Dende Chantada, Casa Xan

Casa Xan é unha das ganderías que forma parte da delegación de Chantada de AIRA. Esta granxa familiar confórmana José Luis Rodríguez, a súa muller María Dolores Tumbeiro e o seu fillo Juan Rodríguez, que será o encargado de recoller o relevo xeracional.

A gandería, localizada en Vilar (Adá, Chantada), conta cuns 140 animais en total, dos cales 65 están en muxido; o resto son vacas secas e recría. A súa produción media atópase nos 40 litros por vaca e día, cunhas calidades medias de 3,25 % de proteína e 3,90 % de graxa. En canto ao reconto celular atópase, polo xeral, por debaixo das 130.000 células somáticas. No pasado ano, entregaron á cooperativa un total de 807.322 litros.

En canto á base territorial, dispoñen dunhas 32 hectáreas nas que sementan millo e herba. En concreto, sementan 13 hectáreas de millo que rotan cada dous anos. Nestas labores, contan co servizo de AIRA para a recollida do millo.

A granxa leva toda a vida en funcionamento, como afirma José Luis “eu non precisei ningún curso, xa que nacín aquí e formeime dende ben pequeno”. Cando empezou, o número de animais era moito menor “e pouco a pouco, fomos medrando, mercando máis terreos e tamén máis animais ata chegar a como estamos hoxe”.

Dende hai seis anos, a súa profesionalización e mellora na calidade do traballo levounos a incorporar o robot: “Foi o mellor que puidemos facer, é unha grande inversión, pero merece a pena pola calidade de vida nosa e tamén polos animais”. Coa finalidade de potenciar o benestar animal tamén incorporaron os colares para a detección de celos, “que é moi recomendable” pola información que lles ofrece. Así mesmo, contan co arrimador de comida e unhas instalacións moi ventiladas, con cortinas que soben e baixan segundo a temperatura para “ofrecerlle aos animais o mellor benestar”.

A produción media atópase nos 40 litros por vaca e día, cunhas calidades medias de 3,25 % de proteína e 3,90 % de graxa

O seu obxectivo é “manternos como estamos”, sempre coidando a xenética “porque é moi importante cando dispós dun robot”, indica o gandeiro e engade que “se tes animais que non son funcionais, non lle sacas o rendemento ao robot”. En canto a produción considera que non precisan aumentar máis. Así mesmo, Juan resalta que se quixeran ampliar precisarían máis instalacións e “agora mesmo non temos espazo para facer as ampliacións”. Ambos coinciden en que así “estamos moi ben”.