AIRA celebra un ouro histórico para o seu queixo Pambre

O queixo Pambre, elaborado por Queixos de Galicia, convértese nun dos mellores do mundo nos World Cheese Awards 2025-26

AIRA acaba de acadar un novo fito coa concesión da medalla de ouro ó queixo Pambre, un Arzúa-Ulloa elaborado en Queixos de Galicia, sociedade participada por AIRA e GARCÍA BAQUERO. O prestixioso recoñecemento dos World Cheese Awards 2025-26, un dos certames máis relevantes do sector lácteo internacional, supón un impulso decisivo .

Este galardón internacional, un dos máis relevantes do sector lácteo, destaca non só a excelencia do produto, senón tamén o modelo de colaboración que sustenta o proxecto. Queixos de Galicia combina a traxectoria industrial e a capacidade de innovación de García Baquero co arraigo, a profesionalidade e o compromiso co rural galego que caracterizan a AIRA.

Para a Cooperativa, este ouro representa un recoñecemento directo ó traballo diario das ganderías socias, cuxo leite fai posible manter un nivel de calidade que agora se ve avalado a nivel mundial. O premio reflicte o coidado en cada paso do proceso: desde a produción responsable nas granxas ata a elaboración na planta de Palas de Rei.

“A distinción ó queixo Pambre consolida a estratexia de AIRA a favor da calidade, a innovación e o desenvolvemento sostible do rural, así como a aposta por situar os produtos galegos nos mercados e concursos máis esixentes”, sinalan desde a Cooperativa.

AIRA traslada os seus parabéns a todo o equipo de Queixos de Galicia, a Lácteas García Baquero e, de maneira moi especial, ás familias gandeiras socias da cooperativa.

Un ano decisivo para Queixos de Galicia

Este recoñecemento chega nun momento especialmente simbólico: cúmprese un ano da creación de QUEIXOS DE GALICIA S.L., a alianza entre AIRA e GARCÍA BAQUERO, que naceu co propósito de impulsar o queixo galego de calidade. En apenas doce meses, a sociedade converteuse nun referente pola súa capacidade innovadora.

En Queixos de Galicia elabóranse Pambre, galardoado con este ouro e pertencente á D.O. Arzúa-Ulloa, así como o Queixo Tetilla de Pambre e o Arzúa-Ulloa Tres Viajeros, ampliando unha oferta que combina tradición, identidade e excelencia.

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio