Un grupo de letóns visita dúas granxas socias de AIRA

Un grupo de 20 gandeiros e gandeiras procedentes de Letonia, que suman un total de 4.500 vacas, visitaron Galicia para coñecer diferentes granxas que traballan con muxido robotizado. Veñen dun país con alto número de vacas leiteiras e a visita foi organizada polo seu control leiteiro. Todos os anos realizan estas viaxes coa finalidade de coñecer como é a xestión das ganderías noutros países e tamén as producións.

Nesta ocasión, durante a visita a Galicia puideron coñecer Explotaciones Ferreiro SL e Casa Eiras, ambas son ganderías socias de AIRA e nas que a cooperativa lles xestiona a alimentación. No caso de Explotaciones Ferreiro está localizada en Abrairas, Baleira (Lugo) e dispón de 250 vacas que se muxen en catro robots. Pola súa banda Casa Eiras, de Cebreiro en O Pino (A Coruña), ten 160 vacas en muxido e conta con tres robots, o último foi incorporado en xaneiro e ata entón muxían 150 vacas en dous robots.

Ao tratarse de ganderías con muxido robotizado, AIRA puido presentarlles aos visitantes o sistema de xestión da alimentación que foi desenvolto polo equipo técnico de alimentación da cooperativa para as ganderías robotizadas. A particularidade desta xestión é que se adapta a calquera marca de maquinaria e presta atención aos tempos de muxido e á eficiencia da máquina en base a litros de leite por minuto.

En ambos casos, a mestura unifeed elabórase na granxa con concentrados que son subministrados por AIRA e que foron deseñados polo persoal técnico de AIRA, que traballa man a man cos gandeiros.