AIRA reúne en Taboada a 1.400 persoas no seu gran encontro cooperativo

Encuentro cooperativista AIRA

A Cooperativa recuperou o seu gran encontro con socios, socias e profesionais, que non se celebraba dende o 2019, baixo o lema “Peza a peza formamos AIRA”.

 

AIRA celebrou na súa sede central de Taboada unha das xornadas máis importantes da súa historia recente. Preto de 1.400 persoas, entre socios, socias, traballadores e traballadoras, participaron nun gran encontro concibido para reforzar os vínculos, recoñecer o esforzo colectivo e poñer en valor o sentimento de pertenza á Cooperativa.

 

Baixo o lema “Peza a peza formamos AIRA”, a xornada representou a esencia dun proxecto construído a partir da unión de persoas, experiencias, responsabilidades e capacidades diferentes que comparten unha mesma visión de futuro.

 

O encontro tivo, ademais, un significado especialmente simbólico. AIRA recuperou unha convocatoria cos seus socios e socias que non se celebraba dende 2019 e reuniu por primeira vez na súa sede central de Taboada aos principais protagonistas do proxecto cooperativo: a súa base social e os máis de 300 profesionais que traballan na entidade.

Un proxecto cooperativo que se constrúe entre todas as persoas

Cada persoa que forma parte de AIRA desempeña unha función esencial. Esa foi a idea central dun encontro que quixo visibilizar a interdependencia entre as diferentes áreas da Cooperativa e a importancia de avanzar unidos cara obxectivos comúns.

 

Durante a apertura institucional, o presidente de AIRA, José Ramón Ratón, destacou que o lema elixido resume a esencia e a traxectoria da cooperativa: 

 

“AIRA non apareceu dun día para outro nin chegou ata aquí por casualidade. Ao longo da súa historia foi medrando porque soubo sumar persoas, esforzos, proxectos e ilusión. Ao final, esa é a esencia dunha cooperativa: persoas distintas, responsabilidades diferentes e un mesmo proxecto”.

 

A xornada contou coa participación da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, así como doutras autoridades, entre elas o alcalde de Taboada, Roi Rigueira.

 

A súa presenza acompañou unha celebración na que as persoas foron as verdadeiras protagonistas e na que se recoñeceu a súa contribución ao crecemento e á consolidación de AIRA como proxecto cooperativo.

 

Sede cooperativa AIRA

III Encontro de Empregados de AIRA

A programación comezou durante a mañá coa celebración do III Encontro de Empregados, no que participou boa parte dos máis de 300 profesionais que integran a Cooperativa.

 

A través de vídeos protagonizados polos propios traballadores e traballadoras, dinámicas participativas e diferentes actividades de equipo, púxose en valor o traballo desenvolvido dende cada departamento.

 

O obxectivo era mostrar que o funcionamento de AIRA depende da coordinación entre todas as súas áreas e que cada tarefa, con independencia do lugar dende o que se realiza, contribúe ao resultado colectivo.

 

Os directores xerais de AIRA, Jesús Bardelás e Javier Barandela, foron os encargados de abrir e clausurar esta parte da xornada. Durante as súas intervencións agradeceron o compromiso, a profesionalidade e a implicación do equipo humano da Cooperativa.

Un gran  crebacabezas como símbolo da identidade de AIRA

encontro cooperativo AIRA

 

Un dos momentos máis representativos do encontro foi a creación dun gran crebacabezas  colectivo.

 

Os traballadores e traballadoras foron incorporando as diferentes pezas ata completar practicamente a imaxe. Sen embargo, o centro quedou reservado para as pezas correspondentes aos socios e socias, como símbolo de que constitúen o núcleo do proxecto cooperativo.

 

Posteriormente, representantes das diferentes delegacións de AIRA foron os encargados de colocar esas últimas pezas e completar a imaxe.

 

A acción permitiu representar visualmente unha idea que define á Cooperativa: AIRA constrúese entre todos e todas. Cada persoa achega coñecemento, dedicación e experiencia, pero é a unión de todas esas achegas a que dá sentido e fortaleza ao conxunto.

O reencontro cos socios e socias

Tras o III Encontro de Empregados incorporáronse os socios e socias de AIRA, dando paso a un programa de convivencia que culminou cun xantar de confraternidade.

 

Este reencontro permitiu compartir experiencias, estreitar relacións e recuperar un espazo común especialmente importante para unha organización baseada na participación e a colaboración.

 

A xornada foi tamén unha oportunidade para recoñecer o traballo diario das ganderías, os profesionais, os equipos técnicos, as delegacións e todas as persoas que contribúen ao desenvolvemento da Cooperativa e do sector agroalimentario galego

“Peza a peza formamos AIRA”

Coa celebración deste gran encontro en Taboada, AIRA reafirma a súa vontade de seguir fortalecendo as relacións entre todas as persoas que forman parte da Cooperativa.

 

A proximidade, o compromiso, a colaboración e o orgullo de pertenza son valores esenciais para continuar construíndo un proxecto común, preparado para afrontar os retos do sector sen perder a súa identidade.

 

Porque cada responsabilidade conta, cada esforzo suma e cada persoa é necesaria.

 

Peza a peza formamos AIRA.

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio