A aposta da fábrica de pensos de Taboada polas alternativas renovables aforraralle 18.000 € ao ano.
A cooperativa Aira de Taboada acaba de poñer en marcha unha planta fotovoltaica na súa fábrica de pensos, que xerará enerxía suficiente para cubrir o 10 por cento da demanda eléctrica da industria, cun aforro anual estimado de 18.000 euros. Os paneis cobren practicamente toda a fábrica.
Esta é a primeira gran aposta desta cooperativa agroalimentaria pola enerxía limpa, a sustentabilidade e a redución da dependencia enerxética. Para conseguilo, contou con Voltfer, unha empresa do Grupo Alvariño, con sede en Vigo, especializada en solucións de enerxías renovables para particulares e empresas.
A instalación, que acaba de entrar en funcionamento, consta dun total de 616 paneis solares, con 166 quilovatios de potencia e unha produción anual de 207.500 quilovatios.
O director da firma Taboada anunciou que seguirán apostando pola eficiencia enerxética con novos proxectos.
Con esta capacidade de xeración, a cooperativa poderá amortizar o seu investimento nun prazo de catro anos, tras os cales a enerxía producida terá custo cero para a cooperativa de Taboada.
O director xeral de Aira, Daniel Ferreiro, explicou que esta instalación, que se suma a outra de 100 quilovatios na sucursal de Chantada da cooperativa, “é unha demostración do compromiso de Aira coa eficiencia enerxética e as enerxías renovables, un compromiso no que seguimos avanzando con novos proxectos”. Neste sentido, salientou a importancia dos programas de axudas postos en marcha polo Inega para financiar proxectos de eficiencia enerxética en empresas do sector primario.
Pola súa banda, o director de Voltfer, José María Fariña, sinalou que os sistemas de autoconsumo fotovoltaico representan “a mellor opción para optimizar o aforro enerxético nas empresas agroalimentarias e nas explotacións agrícolas” xa que son máis rendibles e eficientes á hora de xerar enerxía no lugar onde se utiliza.
Os expertos en enerxía sinalan que, dado o aumento constante dos prezos da electricidade nos últimos anos, o autoconsumo baseado na xeración fotovoltaica está a converterse na clave dun novo modelo enerxético para as zonas rurais, algo que está a ter éxito en cada vez máis países.

