Dende Guntín, Casa Xanete

Jose e Patricia decidiron apostar pola gandería familiar despois de anos traballando noutros sectores. Hai pouco máis dun ano que estrearon novas instalacións e incorporaron un sistema de muxido robotizado. Coñecemos como traballan nesta granxa socia de AIRA

José Luís López traballou durante anos na construción ata que coa crise do ladrillo decidiu tomar as rendas da pequena gandería de vacún de leite que tiñan seus pais no lugar de Vilasuso, en Guntín (Lugo). Outra crise, neste caso a da Covid-19, fixo que tamén a súa muller Patricia Sánchez, se decidira por abandonar o seu traballo e apostar de xeito decidido pola gandería. Hoxe, xunto cos seus dous cativos Roberto e Alejandro, nesta gandería socia de AIRA, Casa Xanete, están moi satisfeitos por ter tomado esta decisión.

Nestes anos pasaron de 10 vacas a unhas 120 cabezas de gando, na súa maioría de raza frisoa e cunhas 50 en produción de leite. No último ano, coa incorporación de Patricia, fixeron un dos cambios máis significativos, pasar dunhas instalacións que se lle quedaban pequenas e nas que muxían cun sistema de circuíto, a contar cunha ampla nave na que tamén incorporaron un sistema de muxido robotizado. “Para as nosas vacas foi todo novo, non só o robot de muxido, senón cambiar a unhas novas instalacións libres, mentres antes estaban nun sistema trabado”, explican os gandeiros.

Lonxe de supoñer unha adaptación difícil, recoñecen que os animais se adaptaron moi ben ó cambio e en menos dun ano pasaron dunha produción de 29 litros a unha media de 42 litros por animal. “Ós 2 meses de facer o cambio xa estabamos cunha produción media de 37 litros. Os primeiros días foron moi intensos para nós, supervisando todo case 24 horas, xa que non fixemos un cambio gradual, pero facer a transición así foi todo un acerto”, coinciden en sinalar tanto Jose como Patricia. Na actualidade teñen ademais unhas calidades de 3,8% de graxa e 3,45% de proteína.

Ademais da incorporación do robot de muxido, nesta gandería están a empregar distintas ferramentas dixitais na súa xestión diaria. Así, á marxe de todos os datos que lle proporcionan os colares do gando, sobre o estado de saúde do animal, tamén xestionan temas como o pedido do penso á Cooperativa a través da propia aplicación de AIRA. Empregan ademais o libro de tratamentos veterinarios que ten dispoñible AIRA. “Este tipo de ferramentas dixitais son de moita utilidade xa que tes toda a información dispoñible no teu teléfono”, valora Patricia, que leva a parte administrativa da gandería, ademais de encargarse do coidado da recría.

Mentres, Jose asume tanto a supervisión das vacas en produción como os labores de produción dos forraxes nas 40 hectáreas que manexan na gandería.

Experiencia con AIRA

Como é a vosa experiencia coa Cooperativa?
Meus pais xa comezaron coa Cooperativa dende hai máis de 30 anos, primeiro con Copar, logo pasarán a Agris e logo xa con AIRA. Dende que nós asumimos a xestión da granxa seguimos contando cos servizos veterinarios e de reprodución pola boa experiencia que tivemos, pero tamén fomos incorporando outros. Hoxe ademais vendémoslle o leite, consumimos o penso de AIRA e tamén acabamos de incorporar o servizo do carro de alimentación, entre outros servizos.

Por que es socio/a de AIRA? Que servizos che ofrece a Cooperativa que che resultan de utilidade?
Somos socios porque pensamos que estando unidos se poden lograr mellores resultados, ben sexa na venda do leite, como nos prezos que teñas como socio, aínda que os socios sempre queremos máis e ás veces non entendes porque non en todos os produtos a Cooperativa che ofrece o prezo máis competitivo. Con todo, en temas como a comercialización do leite e na transformación creo que se foi mellorando moito e espero que nos siga traendo bos resultados para o futuro.

Algún aspecto da Cooperativa sobre o que creas que se debe traballar?
Hai aspectos como as ferramentas dixitais que a Cooperativa pon ó servizo dos socios, que aínda que tamén se poden seguir mellorando, prestan xa un moi bo servizo, son de moita utilidade, pero hai outros servizos que ó ser unha Cooperativa con tantas ganderías socias está un pouco máis descoidado. A nosa experiencia coa comercialización de becerros a través de AIRA non foi boa e mentres non se mellore non a empregaremos.

Tamén vemos moi necesario que se fagan máis encontros cos socios por zonas, cunha periodicidade regular, para que poidas trasladarlle directamente algunhas das cuestións que che preocupan.