Antonio Fernández, xunto ao seu irmán Luis Javier, xestionan Finca de Eiras SL, sita en Pol. A granxa foi mercada por seu pai en 1995, tras levar toda a vida traballando como capataz na mesma. Os irmáns incorporáronse á granxa en 1998, ano no que fixeron a primeira ampliación grande das instalacións, a segunda foi en 2006 e finalmente en 2019 levaron a cabo a última obra na gandería, cando incorporaron a sala de muxido traseira de 24 puntos.
Ademais da gandería de vacún, contan cunha granxa de porcino. Deste xeito, Antonio encárgase principalmente do vacún, mentres que Luis Javier xestiona a de porcino. “Decidimos non apostar todo pola produción láctea e cremos que foi o mellor”, explica Antonio. Ademais, na granxa de vacas contan con tres traballadores para levar a cabo todas as tarefas diarias.
En Finca de Eiras SL teñen 280 animais, dos cales 160 son vacas en muxido. Acadan unha produción diaria de 43,5 litros/vaca/día con tres muxidos e unhas calidades de 3,7 % de graxa e 3,2 % de proteína. O reconto celular está nas 160.000 e a bacterioloxía media en 10.000.
A xenética é un dos ámbitos nos que máis están a traballar, coa finalidade de conseguir unha lonxevidade maior nos animais. Así, como criterios principais para escoller os touros están as ubres e patas. “Tamén valoramos outros parámetros como sólidos ou que sexan A2A2, porque era un tema no que estaban a traballar en AIRA”, destaca o gandeiro.
Para a recría, traballaron co Centro de Recría de Castro e actualmente teñen no recinto uns 10 animais, pero a futuro contan deixar de traballar con eles. “Entramos cando estábamos en obras, porque non tiñamos espazo para a xestión da recría. Dende hai un ano xa deixamos de enviar animais e agora estamos traballando nun proxecto de alugar algunha granxa antiga para poder facer a recría xa nós con comodidade”.
Na alimentación dos animais, empregan produción propia para as racións unifeed. Así, a ración das vacas de produción componse de 20 kg de silo de millo, 24 kg de silo de herba e 14 da mestura personalizada. As xovencas e as secas comen 17 kg de silo de herba, 4 kg de herba seca, 4 kg de silo de millo e 3 kg de mestura.
Para a elaboración dos silos dispoñen de 75 ha (45 ha propias e 30 ha en aluguer) das cales, 50 ha destinan a millo, rotándoas con herba, e o restante está en pradería permanente. Antonio explica que en canto a terreo “non sobraba ter un pouco máis, sobre todo para o tema de xurros, por iso seguimos aumentando no número de ha”. Para levar a cabo estes traballos realizan todo eles mesmo, agás a recollida das forraxes que a fai AIRA.
A EXPERIENCIA CON AIRA
Como é a vosa experiencia coa Cooperativa?
Moi positiva. Levamos moitos anos traballando coa cooperativa, máis activamente dende o ano 2000, que xa entrei a formar parte da directiva.
Que considerades que se debería mellorar en AIRA?
A cooperativa funciona ben, pero quizais podería mellorar na proximidade cos socios e na comunicación. Entendo que actualmente abrangue moita zona e o número de socios é maior, pero antes da fusión o trato era máis directo.
Creo que queda moito por facer en canto a comercialización do leite, é preciso dar pasos neste sentido e non depender tanto de vender a outras empresas. Hai que traballar máis en elaboración e envasado do noso produto. Fíxose un investimento considerable e necesitamos sacarlle maior rendemento.
Que balance facedes destes anos dende que se levou a cabo a integración de AIRA?
As integracións sempre son boas. Vímolo claro desde a primeira e eu creo que se debe apostar por integrar as que quedan. Baixo a miña opinión, con unha cooperativa en Galicia grande sería suficiente. Hai que ser competitivos e iso só se consegue sendo grandes.
Empregades a nova plataforma de socios para a xestión de tratamentos. Por que a incorporastes?
Levamos ano e medio empregándoa. Empezamos porque vimos a comodidade que nos ofrecía en canto á receita electrónica e ao libro de tratamentos. Axiliza moito o traballo e resulta práctica para a rutina diaria da explotación.
Animades a outros gandeiros a empregala?
O futuro está aí. Non tes que estar pendente de ter todos os libros actualizados, simplemente tes todo nunha plataforma. Podo entender que a certas idades coste máis integrala, pero dedicándolle tempo é fácil de empregar.