AIRA duplica o volume de negocio dende a fusión

A cooperativa agrogandeira AIRA celebrou hoxe, martes 16 de xullo, a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo). Durante o encontro, presentáronse as contas do exercicio anterior e realizouse un balance dos datos obtidos, que amosan uns resultados moi positivos.

Neste ano 2023, ao igual que nos anos anteriores, AIRA continuou a medrar ata acadar un volume de negocio de 203,6 millóns de euros, duplicando o volume de negocio dende a fusión. É o resultado dun crecemento sostido que experimentou dende a fusión producida en 2018. En conxunto, todas as empresas do grupo acadaron unha facturación de 241,7 millóns de euros.

AIRA obtivo un EBITDA de 7,6 millóns de euros, un dato que mostra a solidez financeira da entidade e permite afrontar con solvencia os 38,6 millóns de euros destinados a investimentos nas diferentes áreas de actividade: transformación/comercialización, subministración e servicios.

Dos 4,9 millóns de euros de beneficio neto, 2,8 millóns repartiranse, incrementando o capital dos socios e socias.

A cooperativa medrou nas tres grandes áreas de negocio, en especial naquelas actividades de referencia para o sector, coma o leite ou o penso: Comercializando 117 millóns de litros de leite (case o 100 % con certificado de Benestar Animal) e producindo máis de  277.000 toneladas de penso e mesturas, elaboradas nas plantas de Taboada e Sarria toneladas de penso.

Máis aló da relevancia dos propios números, o mais importante é o valor que a cooperativa achega aos socios e ao entorno rural onde desenvolve a actividade, resaltou Daniel Ferreiro, director xeral da cooperativa e encargado de presentar os resultados ante os socios e socias. Ferreiro fixo fincapé na gran problemática que hai nos últimos tempos para conseguir man de obra para traballar no medio rural, “tanto para as ganderías como para a cooperativa está sendo unha traba importante”.

Dixitalización e sustentabilidade

Coa finalidade de aliñarse coa estratexia europea ‘De la Granja a la Mesa’, na cooperativa ponse o foco na sustentabilidade e na dixitalización tanto da propia entidade coma dos socios e socias. Este mecanismo busca un modelo agroalimentario máis sostible e para cumprilo é preciso determinar medidas a aplicar dende os cultivos ou nas granxas ata os propios consumidores/as. En AIRA trabállase nese sentido para conseguir unha economía más limpa e sostible. Como mostra, a cooperativa forma parte do proxecto CEPES, que mellora a competitividade das explotacións de gando de vacún de leite mediante a innovación ecolóxica e a produción hipocarbónica cun asesoramento para a redución da pegada de carbono e hídrica.

Durante o pasado ano estiveron inmersos no proxecto Trac Plus, unha iniciativa financiada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. A través do mesmo, puidéronse desenvolver solucións dixitais específicas para levar a cabo a dixitalización dos axentes implicados na cadea de valor do sector lácteo (dende a produción agrícola ata os produtos lácteos). Deste xeito, conséguese garantir a seguridade alimentaria e unha trazabilidade completa ata a entrega ao cliente final.

Tamén é preciso destacar o traballo que se está a levar a cabo coas granxas robotizadas e por iso o equipo de AIRA especializouse para ofrecer solucións avanzadas en canto á xestión de datos nestas explotacións, dándolle valor á eficacia e precisión na operativa diaria de estas granxas leiteiras modernas, de xeito que permitan optimizar a produción, mellorar a saúde do rabaño e maximizar a rendibilidade da granxa. Como primeiros operadores en vacún de leite, dende AIRA deséñase un programa que está en continua evolución.