AIRA contribúe á incorporación de novas tecnoloxías nas granxas

A incorporación da intelixencia artificial e das tecnoloxías dixitais no agro atópase dentro das prioridades para Europa, co reto que supoñen para as ganderías estes avances. AIRA segue a apostar por facilitar esta incorporación das novas tecnoloxías ás granxas e explotacións socias con proxectos como o TRAC PLUS.

En concreto, o proxecto TRAC PLUS busca desenvolver tecnoloxía de intelixencia artificial a partir de ferramentas big data e a súa protección baixo blockchain no sector lácteo, para a obtención dunha trazabilidade completa da granxa á mesa e o desenvolvemento dunha ferramenta de asesoramento técnico-económico para os gandeiros e clientes.

O proxecto conta cun orzamento de 391.895 euros e obtivo finanzamento por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dentro da convocatoria de Red.es, cun aporte de 156.758,08 euros.

Tras un ano de traballo, xa comezan a terse os primeiros resultados ó poder integrar todos os datos das granxas. Nos próximos meses seguirase avanzando para dispoñer das ferramentas que permitan facer un asesoramento directo ós socios e clientes en base ós datos recompilados.