A lingua azul é unha enfermidade vírica contaxiosa que afecta aos bovinos, ovinos ou caprinos e outros ruminantes silvestres. Non é contaxiosa entre eles, senón que se transmite a través da picadura de mosquitos vectores do xénero Culicoides spp. En Galicia foi detectada por primeira vez en 2007, estendéndose pola maior parte do territorio da Comunidade. Nese entón, fixéronse campañas de vacinación anuais e aplicáronse medidas de desinseción dos vehículos de transporte de animais e outras medidas de vixilancia e control. Deste xeito, Galicia conseguiu erradicar a enfermidade e obter o estatuto de “zona libre de lingua azul” dende o ano 2015.
Dende entón, en Galicia e no resto do Estado aplícase un programa de vixilancia. Por iso, o Ministerio de Agricultura comunicou ás Comunidades que o día 16 de abril finaliza o período estacionalmente libre (PEL) de circulación do vector da lingua azul en España. Así, aplicaranse determinadas condicións de movemento de bovinos e ovinos procedentes de zonas restrinxidas da lingua azul recollidas na Orden APA 1251/2020 e en acordos de movemento MAPA-Comunidades Autónomas.
Hai que puntualizar que todo o territorio de Galicia é zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, pero a efectos de requisitos de movemento de bovinos e ovinos determinaron dúas zonas: A Zona restrinxida inicial (declarada en febreiro 2023) e a Zona restrinxida nova (declarada en novembro 2023).
A zona inicial afecta ás provincias de Ourense, Pontevedra e as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga na provincia de Lugo. Nesta zona aplicarase dende o 16 de abril e ata o fin do período de circulación do vector todas as condicións de movemento (vida ou sacrificio) indicadas na Orde APA 1251/2020:
- Animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade
- Bovinos e ovinos procedentes de explotacións vacinadas
- Bovinos e ovinos maiores de 3 meses vacinados, ou se son menores de 4 meses, fillos de nais vacinadas
- Vehículos desinsectados
No caso da zona restrinxida nova afecta á provincia de A Coruña e todas as comarcas veterinarias da provincia de Lugo agás Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga. Deste xeito, e ata o 1 de xuño, para os bovinos e ovinos destino vida, poñer o foco en animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade, animais desinsectados (desinsectantes ou repelentes) e vehículos desinsectados. No caso dos bovinos e ovinos que van para sacrificio ter en conta os animais sen sintomatoloxía compatible coa enfermidade e vehículos desinsectados.
En cando á vacinación, a partir do próximo 16 de abril, faise imprescindible conseguir a vacinación do maior número posible de animais sensibles para o cal a Consellería do Medio Rural habilitou a posibilidade de vacinación ao persoal veterinario das ADSG e outro persoal veterinario clínico privado.
Consulta todos os requisitos no documento emitido pola Xunta de Galicia.