Dende Taboada, gandería Cadahías de San Julián SC

Cadahías San Julián
Os irmáns Santiago y Andrés Gómez Cadahía na súa gandería de vacún de leite.

A carón do río Miño, ó seu paso polo concello lugués de Taboada, atópase a gandería familiar Cadahías de San Julián SC, unha das granxas socias de AIRA centradas no vacún de leite. Os irmáns Andrés e Santiago Gómez Cadahía xestionan esta gandería coa que xa comezaran seus pais na parroquia de Ínsua San Julián.

Contan cunhas 160 vacas en produción, cun manexo en intensivo, e outras 40 vacas secas e xovencas próximas ó parto que saen tódolos días ó pasto. “Nos meses de xullo e agosto esta zona é moi seca e case non teñen pasto, pero con todo, botámolas para o prado polo ben que lles senta para previr problemas, en especial de patas”, explica Andrés.

O rabaño complétase cunhas 70 becerras de recría. Apostan pola recría propia con touros galegos, procedentes de Xenética Fontao como Gigaball, GioP ou San Xurxo, así como animais canadenses, como Bombero e Zebra. “Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño, aínda que leve tempo, vanse vendo os resultados”, argumenta o gandeiro.

“Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño”

Dende que Andrés e Santiago xestionan a granxa centráronse na raza Frisoa. “Ás veces diversificar e ter distintas razas no rabaño, como tiñan antes meus pais, tampouco te leva a nada. Nós fixámonos uns obxectivos e decidimos apostar por esta raza para conseguilos”, detallan.

Na gandería Cadahías de San Julián SC fan dous muxidos ó día e teñen unha media de 37 litros por vaca ó día, cunhas calidades de 3,8 % de graxa e 3,3 % de proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa. “O peor problema do sector é que non podemos repercutir os incrementos dos custes, a diferenza do que acontece noutros ámbitos. Somos conscientes de que dende a Cooperativa se fan esforzos nesa liña, pero a industria segue a mirar para outro lado”, valora o gandeiro.

Teñen un rabaño de frisoas, cunhas 160 vacas en produción e onde apostan pola recría propia

Traballan con sala de muxido e polo momento descartan incorporar robots de muxido. “Para as vacas que temos en produción teriamos que meter tres robots e supón unha gran inversión”, indica Andrés. Foron introducindo outros sistemas de automatización do manexo da granxa como o achegador de comida ou unha amamantadeira para a recría, que é unha das últimas melloras.

No día a día da granxa, Andrés encárgase da xestión dos animais, mentres que os labores da terra recaen habitualmente en Santiago. “Temos o traballo organizado así, aínda que nas épocas de maior carga de traballo colaboramos onde se precise”, indican. Ademais dos dous irmáns, na gandería contan con empregados para axudar nas tarefas do día a día.

Alimentación do gando

A alimentación das vacas en produción realízana co carro mesturador que adquiriron novo á Cooperativa, logo de traballar durante anos cun de segunda man e dado que a granxa se atopa fóra das rutas da Cooperativa. “Mercamos os carros en AIRA porque traballan cunha moi boa marca e teñen unha gran capacidade de resposta cando tes unha eventualidade. Nunha máquina que está traballando tódolos días non podes permitirte que falle e se pasa tes que saber que contas cun servizo que che ofreza solucións no menor tempo posible”, comenta o gandeiro.

Na granxa Cadahías de San Julián tamén botan man da Cooperativa para temas como a colleita do millo. “Boa parte dos traballos do campo facémolos nós, pero hai tarefas nas que sempre optamos pola Cooperativa”, explican. A gandería manexa unha base territorial dunhas 70 hectáreas, das que 30 dedícanas a millo. “Temos alugadas algunhas fincas en Monterroso, xa que alí lógranse mellores producións que nesta zona e compénsanos”, indica. Puntualmente mercan ademais millo para suplir as necesidades do gando.

“Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”

Na gandería Cadahías reivindican o apaixonante que resulta o traballo no agro e o día a día cos seus animais, pero recoñecen que este é aínda un sector moi pouco valorado, a diferenza do que acontece noutros países. “Séguese infravalorando o campo, e sen os produtores non se sostería o rural. O peche das ganderías é un problema grave para moitos núcleos rurais. Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”, conclúe Andrés Cadahía.

Publicado no boletín de AIRA de decembro de 2021.