Bases do Sorteo de Nadal

1. Entidade organizadora e finalidade

AIRA S. C. G. organiza un sorteo promocional con motivo da campaña de Nadal de 2026, coa finalidade de premiar os socios e socias e a clientela que realicen compras nas tendas que se indican a continuación.

A participación no sorteo é gratuíta e non supón ningún custo adicional nin incremento no prezo dos produtos adquiridos.

 

2. Ámbito territorial e período de participación

O sorteo desenvolverase nos seguintes puntos de venda de AIRA: Chantada, A Barrela, Taboada, Becerreá, Palas, Friol, Silleda, Mesía, Monterroso, O Páramo e Pol.

O período de participación estará comprendido entre o 23 de novembro e o 21 de decembro de 2026, ambos os dous incluídos, dentro do horario habitual de apertura de cada establecemento.

 

 

3. Requisitos de participación

Poderán participar no sorteo todas as persoas físicas maiores de 18 anos que realicen unha compra que cumpra as condicións establecidas nestas bases.

Quedan expresamente excluídos da participación os membros do Consello Reitor e as persoas empregadas de AIRA S. C. G.

A entidade organizadora poderá comprobar o cumprimento dos requisitos de participación e anular aquelas participacións que non se axusten ás presentes bases.

 

 

4. Mecánica de participación

Para participar no sorteo deberán cumprirse as seguintes condicións:

  1. Por cada 50 € de compra nun único tícket entregarase unha papeleta de participación no sorteo. Deste xeito, unha compra de 50 € dará dereito a unha participación; unha de 100 €, a dúas; unha de 150 €, a tres, e así sucesivamente.

    Só se terán en conta os múltiplos completos de 50 €. Os importes restantes que non alcancen esta cantidade non xerarán participacións adicionais nin poderán acumularse cos doutros tíckets.

  2. A persoa participante deberá cubrir a papeleta co seu nome, apelidos e número de teléfono, e depositala na urna habilitada no establecemento.

  3. As papeletas incompletas, ilexibles, con datos falsos ou que incumpran as presentes bases consideraranse nulas.
    A participación non implica ningún custo adicional ao da compra realizada.

 

5. Mecánica de participación

Sortearase unha única carretilla con produtos de alimentación, pequenos electrodomésticos e outros artigos, cun valor total superior aos 1.000 € (P. V. P.).

 

AIRA S. C. G. resérvase o dereito de substituír algún dos produtos incluídos no premio por outros de características e valor equivalentes ou superiores, cando existan motivos xustificados, garantindo en todo caso que o valor total do premio non sexa inferior ao anunciado.

 

As imaxes utilizadas nos materiais promocionais son ilustrativas e poden presentar diferenzas respecto á composición final do premio.

 

O premio é persoal e entregarase exclusivamente á persoa gañadora, logo de acreditar a súa identidade. Non poderá trocarse por diñeiro en efectivo nin por outros produtos.

 

Non se admitirán devolucións nin cambios dos produtos que compoñen o premio, sen prexuízo dos dereitos legalmente recoñecidos ás persoas consumidoras.



6. Celebración do sorteo

O sorteo celebrarase o 23 de decembro de 2026, nas instalacións centrais de AIRA situadas en Taboada, mediante a extracción de papeletas por unha man inocente. O resultado farase público a través das redes sociais de AIRA.

Extraerase unha papeleta gañadora e tres papeletas suplentes, por orde de extracción.

 

As persoas suplentes substituirán a gañadora no caso de que esta non cumpra os requisitos establecidos, non poida ser localizada, non acepte o premio dentro do prazo previsto ou renuncie expresamente a el.

 

 

7. Comunicación e entrega do premio

AIRA contactará telefonicamente coa persoa gañadora unha vez celebrado o sorteo.

O resultado poderá publicarse nas canles oficiais de comunicación de AIRA, de acordo coa normativa de protección de datos aplicable.
A persoa gañadora disporá de un día natural desde a comunicación do resultado para aceptar o premio e acreditar a súa identidade mediante a presentación do DNI ou dun documento identificativo equivalente.

 

No caso de non aceptar o premio dentro do prazo establecido, este pasará á primeira persoa suplente, seguindo sucesivamente a orde de extracción.

 

O premio deberá recollerse antes do 30 de decembro de 2026 nas instalacións de AIRA situadas no Parque Empresarial de Taboada, s/n, 27550 Taboada (Lugo).

 

 

8. Fiscalidade do premio

O premio estará suxeito á normativa fiscal vixente.
AIRA S. C. G. asumirá o ingreso á conta do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que legalmente corresponda, sen repercutir o devandito importe á persoa gañadora.

 

 

9. Protección de datos persoais

AIRA S. C. G., como responsable do tratamento, utilizará os datos persoais facilitados polas persoas participantes exclusivamente para xestionar o sorteo, comprobar o cumprimento dos seus requisitos, comunicar o resultado e realizar a entrega do premio.

Os datos persoais trataranse de conformidade co Regulamento xeral de protección de datos (RXPD) e coa normativa española vixente en materia de protección de datos persoais.

 

Os datos conservaranse durante o prazo dun ano desde a finalización do sorteo, salvo que exista unha obriga legal que esixa un período de conservación superior. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e demais dereitos recoñecidos pola normativa aplicable, dirixíndose a protecciondedatos@aira.es.

 

Para obter máis información sobre o tratamento dos seus datos persoais, poderán consultar a Política de privacidade de AIRA, dispoñible en: https://www.aira.es/gl/politica-de-privacidade/

 

 

10. Aceptación das bases e modificacións

A participación no sorteo implica a aceptación íntegra das presentes bases legais.

AIRA S. C. G. resérvase o dereito de modificar estas bases ou cancelar o sorteo cando concorran causas xustificadas, respectando os dereitos das persoas participantes. As bases legais estarán dispoñibles na web de AIRA para a súa consulta en durante o período de celebración do sorteo.

Scroll ao inicio