Modificación de medidas propostas polo Ministerio

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) estableceu unhas modificacións relacionadas coa normativa recentemente aprobada e que afectan, especialmente, á gandería. Neste artigo ofrecemos un resumo das principais medidas que afectan ao sector e que dende AIRA se consideran máis de interese para socios e socias.

Primeiramente, unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata, que é a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM. A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025.

O caderno dixital pasa a ser de carácter voluntario e simplificarase o seu contido relativo á información para a administración. Neste sentido, o MAPA concederá axudas tanto para a creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, como á formación e ao intercambio de coñecemento. Tamén concederán incentivos directos aos agricultores que empreguen o caderno dixital de maneira voluntaria.

Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM.

Tamén se apraza un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Outra modificación está no Plan Sanitario Integral (PSI), que pasará a ser obrigatorio a partir do 1 de xuño de 2025. Así mesmo, o plan de benestar animal, esixible ás explotacións bovinas, pasará a ser obrigatorio a partir de 2027.

Nos ecorrexímenes de pasto permiten que o gandeiro decida de maneira individual os días nos que non realizará sega, dentro dun período máis amplo e sen limitar os cortes fóra deste período. Ademais, melloran os requisitos da práctica de establecemento de illas de biodiversidade, reducindo a superficie sen segar do 7 % ao 4 %. Neste mesmo sentido, fixouse unha exención das axudas aos ecorrexímenes e comprométese a mantela durante o vixente período de programación da PAC.

Respecto do plan de abonado e de contar cun asesor de fertilización, tamén se retrasa un ano. Neste sentido, flexibilizaron os requisitos relativos á aplicación de estercos en determinadas zonas onde non é posible a súa aplicación con medios mellorados e as condicións de acumulación de estercos na explotación. Tamén ampliaron o prazo para a aplicación no solo mediante enterramento.

Finalmente, entre as medidas destacadas, o cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.

Consulta todas as modificacións

Comeza o período de circulación do vector da lingua azul

A lingua azul é unha enfermidade vírica contaxiosa que afecta aos bovinos, ovinos ou caprinos e outros ruminantes silvestres. Non é contaxiosa entre eles, senón que se transmite a través da picadura de mosquitos vectores do xénero Culicoides spp. En Galicia foi detectada por primeira vez en 2007, estendéndose pola maior parte do territorio da Comunidade. Nese entón, fixéronse campañas de vacinación anuais e aplicáronse medidas de desinseción dos vehículos de transporte de animais e outras medidas de vixilancia e control. Deste xeito, Galicia conseguiu erradicar a enfermidade e obter o estatuto de “zona libre de lingua azul” dende o ano 2015.

Dende entón, en Galicia e no resto do Estado aplícase un programa de vixilancia. Por iso, o Ministerio de Agricultura comunicou ás Comunidades que o día 16 de abril finaliza o período estacionalmente libre (PEL) de circulación do vector da lingua azul en España. Así, aplicaranse determinadas condicións de movemento de bovinos e ovinos procedentes de zonas restrinxidas da lingua azul recollidas na Orden APA 1251/2020 e en acordos de movemento MAPA-Comunidades Autónomas.

Hai que puntualizar que todo o territorio de Galicia é zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, pero a efectos de requisitos de movemento de bovinos e ovinos determinaron dúas zonas: A Zona restrinxida inicial (declarada en febreiro 2023) e a Zona restrinxida nova (declarada en novembro 2023).

A zona inicial afecta ás  provincias de Ourense, Pontevedra e as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga na provincia de Lugo. Nesta zona aplicarase dende o 16 de abril e ata o fin do período de circulación do vector todas as condicións de movemento (vida ou sacrificio) indicadas na Orde APA 1251/2020:

  • Animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade
  • Bovinos e ovinos procedentes de explotacións vacinadas
  • Bovinos e ovinos maiores de 3 meses vacinados, ou se son menores de 4 meses, fillos de nais vacinadas
  • Vehículos desinsectados

No caso da zona restrinxida nova afecta á provincia de A Coruña e todas as comarcas veterinarias da provincia de Lugo agás Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga. Deste xeito, e ata o 1 de xuño, para os bovinos e ovinos destino vida, poñer o foco en animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade, animais desinsectados (desinsectantes ou repelentes) e vehículos desinsectados. No caso dos bovinos e ovinos que van para sacrificio ter en conta os animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade e vehículos desinsectados.

En cando á vacinación, a partir do próximo 16 de abril, faise imprescindible conseguir a vacinación do maior número posible de animais sensibles para o cal a Consellería do Medio Rural habilitou a posibilidade de vacinación ao persoal veterinario das ADSG e outro persoal veterinario clínico privado.

Consulta todos os requisitos no documento emitido pola Xunta de Galicia.

Un grupo de letóns visita dúas granxas socias de AIRA

Un grupo de 20 gandeiros e gandeiras procedentes de Letonia, que suman un total de 4.500 vacas, visitaron Galicia para coñecer diferentes granxas que traballan con muxido robotizado. Veñen dun país con alto número de vacas leiteiras e a visita foi organizada polo seu control leiteiro. Todos os anos realizan estas viaxes coa finalidade de coñecer como é a xestión das ganderías noutros países e tamén as producións.

Nesta ocasión, durante a visita a Galicia puideron coñecer Explotaciones Ferreiro SL e Casa Eiras, ambas son ganderías socias de AIRA e nas que a cooperativa lles xestiona a alimentación. No caso de Explotaciones Ferreiro está localizada en Abrairas, Baleira (Lugo) e dispón de 250 vacas que se muxen en catro robots. Pola súa banda Casa Eiras, de Cebreiro en O Pino (A Coruña), ten 160 vacas en muxido e conta con tres robots, o último foi incorporado en xaneiro e ata entón muxían 150 vacas en dous robots.

Ao tratarse de ganderías con muxido robotizado, AIRA puido presentarlles aos visitantes o sistema de xestión da alimentación que foi desenvolto polo equipo técnico de alimentación da cooperativa para as ganderías robotizadas. A particularidade desta xestión é que se adapta a calquera marca de maquinaria e presta atención aos tempos de muxido e á eficiencia da máquina en base a litros de leite por minuto.

En ambos casos, a mestura unifeed elabórase na granxa con concentrados que son subministrados por AIRA e que foron deseñados polo persoal técnico de AIRA, que traballa man a man cos gandeiros.

 

Solicitudes das axudas da PAC 2024

Healthy livestock feeding in lush rural environment.

O prazo para solicitar a axuda da PAC do ano 2024 xa está aberto. Calquera persoa interesada pode tramitar a súa solicitude cos servizos técnicos de AIRA. Recibirán un asesoramento integral de todas as axudas ás que poida ter dereito a súa explotación, así como un seguimento do expediente durante toda a campaña.

Aspectos a ter en conta:

  • Se renovaron o DNI ou sufriron cambios os estatutos, deben traer unha copia.
  • Para o trámite deberán traer o CIP (Código de Identificación Persoal) que recibiron no seu teléfono.

Unha vez conten con estes documentos poden chamar aos seguintes teléfonos segundo a zona á que pertenzan:

Zona Sur:
982441451
Ext. 144 ou 681036948 (Antonio)
Ext. 145 ou 671602315 (Cruz)

Silleda:
982441451
Ext. 145 ou 671602315 (Cruz)
Ext. 510 Belén

Zona Norte:
620635248 Antonio
667846463 Carmen

Zona Mesía e Zona Sarria:
620635248 Antonio

Dende AIRA comunicámoslles que segue aberto o prazo para solicitar as axudas de Plans de Mellora e Incorporacións, coa novidade de que neste ano hai unha liña de axuda para incorporar aos novos de 41 anos a 55 anos. O prazo para tramitala foi ampliado ata o 22 de abril.

Posta a punto da maquinaria. Os pneumáticos

Dado que en breve dá comezo a campaña de traballos agrícolas, é necesario poñer a punto os tractores e demais maquinaria. Unha parte moi importante para levar a cabo un traballo bo e seguro é dispor duns pneumáticos en bo estado.

Por iso, dende AIRA dispoñemos dun servizo de venda e montaxe de rodas agrícolas de diversas marcas coma Michelin, Kleber ou BKT, entre outras. Ademais, este ano dispoñemos de importantes descontos en pneumáticos da marca Kleber (do grupo Michelin).

Tamén, pola súa banda, Michelin ofrece unha financiación de 6 meses para cliente final. Débense comprar en maio e xuño, e é preciso contar con previa autorización da entidade bancaria.

Indicacións para as campañas de ensilado

Coa finalidade de atender do mellor xeito posible o volume de traballo que se xera durante as campañas de ensilado, tanto de herba coma de millo, e tamén na sementeira, AIRA lembra que hai fixada unha vía única para estas xestións. Así, dende o equipo da cooperativa poden axilizar e mellorar a xestión de encarga dos traballos de maquinaria.

No momento de realizar as encargas dos traballos das campañas coa Cooperativa ten en conta os seguintes puntos:

      • As encargas dos traballos só se realizarán a través do teléfono 627 486 625. Nin traballadores das colleitadoras e tractores nin o responsable de maquinaria xestionan as encargas. É importante, só facer as solicitudes a través do teléfono, a través doutras liñas non se collerán os avisos.
      • As solicitudes de prezos dos servizos só se atenderán no teléfono 627 486 625.
      • Os avisos só se recollen de luns a venres no horario habitual de atención ao público da Cooperativa: de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
      • É preciso que se dea información concreta e clara do traballo a realizar. Así, nos avisos débese indicar, coa maior exactitude posible, as seguintes cuestións:
  1. O número de hectáreas de cultivo e tamén de fincas nas que se farán os traballos. Admitirase só unha variación aproximada dun 10 % na superficie estimada, para evitar prexudicar a outros socios/as.
  2. Os servizos que se solicitan (segadora, picador/colleitadora, extendedor etc.).
  3. Reservar a data de ensilado exacta e non modificala en días previos. As encargas realizalas coa maior antelación posible e sempre cun mínimo de 10 días de marxe con respecto da data que se quere ensilar.

Dende a Cooperativa indican que as datas previstas e fixadas poden verse alteradas por mor das condicións meteorolóxicas. Aínda así, dende AIRA tratarase de que haxa as mínimas modificacións nas datas previstas, incorporando maior cantidade de equipos e de persoal en canto se poidan retomar os traballos e así reducir ao máximo os atrasos provocados polas choivas.

RECOMENDACIÓNS

Abonado

Por norma xeral, en pradería deberíamos abonar en torno a 80 unidades de Nitróxeno. Nas parcelas que están con moito xurro, onde normalmente hai niveis altos de fósforo e potasio, abonamos so con Nitróxeno; naquelas con menos xurro ou sen el, abonamos con fórmulas específicas de pradería N-P-K .

Manexo do xurro

O xurro deberá enterrarse sempre que sexa posible porque senón baixa moito a súa eficiencia, ademais de que a fertilidade da terra se ve comprometida por un exceso de pisado. Para iso a fosa debe ter capacidade para 7-8 meses.

Abonado con mineral químico

É sempre recomendable asesorarse co técnico da cooperativa para realizar un plan de abonado axeitado a cada explotación. Debemos ter sempre en conta o manexo da herba, principalmente de cantos cortes se van a realizar. O recomendable é facer 2 aplicacións para o primeiro corte e outra para o segundo. É dicir, 2 aplicacións se se vai a un corte ou 3 aplicacións se se vai a dous cortes. Por exemplo:

Estes exemplos son para terras con xurro onde se aplican produtos nitroxenados, pero se fosen terras abonadas con N-P-K sería o mesmo. Cando se vai a dous cortes, na segunda aplicación increméntanse as unidades fertilizantes con parte do que lle corresponde para o segundo. Iso axúdalle a arrancar e permite manter un nivel máis estable de nutrientes na terra. Na segunda aplicación, ou na terceira no seu caso, é un bo momento para comunicar ao servizo de maquinaria da cooperativa a data estimada de corte, superficie etc.

Ensilado

Para facer un bo ensilado é moi importante utilizar unha boa semente e programar ben a data de corte dependendo do produto sementado. O uso de bacterias fermentativas é moi importante para facer un bo silo, así como unha fermentación controlada que permita estabilizar o silo canto antes.

Un bo pisado é imprescindible, por iso o uso de rolos apisonadores, ademais dos esparxedores son moi importantes. O escrupuloso respecto a facer capas finas e ir pisando aos poucos é imprescindible. Débese de axustar moi ben o traballo do silo e o de acopio de herba, sendo sempre o traballo no silo o que marca os tempos.

Un bo selado tamén é imprescindible. Débense usar plásticos de calidade, xa que un film intermedio fai minguar moito as perdas. O uso de mallas e sacos axeitados é tamén imprescindible.

A poxa consegue un volume de vendas de 41.800 euros

O mercado gandeiro de Chantada acolleu unha nova edición da poxa de gando frisón da localidade lucense. Organizada por Africor Lugo en colaboración co Concello de Chantada e a Cooperativa Aira, puxéronse á venda un total de 19 animais.

Tras finalizar, os resultados foron que se venderon 17 vacas e xovencas das 19 sacadas a pista, o volume de facturación chegou aos 41.800 euros e o prezo medio alcanzou os 2.459 euros.

Como dato destacado da cita, Penelas Logistics Candelaria, presentada pola gandería Penelas(Castro de Rei), foi o animal que logrou o maior prezo de venda. Foi mercada pola Gandería López Lampaza (Sober) por 3.100 euros.

Axudas para a mellora das estruturas das explotacións

A Consellería de Medio Rural publicou a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) de España 2023-2027. O prazo de presentación das axudas finaliza o 22 de marzo. 

As axudas buscan cubrir os investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais. Ademais, de facilitar os investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias.  Finalmente, stablecer agricultores novos (incorporación agraria) e novos agricultores.

Requisitos
Requisitos de persoas beneficiarias para as dúas primeiras axudas:

  • Ser titular/cotitular de explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia ou ben ser “novo agricultor” que se establece cun plan empresarial que inclúe actuacións en materia de mitigación-adaptación ao cambio climático e o medio ambiente, excepto no caso de persoa agricultora moza ou nova que solicita simultaneamente estas axudas.
  • Ter, polo menos, 18 anos de idade, no caso de persoas físicas e ter capacitación profesional suficiente, excepto no caso de establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas. As persoas xurídicas deberán acreditar que, polo menos, o 50 % posúe a capacitación suficiente.
  • Que a súa actividade principal sexa a agraria, así como manter os investimentos cofinanciados durante 5 anos, desde o pago final ao beneficiario ou 3 anos no caso de mantemento de investimentos ou de postos de traballo creados por pemes.

Requisitos das beneficiarias para agricultores novos:

  • Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos os incluídos.
  • Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou cumprila nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda.
  • Cumprir a condición de agricultor profesional dentro dos 18 meses seguinte á data de establecemento.
  • A explotación na que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.
  • Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.
  • Presentar un plan empresarial.

Requisitos acodes beneficiarias para establecemento de novos agricultores:

  • As mesmas que para novos agricultores, con diferenza que será para aqueles comprendidos entre os 41 e 55 anos de idade, ambos os incluídos.

Modificacións da solicitude das axudas de plans de mellora e incorporación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que contan cun orzamento total de 47 millóns de euros. O prazo para solicitar a axuda foi ampliado ata o 22 de abril.

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Modificacións

Posteriormente, o DOG publicou a resolución da Consellería de Medio Rural pola que se aproban dous cambios para facilitar a solicitude das últimas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos e mozas ao campo.

En detalle, ata agora non era posible presentar unha solicitude para as axudas de mellora e incorporación mentres a anterior convocatoria non se resolvese. Un requirimento que estaba a obstaculizar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a unha liña de apoio público fundamental para as explotacións e o tecido socioeconómico do rural no seu conxunto. Con este cambio axilízanse os trámites administrativos co obxectivo de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios.

Modifícase a letra g) do número 1 do artigo 26 da convocatoria de axudas, que queda redactado como segue:

«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pago na data de publicación desta orde».

Así mesmo, modifícase a letra g) do número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pago na data de publicación desta orde».

En calquera das nosas entidades de asesoramento poden solicitar máis información e xestionar os trámites correspondentes.

Consulta a orde completa

Consulta a orde das modificacións

‘A pegada de AIRA’, lema do encontro de persoal

A cooperativa agrogandeira celebrou este venres, 23 de febreiro, a súa primeira convención de traballadores baixo o lema ‘A pegada de AIRA’. O evento tivo lugar no hotel ATTICA21 de Vilalba (Lugo) e reuniu a máis de 270 traballadores dos máis de 300 que forman o persoal da cooperativa. A finalidade da xornada foi pór en valor o traballo que leva a cabo cada un dos traballadores/as, que é fundamental para que a cooperativa funcione. Así mesmo, tamén serviu para potenciar os valores que se fomentan desde AIRA, como son o esforzo, compromiso, igualdade ou respecto, entre outros moitos.

A cita empezou coa proxección do vídeo corporativo e acto seguido, o director xeral de AIRA, Daniel Ferreiro, realizou unha pequena presentación sobre o pasado, presente e futuro da entidade. “O compromiso, o esforzo e a dedicación de todos os traballadores/as de AIRA, levaron á cooperativa a ser un referente no sector”, destacou o director. Así, lembrou que a cooperativa ten numerosas áreas de traballo, “e todas elas son importantes, relevantes e necesarias”. Tamén incidiu en que a función de AIRA non é só resolver problemas ou atender necesidades, senón estar sempre un paso por diante: “Debemos adiantarnos ao que está por vir e o que terá que afrontar o sector nos próximos anos”.

Acto seguido, Cristina Lamas e Alba Vázquez falaron sobre a súa experiencia como as empregadas con máis antigüidade e menos, respectivamente. Así, nos seus relatorios mostraron porqué segue apostando por formar parte do equipo de AIRA, despois de máis de tres décadas, no caso de Lamas, e porqué decidiu incorporarse na actualidade, no de Vázquez. A primeira parte do evento concluíuna o coach Emilio Duró, quen ofreceu unha charla sobre ‘A Nosa Pegada. Unha vida con sentido’. Na súa exposición lembrou a importancia de que a “vida cambia nun instante” e aconsellou “non sacrificar o importante polo secundario”. Engadiu que ante a realidade da vida hai que aceptala, adaptase e mostrar unha actitude positiva. Na súa exposición motivadora concluíu: “Traballades nunha cooperativa, isto é unha fortuna, porque a felicidade reside en cooperar”.

Tras a comida, o presidente da cooperativa, José Manuel López Tellado, agradeceu o traballo que levan realizando en AIRA e a participación nun evento de especial importancia para todo o equipo. A xornada concluíu co recoñecido monologuista Carlos Blanco, quen ofreceu un dos seus espectáculos a todos os traballadores/as asistentes e, finalmente, un DJ puxo o broche á xornada.