Coa finalidade de atender do mellor xeito posible o volume de traballo que se xera durante as campañas de ensilado, tanto de herba coma de millo, e tamén na sementeira, AIRA lembra que hai fixada unha vía única para estas xestións. Así, dende o equipo da cooperativa poden axilizar e mellorar a xestión de encarga dos traballos de maquinaria.
No momento de realizar as encargas dos traballos das campañas coa Cooperativa ten en conta os seguintes puntos:
-
-
- As encargas dos traballos só se realizarán a través do teléfono 627 486 625. Nin traballadores das colleitadoras e tractores nin o responsable de maquinaria xestionan as encargas. É importante, só facer as solicitudes a través do teléfono, a través doutras liñas non se collerán os avisos.
- As solicitudes de prezos dos servizos só se atenderán no teléfono 627 486 625.
- Os avisos só se recollen de luns a venres no horario habitual de atención ao público da Cooperativa: de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
- É preciso que se dea información concreta e clara do traballo a realizar. Así, nos avisos débese indicar, coa maior exactitude posible, as seguintes cuestións:
-
- O número de hectáreas de cultivo e tamén de fincas nas que se farán os traballos. Admitirase só unha variación aproximada dun 10 % na superficie estimada, para evitar prexudicar a outros socios/as.
- Os servizos que se solicitan (segadora, picador/colleitadora, extendedor etc.).
- Reservar a data de ensilado exacta e non modificala en días previos. As encargas realizalas coa maior antelación posible e sempre cun mínimo de 10 días de marxe con respecto da data que se quere ensilar.
Dende a Cooperativa indican que as datas previstas e fixadas poden verse alteradas por mor das condicións meteorolóxicas. Aínda así, dende AIRA tratarase de que haxa as mínimas modificacións nas datas previstas, incorporando maior cantidade de equipos e de persoal en canto se poidan retomar os traballos e así reducir ao máximo os atrasos provocados polas choivas.
RECOMENDACIÓNS
Abonado
Por norma xeral, en pradería deberíamos abonar en torno a 80 unidades de Nitróxeno. Nas parcelas que están con moito xurro, onde normalmente hai niveis altos de fósforo e potasio, abonamos so con Nitróxeno; naquelas con menos xurro ou sen el, abonamos con fórmulas específicas de pradería N-P-K .
Manexo do xurro
O xurro deberá enterrarse sempre que sexa posible porque senón baixa moito a súa eficiencia, ademais de que a fertilidade da terra se ve comprometida por un exceso de pisado. Para iso a fosa debe ter capacidade para 7-8 meses.
Abonado con mineral químico
É sempre recomendable asesorarse co técnico da cooperativa para realizar un plan de abonado axeitado a cada explotación. Debemos ter sempre en conta o manexo da herba, principalmente de cantos cortes se van a realizar. O recomendable é facer 2 aplicacións para o primeiro corte e outra para o segundo. É dicir, 2 aplicacións se se vai a un corte ou 3 aplicacións se se vai a dous cortes. Por exemplo:
Estes exemplos son para terras con xurro onde se aplican produtos nitroxenados, pero se fosen terras abonadas con N-P-K sería o mesmo. Cando se vai a dous cortes, na segunda aplicación increméntanse as unidades fertilizantes con parte do que lle corresponde para o segundo. Iso axúdalle a arrancar e permite manter un nivel máis estable de nutrientes na terra. Na segunda aplicación, ou na terceira no seu caso, é un bo momento para comunicar ao servizo de maquinaria da cooperativa a data estimada de corte, superficie etc.
Ensilado
Para facer un bo ensilado é moi importante utilizar unha boa semente e programar ben a data de corte dependendo do produto sementado. O uso de bacterias fermentativas é moi importante para facer un bo silo, así como unha fermentación controlada que permita estabilizar o silo canto antes.
Un bo pisado é imprescindible, por iso o uso de rolos apisonadores, ademais dos esparxedores son moi importantes. O escrupuloso respecto a facer capas finas e ir pisando aos poucos é imprescindible. Débese de axustar moi ben o traballo do silo e o de acopio de herba, sendo sempre o traballo no silo o que marca os tempos.
Un bo selado tamén é imprescindible. Débense usar plásticos de calidade, xa que un film intermedio fai minguar moito as perdas. O uso de mallas e sacos axeitados é tamén imprescindible.