AIRA acolle a entrega dos Premios ao Cooperativismo galego 2021

A cooperativa agrogandeira exerce de anfitrioa, 3 anos despois de recibir este mesmo galardón polo seu proceso de integración. Nesta edición premiouse ás cooperativas Catroventos Editora, Cenlitrosmetrocadrado e Campo Capela. No acto participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen destacou o cooperativismo como alicerce para o desenvolvemento económico e social de Galicia

Taboada (Lugo), 3 xullo de 2021.

A sede da cooperativa AIRA, en Taboada (Lugo), acolleu o acto central do Día do Cooperativismo galego, coa entrega dos premios convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade, e que este ano leva por lema; Reconstruír, mellor xuntos.

A celebración prodúcese 3 anos despois de que a entidade agrogandeira recibise este mesmo galardón polo proceso de integración que acababa de levar a cabo. “Hai 3 anos estabamos recollendo nós o premio, e sentímonos fondamente orgullosos de poder acoller hoxe unha celebración tan especial polo que supón deixar atrás un difícil ano de pandemia como polo que significa en si celebrar os valores do cooperativismo”, apuntou Daniel Ferreiro Otero, xerente da cooperativa AIRA durante o acto.

  Hoxe somos unha cooperativa consolidada con máis de 2.500 socios, máis de 250 empregados, 125 millóns de euros de facturación. Medramos manténdonos preto dos nosos socios, das súas necesidades, tentando atender as súas demandas e comercializar os seus produtos  

“Agardamos que a experiencia dos premiados deste ano sexa tan positiva como resultou para AIRA. Naquel momento, en AIRA estabamos a dar os primeiros pasos da integración. Hoxe somos unha cooperativa consolidada con máis de 2.500 socios, máis de 250 empregados, 125 millóns de euros de facturación. Medramos manténdonos preto dos nosos socios, das súas necesidades, tentando atender as súas demandas e comercializar os seus produtos”, explica Ferreiro. A cooperativa medrou nestes 3 anos en volume de negocio en tódalas áreas de actividade e acumulativamente máis dun 25%.

O acto contou coa participación da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen reivindicou a Economía Social como “alicerce sobre o que sustentar e impulsar o desenvolvemento económico e social dos galegos e galegas”. Nesta liña subliñou que as entidades circunscritas a este modelo demostran ser “unha aposta sólida polo emprego e fano ademais abandeirando uns fins de interese xeral e colectivo, que garanten unha mellor redistribución dos recursos e promoven a cohesión territorial”.

  O cooperativismo aporta valores como a autoaxuda, solidariedade ou a responsabilidade que non só benefician a quen traballa na cooperativa senón a toda a súa contorna  

Lorenzana destacou valores como a autoaxuda, a solidaridade, responsabilidade social e sentimento de comunidade, que reducen as desigualdades, crean prosperidade común e responden aos estragos que está a causar a Covid-19. “O cooperativismo aporta valores como a autoaxuda, solidariedade ou a responsabilidade que non só benefician a quen traballa na cooperativa senón a toda a súa contorna”, incidiu a titular de Emprego e Igualdade.

Os premiados

No acto premiouse ás cooperativas Catroventos Editora, de Vigo, galardoada co premio aos valores cooperativos; o estudo Cenlitrosmetrocadrado, de Ames (A Coruña), que recibiu o premio a mellor proxecto cooperativo novo e Produtores de Campo Capela, da Capela (A Coruña), que obtivo o premio á traxectoria cooperativa.

Fixéronse tamén entrega dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame Cooperativismo no Ensino na modalidade de centros de Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, cuxos gañadores foron, no caso do primeiro premio, o instituto público Manuel Antonio, de Vigo, e, no caso do accésit, a Sociedade Cooperativa Mendiño, tamén da cidade olívica.

O acto foi conducido pola xornalista limiá Patricia Santana, que dende o 2018 é copresentadora do programa Luar da Televisión de Galicia, e foi emitido en directo a través de internet. O evento contou ademais coas actuacións musicais de Davide Salvado, acompañado por Fransy González e Cibrán e do humor da actriz Laura Villaverde.

A celebración levouse a cabo coas medidas oportunas sanitarias e cun aforo controlado e limitado por mor do Covid-19. Precisamente a irrupción da pandemia adiou a celebración deste acto na cooperativa, que estaba previsto levar a cabo xa no 2020, edición que finalmente se desenvolveu de xeito telemático.

Voltar as novas