Dende Palas de Rei, Gandería San Xorxe

Victoriano Blanco, Chelo Viña e Carlos Pérez na sala de muxido da súa granxa.

Na parroquia de Augas Santas, no lugar de Bouzachás, en Palas de Rei, atópase a Gandería San Xorxe, unha das ganderías socias da Cooperativa AIRA nesta zona. Á fronte dela tres socios: o matrimonio de Victoriano Blanco e Chelo Viña, xunto con Carlos Pérez. Hai xa 16 anos que comezaron a funcionar como SAT, aínda que naqueles primeiros anos contaban con outra socia, que hai 4 anos decidiría deixar a sociedade. “Na cooperativa, daquela era Agris, sabían da necesidade que tiñamos de ampliar e puxéronnos en contacto. Así foi como comezamos coa SAT”, explican.

A cordialidade e o entendemento entre eles permitiulles medrar e consolidarse. Hoxe conta cunhas 190 cabezas de gando, unhas 95 en muxido e preto de 90 animais para recría. Todos eles son animais de raza Frisoa. “Levamos máis de 25 anos apostando pola mellora xenética e por animais con aptitudes demostradas, da man de Semex”, recoñecen. Touros como Unix, Eugenio, Pegasus ou Sidekick son algúns dos sementais polos que levan optando nos últimos anos, aínda que moitas das vacas son fillas tamén de históricos como Rudolph ou Dolman. Así, non optan nunca por cruzamentos.

“Probamos touros xenómicos, pero imos seguir con touros probados, polos bos resultados que logran, aínda que sexan máis caros”

“Sempre investimos moito en xenética. Houbo momentos que inseminamos con doses de 60 euros porque eran sementais moi ben referendados no mercado”, recordan. Buscan mellorar ubres, patas e o estado corporal do animal. “Somos de ter animais grandes, polos bos resultados que nos dan. Tamén traballamos algo con touros xenómicos, pero non nos convenceron e imos seguir apostando por touros probados, aínda que poidan ser máis caros”, aseguran. As xovencas arrancan cunha produción de 40 litros e no segundo parto están xa nos 56 litros e chegan ós 60 na terceira lactación. “Temos xa animais cunha boa velocidade de muxido e con boas calidades do leite, pero seguimos apostando por iso”, explican.

O leite comercialízano tamén a través da Cooperativa e teñen unha produción media duns 37 litros por vaca, cunhas calidades de media que se sitúan nos 4,10 de graxa e por riba dos 3,40 de proteína. En canto ó reconto de células somáticas atópase por debaixo de 117.000 e a bacterioloxía queda sempre por debaixo de 10.000 unidades. Hai 3 anos afrontaron tamén a ampliación da sala de muxido, sumándolle 8 puntos de muxido e para dispoñer de 20 puntos cos que afrontar mellor o muxido diario, un labor do que é responsable Chelo, xunto coa limpeza. Son das ganderías de AIRA que contan coa certificación e co selo de Benestar Animal. “É un xeito de que paguen mellor o leite e son selos que cada vez se están demandando máis”, apuntan.

Base territorial da gandería

A xestión das forraxes e da terra é responsabilidade de Carlos. A gandería San Xorxe xestiona unha base territorial de 85 hectáreas, das que adican unhas 35 para o cultivo do millo, mentres que o resto téñeno a pradeira permanente. Agás o ensilado, dos outros traballos da terra, dende o abonado ata a sementeira do millo ou a sega de herba é Carlos quen sen encarga de facelos.

“Somos de botar o millo moi cedo. Hai anos que a 30 de marzo xa temos sementado máis da metade”

Unha das forraxes prioritarias para a gandería é o millo, que acostuman a sementar xa a comezos da primavera. “Somos de botar o millo moi cedo. Hai anos que a 30 de marzo xa temos sementado máis da metade”, recoñecen. Isto permítelles, entre outras vantaxes, unha maior dispoñibilidade da maquinaria para facer o ensilado. “Vimos ensilando a comezos de setembro, cando aínda non hai moito millo para recoller e iso permítenos podelo facer cando mellor vai”, explican.

Nas primeiras sementeiras optan por ciclos de 300 e van reducindo se as últimas sementeiras se atrasan por mor da meteoroloxía. Este ano, cos días solleiros que viñeron, a comezos de febreiro xa tiñan boa parte da terra do millo preparada para logo facer a sementeira. Querer sementar tan cedo o millo obrígaos a coller só unha corta de herba naquelas pradeiras que alternan co millo.

Alimentación do gando

Victoriano asume a diario a supervisión da alimentación do gando. Para as vacas en produción teñen unha ración a base de 14 quilos de silo de herba, 34 de silo de millo, medio quilo de palla e 13 quilos de penso. Na alimentación conta co asesoramento de técnicos especializados de AIRA como Aurora Vila e José Luís López. “Levamos mercando o penso a AIRA case dende que comezou a funcionar a fábrica de Taboada”, recordan.

As altas e baixas de gando tamén son tarefa de Victoriano, que asume ademais a facturación da gandería. A recría téñena en cama quente, mentres que o resto están en camas de serradura de madeira cun 70% carbonato cálcico. “Removéndoa tódolos días consegues ter boa cama e reducir os riscos de infección de mamite. Ademais é unha achega importante para as terras, que xa lle proporcionamos mesturado co xurro”, detallan.

Na Gandería San Xorxe tamén botan man do programa de substitución da Cooperativa, que lles permite unha maior conciliación laboral.

Publicado no boletín de AIRA de febreiro de 2022.

Dende O Corgo, Gandería Silva

Carme Silva, gandeira titular desta granxa familiar de O Corgo.

Na aldea de Vilaceleiro, no concello lugués de O Corgo, atópase a Gandería Silva, unha das granxas socias de vacún de leite de AIRA. Carme Silva é a gandeira titular desta granxa familiar, na que puntualmente conta coa colaboración da súa familia.

“Teño claro que noutra profesión non estaría tan a gusto como coa gandería. É verdade que temos unhas rutinas diarias, pero sempre me gustou a capacidade de introducir cambios que tes. Pequenas modificacións poden ser moi significativas e supoñer interesantes melloras. É un traballo dinámico no que sempre hai marxe para cambiar e mellorar e iso mantente moito máis activo”, argumenta a gandeira.

A súa é unha gandería na que moxe habitualmente unha media de 37 vacas. O rabaño intégrano tamén unhas 4 vacas secas e 30 xovencas. “Nunca temos máis de 40 vacas en produción, gústanos ter o rabaño axustado ás instalacións e ó tempo que temos, para que os animais estean confortables e ben atendidos”, indica. Agás as vacas en produción, que contan cun prado ó que saír parte do día, o resto dos animais van ó pasto case todo o ano.

Toda a recría da granxa, agás en contadas ocasións, é propia. Unha das últimas melloras que fixeron na gandería foi a construción dunhas instalacións, a carón da nave principal, para parte da recría e das vacas secas. Neste espazo optaron por unha cama quente e o gando sae, sempre que quere, ó prado contiguo.

“Nunca temos máis de 40 vacas en produción, gústanos ter o rabaño axustado ás instalacións e ó tempo que temos, para que os animais estean confortables e ben atendidos”

A Gandería Silva ten unha produción media de 40 litros por vaca. Nos últimos datos do mes de agosto, as calidades situábanse parellas cun 3,2% tanto de graxa como de proteína. “É a primeira vez que nos coinciden as cifras, xa que habitualmente tanto de graxa como de proteína estamos en valores máis altos”, indica a produtora. Normalmente atópanse en valores de 3,9% de graxa e 3,3% de proteína. Nesta gandería están nas 100.000 células somáticas e por debaixo de 10 en bacterioloxía.

Acreditar a calidade

A súa é unha das ganderías socias de AIRA que lle vende o leite á Cooperativa. Ademais, dende hai dous anos, contan co selo de Benestar Animal, Welfair Quality, unha certificación de calidade de Aenor. Trátase dunha acreditación, cuxa tramitación se pode realizar a través da Cooperativa, e que proporciona unha prima no prezo do leite. Ademais, son das ganderías que conta tamén coa certificación referencial de leite de vaca certificada de Cooperativa.

Gandería Silva tamén está a participar nun proxecto impulsado en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) para calcular a pegada de carbono e hídrica das granxas, co gaio de reducir as emisións. É un estudo en fase inicial no que os técnicos do proxecto están comezando a visitar algunhas granxas para coñecer en detalle o seu manexo do gando e da terra.

Na granxa xestionan unhas 18 hectáreas de terreo adicadas a pradeiras, ás que se engaden outras 10 hectáreas de monte autóctono e piñeirais. Optaron por aproveitar as súas terras para a produción de pasto e forraxes de herba e mercan o millo a produtores do concello veciño de Catroverde. “Alí poden conseguir grandes producións que a nós aquí, polas características das nosas terras, resúltanos moi difícil, polo que preferimos mercalo”, detalla a gandeira. Nas súas pradeiras predominan o raigrás híbrido e italiano xunto con trevo.

É unha das ganderías que comercializa o leite con AIRA e que conta co selo de Benestar Animal de Aenor

Ademais da comercialización do leite, no día a día da gandería conta con outros servizos da Cooperativa como o carro mesturador. “Foi un bo cambio comenzar co carro. Proporciónanos moita tranquilidade, sen ter que te preocupar por avarías da maquinaria”, comenta. Conta tamén co asesoramento dos técnicos de alimentación da Cooperativa.

Publicado no boletín de AIRA de setembro de 2021.