Alerta sanitaria: Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC)

A Dermatosis Nodular Contagiosa (DNC) é unha enfermidade vírica que afecta exclusivamente ó gando bovino. Detectada xa en países como Italia e Francia, existe un risco real da súa entrada en Galicia, polo que as autoridades sanitarias insisten na necesidade de extremar as medidas preventivas.

Que é a DNC?

A DNC está causada por un virus da familia Poxviridae, que afecta ao gando bovino e que provoca lesións cutáneas (nódulos), febre, perda de condición corporal e unha redución significativa da produción de leite. Non supón ningún risco para a saúde humana, nin se transmite polo consumo de carne ou leite.

Vías de transmisión

A enfermidade pode transmitirse por:

  • Picaduras de insectos vectores (moscas, mosquitos, carrachas).
  • Contacto directo entre animais infectados.
  • Vehículos, material ou persoas contaminadas.

Síntomas a vixiar

Os gandeiros deben estar atentos a signos como:

  • Febre alta.
  • Nódulos na pel, mucosas ou ubres.
  • Inflamación dos ganglios linfáticos.
  • Descenso na produción de leite e perda de peso.

Ante calquera sospeita, é fundamental contactar inmediatamente co noso servizo veterinario.

Medidas de prevención

  • Evitar, na medida do posible, a compra ou traslado de gando de zonas afectadas.
  • Garantir unha limpeza e desinfección rigorosa dos vehículos de transporte.
  • Manter condicións óptimas de hixiene na explotación.
  • Empregar repelentes ou insecticidas en épocas de alta presenza de insectos.
  • Incrementar a vixilancia diaria do rabaño.

Consecuencias dunha detección positiva

A DNC é unha enfermidade de declaración obrigatoria. No caso de detectarse un positivo, aplícanse medidas estritas como o baleirado sanitario e a inmobilización do gando nun radio de 20 km, o que supón un forte impacto económico para as explotacións afectadas e a súa contorna.

É importante recalcar que a DNC non representa ningún risco para a saúde humana, nin se transmite mediante o consumo de produtos lácteos ou cárnicos.

Resumo en PDF sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNS)

A nosa prioridade é protexer as vosas explotacións e o sector bovino galego. Segue estas recomendacións e mantén o contacto co noso servizo veterinario no caso de calquera incidencia ou dúbida.