Proporcionarlle ó millo unha fertilización axeitada é fundamental para lograr unha boa colleita, por iso en AIRA abordamos algunhas das claves a ter en conta para conseguilo nunha xornada en campo.
A sesión formativa celebrouse en Sarria e participaron gandeiros e gandeiras socios de diferentes zonas, así como técnicos de AIRA de distintas delegacións
Na fertilización do millo é moi recomendable repartir o aporte de nitróxeno que se fai ó cultivo e realizalo en varias veces, debido ás perdas que se producen. “A eficiencia do abonado aumenta moito se a planta dispón do nitróxeno nos momentos de máis demanda”, explican dende o servizo agronómico de AIRA.
Unha das opcións para repartir a dose de nitróxeno que se aporta ó millo é facelo en dúas veces, empregando en ambos casos fertilizantes granulados. Así, realízase un primeiro abonado antes da sementeira e despois procédese a un segundo abonado xusto antes de que peche o millo, é dicir, antes de que comece a encañar. “Hai que facer este segundo aporte cando o millo ten entre 8 e 10 follas, de xeito que aínda se pode entrar sen danar o cultivo”, apuntan dende o servizo agronómico da Cooperativa.
“A eficiencia do abonado aumenta moito se a planta dispón do nitróxeno nos momentos de máis demanda”
Na xornada divulgativa abordouse este método de fertilización e os participantes viron a aplicación dun dos produtos que se poden utilizar no segundo aporte de abono, cando a planta comeza a encañar. Empregouse o abono AMIDAS, cunha aplicación de 150 quilos/hectárea, botando man dunha máquina de redrar que permite tamén aplicar o fertilizante.
Entre outras vantaxes, o AMIDAS é un abono concentrado que permite empregar baixas doses e gañar moito no rendemento na aplicación. “A aplicación resulta práctica e económica. Así é que cunha aboadora de 1.500 quilos pódense facer entre 8 e 10 hectáreas en pouco tempo”, explicouse na xornada.
Deste abono recoméndase aplicar unha dose de entre 125-200 quilos/ha dependendo da produción esperada (35-70 Tn/ha). Na súa composición, o Amidas inclúe xofre, o que axuda a asimilar o nitróxeno polas plantas. Outra das vantaxes deste produto é que non dana o millo producíndolle queimaduras como acontece con outros fertilizantes. Ademais, o proceso de sulfatación da urea minimiza as perdas por evaporación se se aplica en superficie.
Aportar fertilizante e redrar o millo
A aplicación deste fertilizante granulado fíxose cunha máquina de redrar o millo. Este é un dos apeiros, xunto coas aboadoras suspendidas, co que aplicar o abono ó cultivo nesta fase de crecemento. Ademais, na sesión tamén recordaron os beneficios que lle proporciona ó cultivo redrar a terra. “Redrar o millo aporta moitos beneficios ó millo. É unha técnica moi antiga que se deixou en desuso polos cambios na mecanización das granxas”, explican dende de departamento agronómico de AIRA.
En concreto, redrar o millo permite romper a costra que se forma na superficie da terra e as fendas que fan que se perda a auga en profundidade. Ademais, arrendar o colo do millo provoca que saian novas raíces mellorando moito a densidade delas e a súa eficiencia.
Tamén é unha práctica que permite liberar a terra dalgunhas herbas que aínda estean nese momento na leira. Ademais, ó enterrar o fertilizante, as perdas son mínimas.
Por que é importante aplicar un abono foliar ó millo?
Na xornada tamén se lle informou ós participantes sobre o uso de abonos foliares, para aplicar xunto co herbicida. Os abonos foliares poden proporcionar micronutrientes, aportar bioestimulantes e achegar nitróxeno.
“Os abonos foliares teñen unha función diferente á dos fertilizantes granulados. Os abonos foliares aportan pequenas cantidades de nutrientes, pero fano dunha maneira moi rápida e eficiente, o que permite darlle un impulso ó crecemento das plantas”, explican os técnicos.
Existen dous tipos principais de abonos foliares:
-Aqueles que aportan nitróxeno. Son abonos que complementan ó que as plantas reciben polas raíces en momentos de gran demanda.
-Aqueles que aportan micronutrientes e estimulantes. Os micronutrientes son necesarios en pequenas cantidades. Algúns dos micronutrientes son pouco móbiles, ademais de escasear en moitas terras, por iso unha incorporación vía foliar garante que a planta dispoña destes nutrientes esenciais e así medrar mellor sen esta limitación. Os estimulantes teñen a función de reactivar a planta ante situacións de estrés, como pode ser o propio efecto dos herbicidas, unha seca puntual, noites frías, etc.
A aplicación de abonos foliares debe facerse sempre baixo a prescrición do técnico da Cooperativa. Ademais, recoméndase empregar abonos foliares no momento de aplicacón do herbicida, para conseguir unha redución de custos, de maneira que non supoña un gasto extra de aplicación. Cómpre ter presente que os abonos foliares teñen un custe reducido e os beneficios que aportan son importantes.