Alfonso Rueda visita a sede de AIRA para coñecer o modelo cooperativo e o seu potencial industrial

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, durante a súa visita á sede central de AIRA.

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente da Xunta de Galicia coñeceu de primeira man, os investimentos realizados pola cooperativa en modernización, sustentabilidade e mellora da competitividade das ganderías socias

 

Esta mañá recibimos a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como outras autoridades, nun encontro institucional que incluíu un encontro na sede central de AIRA e unha visita ás instalacións da fábrica de penso da cooperativa.
 

Durante a xornada, a directiva de AIRA presentou as principais magnitudes da cooperativa, que integra 3000 socios e socias, conta con máis de 360 empregados, 17 delegacións no territorio e supera os 200 millóns de euros de facturación. Desde a súa constitución en 2018, tras o proceso de integración cooperativa, AIRA investiu 44 millóns de euros en modernización industrial e mellora de infraestruturas.
 

A visita permitiu coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos incorporados na fábrica de penso, que a converteron nunha das principais fábricas de penso de vacún a nivel nacional. Ademais, no encontro tamén se tivo ocasión de presentarlle distintos proxectos estratéxicos que está a desenvolver AIRA orientados á mellora da eficiencia produtiva, á sustentabilidade ambiental e a reforzar a competitividade das ganderías socias.
 

No encontro abordáronse tamén cuestións decisivas para o futuro do sector agrogandeiro, como o acceso ás liñas de axuda pública adaptadas á realidade das cooperativas integradas, a necesidade de facilitar man de obra cualificada e a importancia das infraestruturas dixitais no rural como elemento crave para a innovación e a competitividade.
 

A xornada concluíu cunha degustación de queixos elaborados polas industrias participadas pola cooperativa, como exemplo da aposta de AIRA pola transformación e pola xeración de valor engadido.

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio