Modificacións da solicitude das axudas de plans de mellora e incorporación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que contan cun orzamento total de 47 millóns de euros. O prazo para solicitar a axuda foi ampliado ata o 22 de abril.

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Modificacións

Posteriormente, o DOG publicou a resolución da Consellería de Medio Rural pola que se aproban dous cambios para facilitar a solicitude das últimas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos e mozas ao campo.

En detalle, ata agora non era posible presentar unha solicitude para as axudas de mellora e incorporación mentres a anterior convocatoria non se resolvese. Un requirimento que estaba a obstaculizar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a unha liña de apoio público fundamental para as explotacións e o tecido socioeconómico do rural no seu conxunto. Con este cambio axilízanse os trámites administrativos co obxectivo de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios.

Modifícase a letra g) do número 1 do artigo 26 da convocatoria de axudas, que queda redactado como segue:

«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pago na data de publicación desta orde».

Así mesmo, modifícase a letra g) do número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pago na data de publicación desta orde».

En calquera das nosas entidades de asesoramento poden solicitar máis información e xestionar os trámites correspondentes.

Consulta a orde completa

Consulta a orde das modificacións