
A Dermatosis Nodular Contagiosa (DNC) é unha enfermidade vírica que afecta exclusivamente ó gando bovino. Detectada xa en países como Italia e Francia, existe un risco real da súa entrada en Galicia, polo que as autoridades sanitarias insisten na necesidade de extremar as medidas preventivas.
Que é a DNC?
A DNC está causada por un virus da familia Poxviridae, que afecta ao gando bovino e que provoca lesións cutáneas (nódulos), febre, perda de condición corporal e unha redución significativa da produción de leite. Non supón ningún risco para a saúde humana, nin se transmite polo consumo de carne ou leite.
Vías de transmisión
A enfermidade pode transmitirse por:
- Picaduras de insectos vectores (moscas, mosquitos, carrachas).
- Contacto directo entre animais infectados.
- Vehículos, material ou persoas contaminadas.
Síntomas a vixiar
Os gandeiros deben estar atentos a signos como:
- Febre alta.
- Nódulos na pel, mucosas ou ubres.
- Inflamación dos ganglios linfáticos.
- Descenso na produción de leite e perda de peso.
Ante calquera sospeita, é fundamental contactar inmediatamente co noso servizo veterinario.
Medidas de prevención
- Evitar, na medida do posible, a compra ou traslado de gando de zonas afectadas.
- Garantir unha limpeza e desinfección rigorosa dos vehículos de transporte.
- Manter condicións óptimas de hixiene na explotación.
- Empregar repelentes ou insecticidas en épocas de alta presenza de insectos.
- Incrementar a vixilancia diaria do rabaño.
Consecuencias dunha detección positiva
A DNC é unha enfermidade de declaración obrigatoria. No caso de detectarse un positivo, aplícanse medidas estritas como o baleirado sanitario e a inmobilización do gando nun radio de 20 km, o que supón un forte impacto económico para as explotacións afectadas e a súa contorna.
É importante recalcar que a DNC non representa ningún risco para a saúde humana, nin se transmite mediante o consumo de produtos lácteos ou cárnicos.
Resumo en PDF sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNS)
A nosa prioridade é protexer as vosas explotacións e o sector bovino galego. Segue estas recomendacións e mantén o contacto co noso servizo veterinario no caso de calquera incidencia ou dúbida.