Dende Sarria, gandería Casa Don Manuel

Manuel López Vázquez, al frente de la ganadería familiar Casa Don Manuel.

Situada no lugar de Sucarral, na parroquia de Louseiro, en Sarria (Lugo), Casa Don Manuel é unha das ganderías socias de AIRA centrada na produción de leite. Á fronte desta granxa familiar atópase Manuel López Vázquez, quen tomou o relevo de seus pai. Manuel é a terceira xeración especializada no vacún, nas súas orixes era gando de carne e a partires de mediados dos oitenta seus pais optaron pola produción de leite.

En Casa Don Manuel levan tempo apostando por unha produción sostible e confortable para os seus animais, o que acreditan selos como a certificación en benestar animal ou de boas prácticas de calidade hixiénica. Ademais, nestes últimos meses tamén está a ser unha das ganderías que participa nun estudo para a medición e redución dos gases de efecto invernadoiro desenvolvido por Agaca e no que están a participar outras ganderías socias de AIRA.

Na granxa Casa Don Manuel todo o rabaño é de raza frisoa. Ten 125 animais en produción, unhas 20 vacas secas e a recría son arredor de 100 animais. “Toda a recría da granxa é propia. En certos momentos temos excedentes, pero procuramos non sobrecargarnos de animais, polo que cruzamos moito con carne”, explica Manuel.

A súa produción sitúase por riba dos 39 litros por vaca e unhas calidades de 3,62 de graxa e 3,27 de proteína, cun reconto de entorno ás 100.000 células somáticas e unha bacterioloxía por debaixo de 10.000.

Barallamos comezar a xenotipar os nosos animais e estamos a estudar as posibilidades que pode ofrecer producir leite A2A2

Nesta gandería funcionan co programa de apareamento de Africor Lugo, e xa comezaron a traballar con touros A2A2. “Barallamos comezar a xenotipar os nosos animais e estamos a estudar as posibilidades que pode ofrecer producir leite A2A2, dada a rendibilidade que poida proporcionar”, explica o gandeiro. Casa Don Manuel é unha das ganderías que comercializa o seu leite a través da cooperativa.

As garantías da mestura húmida de AIRA

Hai 10 anos que na gandería se decidiron por utilizar o servizo de mestura húmida que xestiona AIRA en Sarria, que lle proporciona cada día a ración para alimentar o seu gando con forraxes de calidade. “Pode que sexa un pouco máis caro que realizar os ensilados e as racións na granxa, pero é máis estable e cómodo. Ofréceche a tranquilidade de ter garantida a forraxe para o gando durante toda a campaña e ademais é unha ración homoxénea e de calidade”, concreta o gandeiro.

A mestura húmida ofréceche a tranquilidade de ter garantida unha ración homoxénea e de calidade durante toda a campaña

A gandería xestiona unhas 42 hectáreas de millo, que vende directamente á cooperativa para abastecer a planta de mestura húmida de Sarria, e da que logo é tamén cliente. Ademais, cultiva 35 hectáreas de raigrás, das que vende unha parte delas tamén para o centro de mestura húmida de Sarria e o resto emprégao directamente para alimentar vacas secas e xovencas.

Manuel tamén traballa coa cooperativa noutros ámbitos da ganderías como os servizos veterinarios ou os abastecementos, como os abonos e fertilizantes ou as sementeiras para o millo e a herba. Xunto con Manuel, nesta granxa tamén traballan dous empregados, ademais do pai de Manuel que aínda colabora en diversas tarefas e aportando a súa experiencia.

Publicado no boletín de AIRA de xullo de 2021.