
O cambio na directiva farase efectivo a partir do 1 de xaneiro. AIRA recoñece o labor de Ferreiro ó longo destes anos para coordinar a fusión que deu lugar ó que hoxe é a Cooperativa e impulsar proxectos destacados da mesma
Cándido Cancelo Cabanas será o novo director xeral de AIRA a partir do 1 de xaneiro de 2025, tras a xubilación de Daniel Ferreiro Otero, quen se despide de AIRA despois de dúas décadas vinculado á Cooperativa e unha traxectoria centrada no impulso do cooperativismo e no sector agroalimentario.
Cándido Cancelo chega a AIRA tras unha destacada traxectoria profesional tanto a nivel nacional como internacional. Cancelo conta con máis de 20 anos de experiencia na dirección e desenvolvemento de proxectos estratéxicos en mercados globais e en distintos sectores. “AIRA é un referente no sector agroalimentario e agardo contribuír a seguir facendo que esta Cooperativa sexa un motor do agro galego, ó tempo que se mantén a carón dos 3.000 socios que a integran”, valora Cándido Cancelo, novo director xeral de AIRA.
Nestes primeiros meses, Cancelo contará coa colaboración do seu predecesor, posto que Daniel Ferreiro continuará vinculado á Cooperativa para facilitar este proceso de remuda na directiva da Cooperativa. “Contar coa colaboración de Daniel Ferreiro ó longo dos próximos meses será de utilidade para que esta transición se faga dun xeito áxil e ordenado”, indica Cándido Cancelo.
Máis de 20 anos na Cooperativa
AIRA agradece a dedicación e implicación de Daniel Ferreiro á Cooperativa durante máis de 20 anos de traxectoria. O seu traballo e entrega foron decisivos en momentos claves da historia e no percorrido da Cooperativa para chegar a converterse no que é hoxe en día.
Ferreiro contribuíu ó entendemento entre as distintas cooperativas tanto para a creación da fábrica de pensos de Taboada, como na integración que deu orixe a AIRA no 2018. Ademais, Ferreiro foi clave para que algúns dos proxectos destacados de AIRA se fixeran realidade, como é a planta de transformación láctea de Melide, o crecemento sostible e exponencial da propia Cooperativa ou novas liñas de negocio como o recente acordo coa firma García Baquero para a fabricación de queixos en Galicia con leite procedente das ganderías socias.
“Daniel Ferreiro foi o faro que nos guiou no camiño da integración para a creación de AIRA e grazas ó seu traballo e tesón viron a luz proxectos cos que conseguir a valorización dos produtos das ganderías e explotacións dos socios e socias de AIRA. Estamos fondamente agradecidos pola súa dedicación ó longo de todos estes anos, facéndoo sempre dun xeito próximo e favorecendo o entendemento”, valora José Manuel López Tellado, presidente de AIRA.