A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) celebrou o XXVI Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina. O evento tivo lugar entre os días 24 e 26 de abril en Córdoba (Andalucía) e ata alí foron 12 técnicos de distintas áreas de actuación de AIRA (clínicos, alimentación, ADS, reprodución e calidade do leite).
No evento contan con relatores internacionais de primeiro nivel, que achegan os últimos avances científicos da produción bovina e que ten por finalidade formar aos profesionais veterinarios. Nesta edición, o equipo técnico de alimentación da Cooperativa levou a cabo unha presentación, a cal espertou un grande interese entre os/as congresistas.
José Luis López Salgueiro e José María Viana Ferreiro, ambos veterinarios e técnicos do equipo de alimentación, realizaron unha análise na que estudaron como afectan distintos parámetros na produción en varias explotacións con muxido robotizado, alimentadas con mestura húmida fabricada na planta de AIRA de Sarria. López Salgueiro foi o encargado de presentar os principais resultados no Congreso coa charla ‘A culpa non é da alimentación’.
A particularidade do estudo reside en que todas as granxas analizadas teñen a mesma alimentación, localización e homoxeneidade nos parámetros de xestión robótica no muxido. Estudaron catro granxas, todas próximas, co obxecto de que compartisen un ambiente o máis semellante. As explotacións comparten o mesmo sistema de muxido, o robotizado coa mesma marca. Tamén a mesma alimentación de mestura húmida Unifeed máis penso robot (Airobot©). Están na mesma zona xeográfica, coa mesma climatoloxía (humidade e temperatura) e mesmo sistema de estabulación: libre con cubículos e circulación libre. Tamén comparten o deseño de táboas de alimentación dos robots de muxido e prezos da comida. Por último, outro parámetro que teñen igual é a idade dos xerentes, que son mozos.
Deste xeito as desviacións individuais que existen nos resultados non poderán ser atribuídas á alimentación. As variacións nos resultados deberase a ouros factores: deseño das instalacións, ventilación, confort, manexo de animais, manexo do robot, ocupación etc.