Asemblea Xeral Ordinaria de AIRA 2021

AIRA logra un crecemento de máis do 25% en só tres anos e unha facturación de 125 millóns de euros

A cooperativa agraria presenta ós socios os resultados dos últimos dous anos. A entidade encadea tres exercicios de crecemento e pecha as contas de 2020 cunha facturación de 125 millóns de euros

AIRA destina 12 millóns de euros a investimentos, boa parte deles á planta láctea de Melide (Galacteum), na que transforma o 50% do leite das ganderías socias

Os socios de AIRA aproban a adhesión da cooperativa coruñesa Coba de Vales (Mesía) e a lucense Mopán (Monterroso)

A cooperativa AIRA celebrou este mércores, 24 de novembro, a súa asemblea anual, logo de que a Covid-19 obrigara a atrasar a xuntanza cos socios ata o de agora. A entidade agraria presentou os resultados económicos dos últimos dous exercicios que amosan un crecemento de máis do 25% dende o proceso de integración realizado en 2018. “Medramos tódolos anos a un ritmo sostible, por encima do 8 % nestes dous últimos exercicios e fixémolo en tódalas áreas”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

Medramos tódolos anos a un ritmo sostible, por encima do 8 % nestes dous últimos exercicios e fixémolo en tódalas áreas

A cooperativa lucense pechou 2020 cunha facturación de 125 millóns de euros e cun crecemento do 8,5%. Mentres, no 2019 AIRA acadou unha facturación de 115 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 8,9%. O volume de facturación acadado, fronte ós preto de 98 millóns que manexaban no 2017, é un dos claros indicativos da consolidación do proxecto de integración iniciado hai tres anos.

“Non medramos a base de subir as marxes de beneficio dos produtos, senón que incrementamos a facturación porque aumentamos o volume de actividades e servizos prestados, o que nos permite ser máis competitivos e xerar mellores resultados”, detalla Ferreiro.

Na asemblea, que tivo lugar no polideportivo de Taboada e estivo condicionada polas medidas de prevención do Covid-19, tamén se aportaron outros datos económicos como o nivel de EBITDA, é dicir os beneficios brutos antes da dedución dos gastos financeiros e tributarios, onde AIRA acadou os 4,7 millóns de euros no 2020.

Máis salientable que o propio crecemento en facturación é que medramos en volume de actividade en tódalas áreas: na comercialización e nas actividades e servizos que desenvolvemos

AIRA consolídase como entidade de referencia dentro do mundo agrario, non só polo volume de negocio, senón polas oportunidades que xera no mundo rural, con máis de 250 postos de traballo directos e os servizos que presta a máis de 2.500 socios en 86 concellos de Galicia. “Máis salientable que o propio crecemento en facturación é que medramos en volume de actividade en tódalas áreas: na comercialización e nas actividades e servizos que desenvolvemos”, destaca Ferreiro.

Máis de 12 millóns en investimentos

Outro dos puntos que se trataron cos socios na asemblea foron os proxectos que AIRA ten en marcha para a valorización dos produtos dos seus socios, unha das prioridades da cooperativa. Unha das maiores inversións neste senso lévanse a cabo na planta de transformación de leite Galacteum, situada en Melide, posto que boa parte dos socios de AIRA son produtores de leite. Nestes 3 primeiros anos de traxectoria de AIRA levaron a cabo unha inversión superior ós 23 millóns de euros nesta industria láctea, que agora se atopa a pleno rendemento. “Galacteum foi un proxecto moi complexo, cunha aposta decidida por un produto diferenciado”, explica Ferreiro.

Galacteum foi un proxecto moi complexo, cunha aposta decidida por un produto diferenciado

Nestes momentos, en AIRA comercializan 115 millóns de litros de leite e transforman case o 50% do leite que recollen. “Nos últimos anos aumentamos a transformación propia e as previsións para os próximos anos son de seguir medrando en volume de transformación de leite”, detalla Ferreiro. A aposta decidida pola transformación tamén lles está a permitir subir o prezo do leite pagado ós seus gandeiros, nun contexto como o actual onde se está a producir un incremento dos prezos de produción, derivado das subas das materias primas e da electricidade, mentres o prezo de venda se mantén estable no mercado, o que está a poñer en situacións realmente complicadas ás ganderías galegas.

Nos últimos anos aumentamos a transformación propia e as previsións para os próximos anos son de seguir medrando en volume de transformación de leite

AIRA destinou arredor duns 12 millóns de euros a inversións, nos que xunto coa transformación do leite, a mellora do parque de maquinaria agrícola foi unha das prioridades para a entidade, posto que é tamén un dos ámbitos prioritarios para os socios.

Fusión de cooperativas

Na asemblea tamén se formalizou o proceso de integración de dúas novas cooperativas de primeiro grao en AIRA: Coba de Vales, de Mesía (A Coruña) e Mopán, de Monterroso (Lugo). Así, os socios de AIRA, igual que xa fixeran os das outras entidades, ratificaron esta fusión.

A integración destas dúas cooperativas supón un considerable incremento de socios, xa que Coba de Vales conta con 345 asociados e Mopán suma 125 socios.

A fusión con estas dúas cooperativas supón un incremento da facturación de case o 1,8% á par de abrir novas liñas de negocio e proxectos. Así, a adhesión de Coba de Vales proporciona novas oportunidades na fabricación de penso, posto que esta cooperativa contaba xa cunha fábrica de penso. AIRA estuda iniciar unha nova liña de fabricación de penso ecolóxico nestas instalacións.

Mentres, a proximidade da Cooperativa Mopán, situada en Monterroso, a escasos quilómetros de Taboada (onde se sitúa a sede central de AIRA) e os proxectos comúns que levan tempo desenvolvendo as dúas cooperativas propiciou que se dera o paso para a súa integración en AIRA.

Na asemblea, tamén se aprobou a proposta de continuidade do actual consello reitor, posto que na orde do día se incluía a renovación parcial do mesmo, entre os que figuraba o presidente, tesoureiro e os vogais impares. Deste xeito, quedou ratificada a permanencia de José Manuel López Tellado como presidente da entidade, así como o resto de membros, cun total de 276 votos a favor, 10 votos en branco e sen rexistrarse ningún voto en contra.