Cándido Cancelo é o novo director xeral da Cooperativa AIRA tras a xubilación de Daniel Ferreiro.

O cambio na directiva entrará en vigor o 1 de xaneiro. AIRA recoñece o traballo de Ferreiro ao longo dos anos na coordinación da fusión que deu lugar ao que é hoxe a Cooperativa e no impulso dos seus destacados proxectos.

 

Cándido Cancelo Cabanas será o novo director xeral de AIRA, con efecto a partir do 1 de xaneiro de 2025, tras a xubilación de Daniel Ferreiro Otero. Deixa AIRA tras dúas décadas de vinculación á cooperativa e unha carreira centrada na promoción das cooperativas e do sector agroalimentario.

Cándido Cancelo únese a AIRA tras unha distinguida carreira profesional tanto a nivel nacional como internacional. Cancelo conta con máis de 20 anos de experiencia na xestión e desenvolvemento de proxectos estratéxicos en mercados globais e en diversos sectores. «AIRA é un referente no sector agroalimentario e espero contribuír a que esta Cooperativa siga sendo un motor do rural galego, manténdose ao carón dos seus 3.000 socios», afirma Cándido Cancelo, novo director xeral de AIRA.

Nestes primeiros meses, Cancelo contará coa colaboración do seu predecesor, xa que Daniel Ferreiro permanecerá na Cooperativa para facilitar este proceso de transición no consello de administración. “Contar coa colaboración de Daniel Ferreiro nos próximos meses será útil para garantir que esta transición sexa fluída e ordenada”, afirma Cándido Cancelo.

Máis de 20 anos na Cooperativa

AIRA agradece a Daniel Ferreiro a súa dedicación e implicación coa Cooperativa durante máis de 20 anos. O seu traballo e dedicación foron decisivos en momentos clave da súa historia e na viaxe da Cooperativa ata converterse no que é hoxe.

Ferreiro contribuíu ao entendemento entre as diferentes cooperativas tanto para a creación da fábrica de pensos de Taboada como na integración que deu lugar a AIRA en 2018. Ademais, Ferreiro foi clave para facer realidade algúns dos proxectos destacados de AIRA, como a planta de procesamento de lácteos de Melide, o crecemento sostible e exponencial da propia Cooperativa, ou novas liñas de negocio como o recente acordo coa firma García Baquero para a produción de queixos en Galicia con leite das granxas socias.

«Daniel Ferreiro foi a luz que guiou o camiño da integración que levou á creación de AIRA e, grazas ao seu traballo e á súa determinación, xurdiron proxectos que poñen en valor os produtos das granxas e ganderías dos membros de AIRA. Agradecémoslle profundamente a súa dedicación durante todos estes anos, sempre dun xeito amigable e fomentando o entendemento», afirma José Manuel López Tellado, presidente de AIRA.

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio