Dende Friol, gandería Casa Gabino

Casa Gabino
José, María José, e o seu fillo Iván. Gandería Casa Gabino.

A gandería familiar Casa Gabino SC de Friol (Lugo) é das granxas de vacún de leite socias de AIRA. María José Lorenzo e José Higinio Río, xunto co seu fillo Iván atópanse á fronte da gandería que conta cun rabaño dunhas 170 cabezas, das que teñen sobre 80 en muxido.

Casa Gabino é unha das ganderías galegas que está a apostar de xeito decidido pola mellora xenética como ferramenta fundamental para conseguir unha granxa rendible. Dende hai uns 10 anos dedicaron importantes recursos e esforzos por conseguir un rabaño de animais non só cunha boa produción senón tamén con alto valor xenético.

“Os primeiros pasos démolos coa compra de 4 animais na derradeira poxa do centro de Transferencia Embrionaria de Bos, con dous animais de boa xenética que tiñamos na granxa e empregando embrións seleccionados”, recorda Iván. Foi precisamente el o maior impulsor desta aposta na granxa.

Xunto coa mellora xenética, Casa Gabino foi unha das primeiras granxas que quixo xenotipar os seus animais. Hoxe todo o rabaño téñeno xenotipado, o que lles permite ter unha maior información na toma de decisións para lograr os animais que buscan. “Moitas ganderías só teñen as xovenca xenotipadas, pero é importante telas todas porque che permite elixir os animais sendo consciente das posibilidades que tes de conseguir o que buscas.

Moitas veces unha vaca cunha produción boa de leite non transmitirá eses valores ás súas crías e iso sábelo co xenotipado”, apunta o gandeiro.

Teñen animais de alto valor xenético e todo o rabaño xenotipado para seguir apostando por lograr os animais que queren

Iván recoñece que ten un xeito diferenciado de abordar a mellora xenética na granxa, apostando por realizar os acoplamentos para cada animal en particular, mentres que moitas ganderías optan por traballar con 3 ou 4 sementais que lles proporcionan os resultados que buscan.

“É unha metodoloxía que para ganderías de maior tamaño sería inviable, pero que no meu caso, aínda que supón moito traballo, é asumible e coa que conseguimos os animais que buscamos”, explica.

A maioría do seu rabaño é de raza Frisoa, aínda que recentemente tamén incorporou dous exemplares de raza Fleckvieh, por coñecer por si as potencialidades desta raza de orixe austríaca e que ten dobre aptitude, tanto para carne como para leite. “Nós apostamos pola Frisoa e non imos cambiar o rabaño, nin facer cruces, pero é outra liña que queremos estudar e ver se pode ser rendible na granxa”, apunta.

Non só o leite aporta valor na granxa

A aposta pola xenética converteuse noutra fonte de ingresos para a gandería á marxe do leite. “Vivimos da produción do leite, pero esta é unha forma de mellorar a rendibilidade, aínda que inicialmente supón un investimento importante”, recoñece.

Na gandería teñen unha produción media duns 35 litros por vaca cunhas calidades que adoitan situarse de media en
valores de 4,20% en graxa e 3,45% en proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa e contan co asesoramento do control de calidade do leite de AIRA.

Teñen o rabaño estabulado e moxen nunha sala de 10 puntos. Están a piques de comezar as obras para instalar un robot de muxido. “Unha vez que funcionemos con el valoraremos se seguimos cos dous sistemas ou se instalamos un segundo robot”, concreta.

A venda de animais de alto valor xenético está a supoñer outra vía para incrementar a rendibilidade para a granxa. Así, nestes anos xa levan vendidos máis de 60 machos como sementais para outras ganderías e 9 deles para o Centro de Xenética Fontao, así como embrións. Polo momento, as femias empréganas para recría propia, pero tamén teñen previsto vender xovencas paridas.

No seu día a día na granxa e cunha aposta decida por animais de alto valor xenético botan man dos servizos de asesoramento da Cooperativa en temas como a nutrición do gando, a reprodución ou a atención veterinaria clínica. “Sempre tentan buscar solucións no menor tempo posible e axudarche para que poidas facer unha boa xestión da granxa”, valora o gandeiro.

Hoxe esta gandería atópase entre as 25 mellores de España por ICO e entre as 10 mellores de Galicia.

Publicado no boletín de AIRA de setembro de 2022