
Casa Crespo SC está sita na parroquia de Santiago de Saa (Lugo) e leva en funcionamento máis de tres décadas. Comezou cos pais de Eloy Luaces, quen na actualidade segue á fronte da gandería xunto coa súa muller, Esther Lage, e o seu fillo, Víctor Luaces. Este mozo incorporouse no 2019 e con el chegou unha ampliación da gandería, que aumentou ata os 56 cubículos, e instalaron o robot de muxido.
Contan cun total de 94 animais, dos cales 50 son vacas adultas e 44 xovencas, ademais 42 das vacas están en muxido. A media de produción sitúase nos 43,26 litros por vaca e día, segundo a media da última semana de xuño. A porcentaxe de graxa está entre o 3,5 % (verán) e o 3,9 % (inverno), e a de proteína no 3,24 %. O reconto sitúase nas 140.000 e a bacterioloxía por debaixo de 10.000.
A alimentación dos animais céntrase en silo de herba a discreción, con bastante fibra, e penso en robot e estación de alimentación. A herba recóllena das 26 ha (20 propias e 6 arrendadas) que cultivan a raigrás e nas que fan entre 2 e 3 cortas. “A produción que recollemos é xusta para alimentar a todo o gando. Levamos xa dous anos que mercamos rolos de herba”. Eloy destaca que “os traballos agrícolas facémolos todos pola tarde, buscando que non haxa néboas nin o “orballo” das primeiras horas da mañá. No verán, se fai calor igual empezamos sobre as 12 do mediodía”.
En canto á xenética, en Casa Crespo SC teñen claros os criterios que buscan nos touros. Primeiro, para as xovencas é que sexan sexados, “tamén empregamos algúns para as vacas das que queremos ter unha filla”, explica Víctor. O seguinte criterio que miran é que sexa A2A2, “é o máis importante”, logo que sexan positivos ou o máis neutro posible en patas retas, tetos tirando a longos para o robot e finalmente un alto volume de produción de leite e maior porcentaxe de graxa.
O futuro da gandería
Víctor naceu na gandería e criouse entre os animais, por iso decidiu que o seu futuro tiña que seguir na gandería: “Sempre me gustou a vida da granxa”. Indica que lles ía ben, “recibíramos varios galardóns por produción anual e como deron o paso a modernizarnos co robot pois decidín dar o paso”.
Indica que, de cara a cando seus pais se xubilen, “non sei como vai estar a situación, tería que contar con empregados ou igual valorar xuntarme con outra gandería”. Explica que xa o intentaron hai uns dous anos, pero as trabas burocráticas impediron que se levase a cabo. “Se cambian as leis nos vindeiros anos, podería volver a intentalo”.
EXPERIENCIA COA COOPERATIVA
Como é a vosa experiencia coa cooperativa?
Eloy: Levo máis de trinta anos no Consello Reitor e sempre apoiei a cooperativa porque me dá tranquilidade. A cooperativa está para prestar os servizos que ten nas mellores condicións. A miña relación coa cooperativa é preguntar se dispoñen do que preciso, se mo poden ofrecer ben, senón búscome noutro lado, pero non lle reclamo que non o teña.
Que considerades que se debería mellorar en AIRA?
Víctor: Unha das melloras podería ser axilizar o trámite de receita coa recollida dos medicamentos. É dicir, cando vén un veterinario e nos receita uns medicamentos, igual cando os imos recoller non os hai. Deberían buscar unha ferramenta que lles permita saber na delegación correspondente que medicamentos necesitamos ter dispoñibles para poder recollelos.
Que balance facedes destes anos, dende que se levou a cabo a integración de AIRA?
Eloy: Un balance moi positivo. Agora hai a complexidade de que se traballa a maiores volumes, pero rendibilízanse mellor os traballos.
Empregades o programa de xestión de tratamentos. Por que decidistes incorporalo?
Víctor: Xa fomos unha das granxas que formamos parte do proceso de implementación. Consideramos que é un avance importante. Facilita moito os traballos e non hai que introducir tantos datos.
Animades a outros gandeiros a incorporalo?
Víctor: Si, por suposto. Canto antes empecen a empregalo, mellor. O futuro pasa pola tecnoloxía e estes programas facilitan o traballo diario da gandería.
Eloy: Eu non o manexo moito, pero vexo que é máis simple. Hai que dedicarlle algo de tempo a aprender e é moi útil para a gandería.