
SAT Casa Román é unha das ganderías de vacún de leite socias de AIRA en Castroverde (Lugo). Esta granxa familiar está integrada por Daniel Torres, a súa muller Erundina Labrada e o seu fillo, Román. Ademais, contan con 3 traballadores, o último deles incorporouse este mesmo ano.
A gandería conta cunhas 310 cabezas de gando de raza Holstein e ten 150 vacas en muxido, cunhas 16 vacas secas e o resto son animais de recría. A súa produción media atópase nos 38 litros por animal cunhas calidades medias de 3,8 % de graxa e 3,3% de proteína e cun reconto de células por debaixo das 150.000 e a bacterioloxía tamén por debaixo de 10. O ano pasado venderon á Cooperativa uns 2.100.000 litros de leite. É unha das ganderías que están certificadas.
Teñen unhas 150 vacas frisoas en muxido cunha produción media de 38 litros por vaca e día. O ano pasado venderon á Cooperativa máis de 2 millóns de litros de leite
No día a día da granxa, Román encárgase sobre todo da reprodución e tratamento dos animais, así como do mantemento da cama do gando. Encaman cada 6 días e empregan unha mestura de serradura de madeira e carbonato cálcico a partes iguais, mentres que as limpan dúas veces ó día. Da alimentación do gando, co preparado da ración co carro mesturador, encárgase Daniel, así como do manexo dos cultivos.
O coidado da recría é responsabilidade de Erundina. O muxido das vacas é unha tarefa do persoal contratado. Realizan dous muxidos ó día e dispoñen dunha sala informatizada que lles proporciona un importante volume de datos de cada animal. “Tratamos de respectar sempre as rutinas e esta división do traballo para ser máis eficientes”, explica Román.
A gandería dispón de 83 hectáreas que traballan con distintos cultivos sen deixar ningún terreo sen traballar. Acostuman botar millo nunhas 35 hectáreas, que teñen en rotación con herba. “Hai unhas 30 hectáreas que sempre levan millo, porque son as mellores terras, e logo as 5 restantes imos rotando, aproveitando para renovalas”, detalla Román.
Coa Cooperativa fan os traballos da campaña, como boa parte da sega e o abonado, así como a colleita do silo tanto de herba coma de millo. “Nas primeiras cortas do silo de herba emprego a colleitadora e picador ó mesmo tempo para meter as fincas pequenas co picador, o que supón un aforro importante”, detalla o gandeiro.
Aposta pola comodidade
SAT Casa Román conta cunha nave ventilada e na que fixeron unha importante aposta polo confort e benestar dos animais. Todos os anos acometen algunha mellora nas instalacións para facilitar tamén o manexo e o traballo diario na granxa, como foron os novos silos ou fosas para o xurro, melloras na nave de recría… “Tentamos que o animal estea sempre o mellor posible”, apunta Román.