Dende Palas de Rei, Gandería San Xorxe

Victoriano Blanco, Chelo Viña e Carlos Pérez na sala de muxido da súa granxa.

Na parroquia de Augas Santas, no lugar de Bouzachás, en Palas de Rei, atópase a Gandería San Xorxe, unha das ganderías socias da Cooperativa AIRA nesta zona. Á fronte dela tres socios: o matrimonio de Victoriano Blanco e Chelo Viña, xunto con Carlos Pérez. Hai xa 16 anos que comezaron a funcionar como SAT, aínda que naqueles primeiros anos contaban con outra socia, que hai 4 anos decidiría deixar a sociedade. “Na cooperativa, daquela era Agris, sabían da necesidade que tiñamos de ampliar e puxéronnos en contacto. Así foi como comezamos coa SAT”, explican.

A cordialidade e o entendemento entre eles permitiulles medrar e consolidarse. Hoxe conta cunhas 190 cabezas de gando, unhas 95 en muxido e preto de 90 animais para recría. Todos eles son animais de raza Frisoa. “Levamos máis de 25 anos apostando pola mellora xenética e por animais con aptitudes demostradas, da man de Semex”, recoñecen. Touros como Unix, Eugenio, Pegasus ou Sidekick son algúns dos sementais polos que levan optando nos últimos anos, aínda que moitas das vacas son fillas tamén de históricos como Rudolph ou Dolman. Así, non optan nunca por cruzamentos.

“Probamos touros xenómicos, pero imos seguir con touros probados, polos bos resultados que logran, aínda que sexan máis caros”

“Sempre investimos moito en xenética. Houbo momentos que inseminamos con doses de 60 euros porque eran sementais moi ben referendados no mercado”, recordan. Buscan mellorar ubres, patas e o estado corporal do animal. “Somos de ter animais grandes, polos bos resultados que nos dan. Tamén traballamos algo con touros xenómicos, pero non nos convenceron e imos seguir apostando por touros probados, aínda que poidan ser máis caros”, aseguran. As xovencas arrancan cunha produción de 40 litros e no segundo parto están xa nos 56 litros e chegan ós 60 na terceira lactación. “Temos xa animais cunha boa velocidade de muxido e con boas calidades do leite, pero seguimos apostando por iso”, explican.

O leite comercialízano tamén a través da Cooperativa e teñen unha produción media duns 37 litros por vaca, cunhas calidades de media que se sitúan nos 4,10 de graxa e por riba dos 3,40 de proteína. En canto ó reconto de células somáticas atópase por debaixo de 117.000 e a bacterioloxía queda sempre por debaixo de 10.000 unidades. Hai 3 anos afrontaron tamén a ampliación da sala de muxido, sumándolle 8 puntos de muxido e para dispoñer de 20 puntos cos que afrontar mellor o muxido diario, un labor do que é responsable Chelo, xunto coa limpeza. Son das ganderías de AIRA que contan coa certificación e co selo de Benestar Animal. “É un xeito de que paguen mellor o leite e son selos que cada vez se están demandando máis”, apuntan.

Base territorial da gandería

A xestión das forraxes e da terra é responsabilidade de Carlos. A gandería San Xorxe xestiona unha base territorial de 85 hectáreas, das que adican unhas 35 para o cultivo do millo, mentres que o resto téñeno a pradeira permanente. Agás o ensilado, dos outros traballos da terra, dende o abonado ata a sementeira do millo ou a sega de herba é Carlos quen sen encarga de facelos.

“Somos de botar o millo moi cedo. Hai anos que a 30 de marzo xa temos sementado máis da metade”

Unha das forraxes prioritarias para a gandería é o millo, que acostuman a sementar xa a comezos da primavera. “Somos de botar o millo moi cedo. Hai anos que a 30 de marzo xa temos sementado máis da metade”, recoñecen. Isto permítelles, entre outras vantaxes, unha maior dispoñibilidade da maquinaria para facer o ensilado. “Vimos ensilando a comezos de setembro, cando aínda non hai moito millo para recoller e iso permítenos podelo facer cando mellor vai”, explican.

Nas primeiras sementeiras optan por ciclos de 300 e van reducindo se as últimas sementeiras se atrasan por mor da meteoroloxía. Este ano, cos días solleiros que viñeron, a comezos de febreiro xa tiñan boa parte da terra do millo preparada para logo facer a sementeira. Querer sementar tan cedo o millo obrígaos a coller só unha corta de herba naquelas pradeiras que alternan co millo.

Alimentación do gando

Victoriano asume a diario a supervisión da alimentación do gando. Para as vacas en produción teñen unha ración a base de 14 quilos de silo de herba, 34 de silo de millo, medio quilo de palla e 13 quilos de penso. Na alimentación conta co asesoramento de técnicos especializados de AIRA como Aurora Vila e José Luís López. “Levamos mercando o penso a AIRA case dende que comezou a funcionar a fábrica de Taboada”, recordan.

As altas e baixas de gando tamén son tarefa de Victoriano, que asume ademais a facturación da gandería. A recría téñena en cama quente, mentres que o resto están en camas de serradura de madeira cun 70% carbonato cálcico. “Removéndoa tódolos días consegues ter boa cama e reducir os riscos de infección de mamite. Ademais é unha achega importante para as terras, que xa lle proporcionamos mesturado co xurro”, detallan.

Na Gandería San Xorxe tamén botan man do programa de substitución da Cooperativa, que lles permite unha maior conciliación laboral.

Publicado no boletín de AIRA de febreiro de 2022.

Dende Taboada, gandería Cadahías de San Julián SC

Os irmáns Santiago y Andrés Gómez Cadahía na súa gandería de vacún de leite.

A carón do río Miño, ó seu paso polo concello lugués de Taboada, atópase a gandería familiar Cadahías de San Julián SC, unha das granxas socias de AIRA centradas no vacún de leite. Os irmáns Andrés e Santiago Gómez Cadahía xestionan esta gandería coa que xa comezaran seus pais na parroquia de Ínsua San Julián.

Contan cunhas 160 vacas en produción, cun manexo en intensivo, e outras 40 vacas secas e xovencas próximas ó parto que saen tódolos días ó pasto. “Nos meses de xullo e agosto esta zona é moi seca e case non teñen pasto, pero con todo, botámolas para o prado polo ben que lles senta para previr problemas, en especial de patas”, explica Andrés.

O rabaño complétase cunhas 70 becerras de recría. Apostan pola recría propia con touros galegos, procedentes de Xenética Fontao como Gigaball, GioP ou San Xurxo, así como animais canadenses, como Bombero e Zebra. “Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño, aínda que leve tempo, vanse vendo os resultados”, argumenta o gandeiro.

“Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño”

Dende que Andrés e Santiago xestionan a granxa centráronse na raza Frisoa. “Ás veces diversificar e ter distintas razas no rabaño, como tiñan antes meus pais, tampouco te leva a nada. Nós fixámonos uns obxectivos e decidimos apostar por esta raza para conseguilos”, detallan.

Na gandería Cadahías de San Julián SC fan dous muxidos ó día e teñen unha media de 37 litros por vaca ó día, cunhas calidades de 3,8 % de graxa e 3,3 % de proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa. “O peor problema do sector é que non podemos repercutir os incrementos dos custes, a diferenza do que acontece noutros ámbitos. Somos conscientes de que dende a Cooperativa se fan esforzos nesa liña, pero a industria segue a mirar para outro lado”, valora o gandeiro.

Teñen un rabaño de frisoas, cunhas 160 vacas en produción e onde apostan pola recría propia

Traballan con sala de muxido e polo momento descartan incorporar robots de muxido. “Para as vacas que temos en produción teriamos que meter tres robots e supón unha gran inversión”, indica Andrés. Foron introducindo outros sistemas de automatización do manexo da granxa como o achegador de comida ou unha amamantadeira para a recría, que é unha das últimas melloras.

No día a día da granxa, Andrés encárgase da xestión dos animais, mentres que os labores da terra recaen habitualmente en Santiago. “Temos o traballo organizado así, aínda que nas épocas de maior carga de traballo colaboramos onde se precise”, indican. Ademais dos dous irmáns, na gandería contan con empregados para axudar nas tarefas do día a día.

Alimentación do gando

A alimentación das vacas en produción realízana co carro mesturador que adquiriron novo á Cooperativa, logo de traballar durante anos cun de segunda man e dado que a granxa se atopa fóra das rutas da Cooperativa. “Mercamos os carros en AIRA porque traballan cunha moi boa marca e teñen unha gran capacidade de resposta cando tes unha eventualidade. Nunha máquina que está traballando tódolos días non podes permitirte que falle e se pasa tes que saber que contas cun servizo que che ofreza solucións no menor tempo posible”, comenta o gandeiro.

Na granxa Cadahías de San Julián tamén botan man da Cooperativa para temas como a colleita do millo. “Boa parte dos traballos do campo facémolos nós, pero hai tarefas nas que sempre optamos pola Cooperativa”, explican. A gandería manexa unha base territorial dunhas 70 hectáreas, das que 30 dedícanas a millo. “Temos alugadas algunhas fincas en Monterroso, xa que alí lógranse mellores producións que nesta zona e compénsanos”, indica. Puntualmente mercan ademais millo para suplir as necesidades do gando.

“Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”

Na gandería Cadahías reivindican o apaixonante que resulta o traballo no agro e o día a día cos seus animais, pero recoñecen que este é aínda un sector moi pouco valorado, a diferenza do que acontece noutros países. “Séguese infravalorando o campo, e sen os produtores non se sostería o rural. O peche das ganderías é un problema grave para moitos núcleos rurais. Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”, conclúe Andrés Cadahía.

Publicado no boletín de AIRA de decembro de 2021.

Dende O Corgo, Gandería Silva

Carme Silva, gandeira titular desta granxa familiar de O Corgo.

Na aldea de Vilaceleiro, no concello lugués de O Corgo, atópase a Gandería Silva, unha das granxas socias de vacún de leite de AIRA. Carme Silva é a gandeira titular desta granxa familiar, na que puntualmente conta coa colaboración da súa familia.

“Teño claro que noutra profesión non estaría tan a gusto como coa gandería. É verdade que temos unhas rutinas diarias, pero sempre me gustou a capacidade de introducir cambios que tes. Pequenas modificacións poden ser moi significativas e supoñer interesantes melloras. É un traballo dinámico no que sempre hai marxe para cambiar e mellorar e iso mantente moito máis activo”, argumenta a gandeira.

A súa é unha gandería na que moxe habitualmente unha media de 37 vacas. O rabaño intégrano tamén unhas 4 vacas secas e 30 xovencas. “Nunca temos máis de 40 vacas en produción, gústanos ter o rabaño axustado ás instalacións e ó tempo que temos, para que os animais estean confortables e ben atendidos”, indica. Agás as vacas en produción, que contan cun prado ó que saír parte do día, o resto dos animais van ó pasto case todo o ano.

Toda a recría da granxa, agás en contadas ocasións, é propia. Unha das últimas melloras que fixeron na gandería foi a construción dunhas instalacións, a carón da nave principal, para parte da recría e das vacas secas. Neste espazo optaron por unha cama quente e o gando sae, sempre que quere, ó prado contiguo.

“Nunca temos máis de 40 vacas en produción, gústanos ter o rabaño axustado ás instalacións e ó tempo que temos, para que os animais estean confortables e ben atendidos”

A Gandería Silva ten unha produción media de 40 litros por vaca. Nos últimos datos do mes de agosto, as calidades situábanse parellas cun 3,2% tanto de graxa como de proteína. “É a primeira vez que nos coinciden as cifras, xa que habitualmente tanto de graxa como de proteína estamos en valores máis altos”, indica a produtora. Normalmente atópanse en valores de 3,9% de graxa e 3,3% de proteína. Nesta gandería están nas 100.000 células somáticas e por debaixo de 10 en bacterioloxía.

Acreditar a calidade

A súa é unha das ganderías socias de AIRA que lle vende o leite á Cooperativa. Ademais, dende hai dous anos, contan co selo de Benestar Animal, Welfair Quality, unha certificación de calidade de Aenor. Trátase dunha acreditación, cuxa tramitación se pode realizar a través da Cooperativa, e que proporciona unha prima no prezo do leite. Ademais, son das ganderías que conta tamén coa certificación referencial de leite de vaca certificada de Cooperativa.

Gandería Silva tamén está a participar nun proxecto impulsado en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) para calcular a pegada de carbono e hídrica das granxas, co gaio de reducir as emisións. É un estudo en fase inicial no que os técnicos do proxecto están comezando a visitar algunhas granxas para coñecer en detalle o seu manexo do gando e da terra.

Na granxa xestionan unhas 18 hectáreas de terreo adicadas a pradeiras, ás que se engaden outras 10 hectáreas de monte autóctono e piñeirais. Optaron por aproveitar as súas terras para a produción de pasto e forraxes de herba e mercan o millo a produtores do concello veciño de Catroverde. “Alí poden conseguir grandes producións que a nós aquí, polas características das nosas terras, resúltanos moi difícil, polo que preferimos mercalo”, detalla a gandeira. Nas súas pradeiras predominan o raigrás híbrido e italiano xunto con trevo.

É unha das ganderías que comercializa o leite con AIRA e que conta co selo de Benestar Animal de Aenor

Ademais da comercialización do leite, no día a día da gandería conta con outros servizos da Cooperativa como o carro mesturador. “Foi un bo cambio comenzar co carro. Proporciónanos moita tranquilidade, sen ter que te preocupar por avarías da maquinaria”, comenta. Conta tamén co asesoramento dos técnicos de alimentación da Cooperativa.

Publicado no boletín de AIRA de setembro de 2021.

Dende Sarria, gandería Casa Don Manuel

Manuel López Vázquez, ó frente da gandería familiar Casa Don Manuel.

Situada no lugar de Sucarral, na parroquia de Louseiro, en Sarria (Lugo), Casa Don Manuel é unha das ganderías socias de AIRA centrada na produción de leite. Á fronte desta granxa familiar atópase Manuel López Vázquez, quen tomou o relevo de seus pai. Manuel é a terceira xeración especializada no vacún, nas súas orixes era gando de carne e a partires de mediados dos oitenta seus pais optaron pola produción de leite.

En Casa Don Manuel levan tempo apostando por unha produción sostible e confortable para os seus animais, o que acreditan selos como a certificación en benestar animal ou de boas prácticas de calidade hixiénica. Ademais, nestes últimos meses tamén está a ser unha das ganderías que participa nun estudo para a medición e redución dos gases de efecto invernadoiro desenvolvido por Agaca e no que están a participar outras ganderías socias de AIRA.

Na granxa Casa Don Manuel todo o rabaño é de raza frisoa. Ten 125 animais en produción, unhas 20 vacas secas e a recría son arredor de 100 animais. “Toda a recría da granxa é propia. En certos momentos temos excedentes, pero procuramos non sobrecargarnos de animais, polo que cruzamos moito con carne”, explica Manuel.

A súa produción sitúase por riba dos 39 litros por vaca e unhas calidades de 3,62 de graxa e 3,27 de proteína, cun reconto de entorno ás 100.000 células somáticas e unha bacterioloxía por debaixo de 10.000.

Barallamos comezar a xenotipar os nosos animais e estamos a estudar as posibilidades que pode ofrecer producir leite A2A2

Nesta gandería funcionan co programa de apareamento de Africor Lugo e xa comezaron a traballar con touros A2A2. “Barallamos comezar a xenotipar os nosos animais e estamos a estudar as posibilidades que pode ofrecer producir leite A2A2, dada a rendibilidade que poida proporcionar”, explica o gandeiro. Casa Don Manuel é unha das ganderías que comercializa o seu leite a través da Cooperativa.

As garantías da mestura húmida de AIRA

Hai 10 anos que na gandería se decidiron por utilizar o servizo de mestura húmida que xestiona AIRA en Sarria, que lle proporciona cada día a ración para alimentar o seu gando con forraxes de calidade. “Pode que sexa un pouco máis caro que realizar os ensilados e as racións na granxa, pero é máis estable e cómodo. Ofréceche a tranquilidade de ter garantida a forraxe para o gando durante toda a campaña e ademais é unha ración homoxénea e de calidade”, concreta o gandeiro.

A mestura húmida ofréceche a tranquilidade de ter garantida unha ración homoxénea e de calidade durante toda a campaña

A gandería xestiona unhas 42 hectáreas de millo, que vende directamente á cooperativa para abastecer a planta de mestura húmida de Sarria, e da que logo é tamén cliente. Ademais, cultiva 35 hectáreas de raigrás, das que vende unha parte delas tamén para o centro de mestura húmida de Sarria e o resto emprégao directamente para alimentar vacas secas e xovencas.

Manuel tamén traballa coa Cooperativa noutros ámbitos da ganderías como os servizos veterinarios ou os abastecementos, como os abonos e fertilizantes ou as sementeiras para o millo e a herba. Xunto con Manuel, nesta granxa tamén traballan dous empregados, ademais do pai de Manuel que aínda colabora en diversas tarefas e aportando a súa experiencia.

Publicado no boletín de AIRA de xullo de 2021.