Asemblea Xeral de AIRA 2022

AIRA continúa medrando e pecha o 2021 cun crecemento do 9%

A Cooperativa medra por cuarto ano consecutivo pese ó importante recorte de marxes realizado para conter o incremento dos custos de produción derivados da crise actual.

AIRA acada unha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros e medra en tódalas áreas de negocio, en especial nas de referencia como o leite ou penso

AIRA celebrou este mércores a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que presentou as contas deste último ano ós seus socios e socias. A Cooperativa segue consolidándose como unha empresa líder e en plena fase de expansión, ó lograr este ano un crecemento do 9,1%. AIRA continúa medrando a un ritmo sostible e nestes 4 anos dende que se formalizara o proceso de integración no 2018 logrou un crecemento do 39%.

AIRA medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro coma o leite ou o penso. A Cooperativa segue a manter o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós preto de 3.000 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo, como ven sendo habitual, a base de recortar as marxes de beneficio”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

Buscamos conter os prezos tanto dos produtos como dos servizos que se ofrecen na Cooperativa para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias

Ademais, neste 2021 a Cooperativa buscou contribuír a afrontar o incremento dos custos de produción que se sufriu no agro. “Fixemos un esforzo adicional na Cooperativa coa intención de paliar o forte incremento que experimentaron os custos de produción. Buscamos conter os prezos tanto dos produtos como dos servizos que se ofrecen na Cooperativa para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias”, concreta Ferreiro.

A Cooperativa pechou 2021 cunha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros, ó manterse como un referente nas áreas de negocio. AIRA logrou un nivel de EBITDA de 5,6 millóns de euros, que permiten á Cooperativa afrontar o volume de investimentos que manexan e que ademais deixa un excedente neto de 2,4 millóns de euros, dos que máis do 50% se capitalizará ós asociados.

AIRA acadou no 2021 as previsións que barallaba e comercializou 115 millóns de litros de leite e contou cunha produción de 250.000 toneladas de penso, unhas cifras polas que se mantén como unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España. Ademais, a Cooperativa destinou a investimentos nestes anos 15 millóns de euros, poñendo especial interese na comercialización e transformación, así é que na planta de transformación do leite de Melide fixéronse inversións por valor de 24 millóns de euros.

Renovación do Consello reitor

Á marxe da presentación das contas, outro dos temas incluídos na orde do día da Asemblea foi a actualización e modernización dos estatutos da Cooperativa para adaptarse ás necesidades e ritmos actuais. Ademais, procedeuse á renovación da metade dos cargos do Consello reitor, tal e como recollen os estatutos da Cooperativa. O proceso foi ratificado polas socias e socios presentes e mantivéronse tódolos cargos, a excepción do segundo vogal, dado o cese de actividade, por xubilación do seu predecesor.