
Fonchave é unha das ganderías socias de AIRA centrada na produción de vacún de carne, cun cebadeiro de becerros e un rabaño de vacas en extensivo. Falamos con Félix Fernández, para coñecer máis sobre a gandería familiar
Félix Fernández González está hoxe á fronte da Gandería Fonchave, situada no lugar homónimo de Becerreá (Lugo), logo de incorporarse á actividade no 2008 e de tomar o relevo de seus pais Amable e Begoña que comezaran coa actividade hai máis de tres décadas e que se xubilaron nos últimos anos.
Fonchave é unha das ganderías socias de AIRA centrada na produción de carne de vacún e na elaboración de queixos. “Meu pai quería montar unha panadería, tiña xa a leña aquí, pero empezou comprando primeiro un becerro, logo sete e logo xa vinte… foi medrando pouco a pouco ata o que hoxe temos”, indica Félix.
Este cebadeiro conta a día de hoxe cuns 800 becerros na súa maioría de raza Limousin, pero tamén de Rubio Galego ou doutras razas de carne. Cada martes, Félix merca na Central Agropecuaria de Silleda becerros, tanto mamóns coma xa pasteiros, que permanecerán no cebadeiro ata arredor dos 11 meses. Conta con varias naves, tanto feitas nos últimos anos e que teñen zona de patios para que os becerros poidan tamén saír, como algunha construída con estrutura de madeira por seus pais cando comezaron coa actividade.
Xunto cos becerros que merca, na gandería conta cun rabaño de 130 cabezas que permanecen en extensivo en diferentes lotes. Neste caso predominan os cruces de Limousin con outras razas. “As raza Limousin é a que mellor nos vai, nacen fortes e pequenos, co que para o parto é mellor e enseguida medran. En 10 días os becerros descoñécense”, explica o gandeiro.
Ademais, Félix ten 7 touros de raza Limousin para a monta do rabaño. Os machos permanecen coas vacas durante parte do ano, e só os sacan durante uns meses, para así concentrar os partos para a primavera. “Esta raza é moi rústica e ademais agora son tamén mansos, non é como hai anos que eran moi bravos e ariscos”, valora Félix.
Distribuídos en distintos lotes, estes animais repártense nas preto de 100 hectáreas que manexan na gandería, entre terra en propiedade (70ha) e alugada (30ha). Nesta superficie ademais do pasto, Félix recolle forraxe para o gando. “Facemos bolos de silo e de herba seca, que é o que mellor se nos presta ó telas fóra todo o ano”, apunta. Xunto con Félix, na gandería traballan dúas persoas e contan tamén cun veterinario que supervisa os animais tódalas semanas.
Nesta gandería comercializan todos os animais baixo o selo da IXP Ternera Gallega, tanto na categoría de Suprema (os nacidos na gandería e que permanecen fóra coas nais) como na categoría de Ternera Gallega, os que permanecen no cebadeiro.
Fonda tradición na elaboración de queixos
Na gandería Fonchave tamén teñen unha fonda tradición na elaboración dos queixos, que comercializan baixo a marca Queixos Begoña e a marca Fonchave, amparada na DOP Cebreiro. Hoxe distribúen a tendas de Becerreá (como a propia delegación de AIRA), A Fonsagrada, Lugo ou mesmo Ponferrada. “Miña bisavoa e miña avoa xa facían queixos e miña nai tamén decidiu seguir facendo neles. Na familia lévase facendo queixo dende 1915, como recolle nas etiquetas dos nosos queixos”, recoñece Félix.
Para a elaboración dos queixos teñen un rabaño dunhas 20 vacas de diferentes razas como Parda Alpina, Fleckvieh, Jersey, Asturiana, Belga ou Limousin e cruces de Holstein. “Son vacas que non teñen unha gran produción, pero que o seu leite se presta moi ben para elaborar os queixos”, detallan na gandería.
Experiencia con AIRA
Como é a túa experiencia coa Cooperativa?
Meus pais comezaron coa Cooperativa hai xa máis de 30 anos, con COELPLAN, e cando me incorporei eu estábamos contentos e tamén sigo coa Cooperativa. Cando meu pai empezou cos becerros, na Cooperativa xa lle facían unha fórmula específica para os becerros pequenos e hoxe en día seguimos cunha fórmula específica de penso para os nosos animais.
Por que es socio de AIRA? Que servizos che ofrece a Cooperativa que che resultan de utilidade?
Nós un dos servizos do que botamos man é o do penso e aí os prezos de AIRA son moi competitivos con respecto do que che poden ofrecer outros, ademais de ter un bo servizo e un asesoramento por profesionais como José Luis López Salgueiros, con quen estamos moi contentos. Ademais, na Cooperativa tamén mercamos outros produtos para a nosa gandería como os pastores eléctricos, mallas ou os medicamentos. Coa Cooperativa tamén facemos as analíticas cando precisamos.
Algún aspecto da Cooperativa sobre o que creas que se debe traballar?
En xeral estamos contentos coa Cooperativa, gústanos como se están a facer as cousas e os resultados que se están tendo tamén nos parece que son bos.