Modificación de medidas propostas polo Ministerio

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) estableceu unhas modificacións relacionadas coa normativa recentemente aprobada e que afectan, especialmente, á gandería. Neste artigo ofrecemos un resumo das principais medidas que afectan ao sector e que dende AIRA se consideran máis de interese para socios e socias.

Primeiramente, unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata, que é a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM. A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025.

O caderno dixital pasa a ser de carácter voluntario e simplificarase o seu contido relativo á información para a administración. Neste sentido, o MAPA concederá axudas tanto para a creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, como á formación e ao intercambio de coñecemento. Tamén concederán incentivos directos aos agricultores que empreguen o caderno dixital de maneira voluntaria.

Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM.

Tamén se apraza un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Outra modificación está no Plan Sanitario Integral (PSI), que pasará a ser obrigatorio a partir do 1 de xuño de 2025. Así mesmo, o plan de benestar animal, esixible ás explotacións bovinas, pasará a ser obrigatorio a partir de 2027.

Nos ecorrexímenes de pasto permiten que o gandeiro decida de maneira individual os días nos que non realizará sega, dentro dun período máis amplo e sen limitar os cortes fóra deste período. Ademais, melloran os requisitos da práctica de establecemento de illas de biodiversidade, reducindo a superficie sen segar do 7 % ao 4 %. Neste mesmo sentido, fixouse unha exención das axudas aos ecorrexímenes e comprométese a mantela durante o vixente período de programación da PAC.

Respecto do plan de abonado e de contar cun asesor de fertilización, tamén se retrasa un ano. Neste sentido, flexibilizaron os requisitos relativos á aplicación de estercos en determinadas zonas onde non é posible a súa aplicación con medios mellorados e as condicións de acumulación de estercos na explotación. Tamén ampliaron o prazo para a aplicación no solo mediante enterramento.

Finalmente, entre as medidas destacadas, o cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.

Consulta todas as modificacións