AIRA reorganiza a súa directiva para achegarse máis ós seus socios

Os directores da área de produción, Jesús Bardelás, e do departamento financeiro da Cooperativa, Javier Barandela, asumen conxuntamente a dirección da entidade trala saída de Cándido Cancelo

 

O Consello Reitor de AIRA aposta por este cambio por reforzar os valores do cooperativismo e fortalecer o Comité de dirección da entidade

 

AIRA anunciou hoxe a implantación dun modelo de dirección conxunta trala saída do seu director xeral, Cándido Cancelo. A partir deste momento, Jesús Bardelás, director da área de produción, e Javier Barandela, responsable do departamento financeiro, asumirán de maneira compartida a dirección da entidade.

 

Esta decisión responde á vontade do Consello Reitor de reforzar a estrutura directiva da Cooperativa, apostando por un liderado máis próximo ás persoas socias e por unha maior coordinación interna entre as distintas áreas estratéxicas. O novo modelo pretende tamén fortalecer o papel do Comité de Dirección e favorecer unha toma de decisións máis áxil e consensuada.

 

Tanto Jesús Bardelás como Javier Barandela contan cunha ampla traxectoria profesional dentro da Cooperativa e un profundo coñecemento do seu funcionamento, o que garante a continuidade do proxecto empresarial e dos valores que definen a AIRA.

 

Desde o Consello Reitor agradeceron tamén o traballo desenvolvido por Cándido Cancelo durante o último ano á fronte da dirección xeral da cooperativa, responsabilidade que asumira trala xubilación de Daniel Ferreiro, destacando a súa achega ó desenvolvemento e á consolidación do proxecto de AIRA nesta etapa.

“A Cooperativa inicia unha nova fase orientada a consolidar o seu modelo cooperativo e a reforzar a proximidade coas persoas socias”, sinalou José Ramón Ratón, presidente de AIRA. “Tanto Jesús Bardelás como Javier Barandela contan cunha longa traxectoria profesional vencellada a AIRA e ás cooperativas xérmolo desta. Ambos coñecen en profundidade os valores, a forma de traballar e as necesidades do sector. A súa experiencia, compromiso e coñecemento da organización son unha garantía de continuidade, estabilidade e futuro para a entidade”, valora o presidente de AIRA.

 
Con esta nova etapa, AIRA reafirma o seu compromiso cos seus 3.000 socios, coa mellora continua da xestión e co fortalecemento do seu modelo cooperativo.

Comparte esta noticia:
Scroll ao inicio