Dende Monterroso, Gandería Golpe SL

ganderia Golpe
Esther García, propietaria xunto coa súa familia da Gandería Golpe SL.

Esther García e a súa familia contan cunha gandería de vacún de leite e dende hai xa 10 anos destinan parte da súa produción para elaborar os seus propios queixos con leite cru

Na parroquia de Güimil, en Monterroso, sitúase a Gandería Golpe SL, unha das granxas socias de AIRA. Á fronte dela atópanse Esther García, o seu marido José Diéguez e a súa filla Verónica, que se incorporou á actividade hai uns 8 anos, momento no que fundaron a SL.

“A min gústame moito a granxa e o campo, síntome orgullosa e recoméndolle a todo o mundo que aposte polo agro”

“A min gústame moito a granxa e o campo, síntome orgullosa e recoméndolle a todo o mundo que aposte polo agro”, explica Esther. Seus pais contaban cunha gandería de vacas de leite e ela dende sempre tivo claro que tomaría o relevo para seguir coa granxa. “Eu nunca quixen marchar, quería continuar coa granxa e así o fixemos”, apunta a gandeira.

Hoxe na súa granxa conta cunhas 96 vacas frisoas en produción. “Meus pais tiñan tamén algunha vaca rubia, pero nós apostamos pola produción de leite. Temos case todo o rabaño de Frisoas, aínda que tamén tivemos algunha Jersey”, indica. A súa produción diaria é de 30,5 litros por animal cunhas calidades de 4,2 % de graxa e de 3,4 % de proteína. “Centrámonos nas calidades máis que na cantidade”, explica. Esta decisión débese a que dende hai 10 anos tamén elaboran os seus propios queixos, que comercializan baixo a marca Queixos Mazarico.

“Hai uns anos, decidimos diversificar, igual que outros fixeron coas granxas de porcos, nós pensamos en facer os nosos propios queixos”, recorda Esther. Así, transformaron as antigas instalacións nunha queixería na que a día de hoxe elaboran tres tipos de queixo con leite cru: queixo fresco, queixo cremoso e queixo curado. “Producimos queixos pero seguimos vendendo leite para a Cooperativa, non transformamos toda a nosa produción”, indica a gandeira.

Na gandería xestionan arredor dunhas 50 hectáreas de terra para a produción de forraxes coas que alimentar o gando. Normalmente destinan unhas 30 hectáreas a herba e o resto para o cultivo do millo. A produción de forraxes é unha das tarefas das que se encarga José, aínda que a sementeira e a colleita adoitan facela con AIRA.