das ganderías

Neste caso visitáronse dúas granxas da cooperativa VALIO, que recolle e transforma o 80% do leite de Finlandia. Estas ganderías usan biometano producido maioritariamente do esterco e descartes de granxa para xerar calor e electricidade e/ou a súa purificación posterior a biogás comprimido para uso en vehículos adaptados. En concreto, o biometano producido nas granxas fornece a coches de particulares adaptados a CBG e ás cisternas de recollida de leite de Valio nesa rexión finlandesa.

Así mesmo, a delegación na que participou AIRA estudou a estratexia de “Pegada de Carbono Cero – 2035” que segue a cooperativa Valio para lograr a súa neutralidade entre emisións e fixación de carbono nese ano.

O biometano producido fornece a coches de particulares adaptados a CBG e ás cisternas de recollida de leite de Valio nesa rexión