Modificacións na solicitude de axudas para plans de mellora e incorporación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería de Medio Rural para apoiar investimentos en explotacións agrarias, para a creación de empresas por parte de agricultores novos ou de entre 41 e 55 anos, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións agrarias, cun orzamento total de 47 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes ampliouse ata o 22 de abril.

Estas axudas forman parte do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración Xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas axudas teñen como obxectivo mellorar a estrutura produtiva das explotacións agrarias gallegas e avanzar cara a acadar un tamaño axeitado e un axeitado equilibrio dos factores de produción, co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, pretenden rexuvenecer a man de obra agraria e promover o emprego neste sector, con especial atención ás mulleres, co fin último de fixar poboación rural.

Modificacións

Posteriormente, o DOG publicou a resolución da Consellería de Medio Rural pola que se aproban dúas modificacións para facilitar as solicitudes das últimas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao rural .

En concreto, ata o de agora non era posible presentar unha solicitude de axudas para a mellora e a incorporación ata que se resolvera a convocatoria anterior. Este requisito estaba a dificultar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a un sistema público de apoio vital para as explotacións e o tecido socioeconómico rural no seu conxunto. Esta modificación axiliza os trámites administrativos co obxectivo de facilitarlles as cousas aos posibles beneficiarios.

Modifícase a letra g) do apartado 1 do artigo 26 da convocatoria de axudas , que queda redactada do seguinte xeito:

«g) Non ter ningún expediente de axuda da submedida 4.1 Apoio a investimentos en explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión foi notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde».

Así mesmo, modifícase a letra g) do número 1 do artigo 32 , que queda redactada do seguinte xeito:

«g) Non ter ningún expediente de axuda da submedida 4.1 Apoio a investimentos en explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión foi notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde».

Pode solicitar máis información e xestionar os trámites correspondentes en calquera das nosas entidades de asesoramento.

Ver a orde completa

Ver a orde das modificacións

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio