Renovación de pradeiras

Pradeiras a comezos do outono, tras un verán con temperaturas extremas e moi seco.

A seca extrema é un dos factores determinantes que pode condicionar as pradeiras, polo que é preciso seguir a evolución que experimentan os prados coas primeiras chuvias do outono para decidir se é preciso sementar de novo e facer unha renovación das pradeiras.

Os prados de curta duración (os italianos) adoitan renovarse no 2º ou 3º ano. Mentres, nos de longa duración (ingleses) esta renovación faise habitualmente no 4º e 5º ano. Se coas chuvias de outono a cantidade de herba de raigrás é pouca recoméndase renovalo e sementala de novo.

Recomendacións para a sementeira do outono

En termos xerais, para prados de curta duración recoméndase empregar a mestura F-2 para a sementeira. Porén, para as pradeiras de longa duración está indicada a mestura F-4.

Para lograr boas producións, recoméndase preparar a terra o mellor posible e utilizar maquinaria de precisión e unha dose de sementeira de 35-40 quilos por hectárea.

Un bo abonado tamén será determinante para a colleita de herba. Así, é recomendable aplicar xurro para o abonado da terra ou entre 300 ou 400 quilos dunha fórmula de inverno de fertilización.

Á marxe destas recomendacións xerais para a renovación de pradeiras, a Cooperativa conta con técnicos especializados que poden ofrecer as indicacións agronómicas necesarias para lograr boas producións de herba nas pradeiras.