A cooperativa Aira de Taboada abastecerase de electricidade con 600 paneis solares

A aposta polas alternativas renovables que fixo a fábrica de pensos de Taboada permitiralle aforrar 18.000 euros ao ano

A cooperativa Aira de Taboada acaba de poñer en funcionamento unha planta fotovoltaica na súa fábrica de pensos que lle permitirá xerar enerxía para abastecer un dez por cento da demanda eléctrica desta industria, cun aforro estimado de 18.000 euros anuais. As placas cobren a práctica totalidade da factoría.

Trátase da primeira gran aposta desta cooperativa agroalimentaria polas enerxías limpas, a sustentabilidade e a redución da dependencia enerxética, para o que confiou en Voltfer, empresa do vigués Grupo Alvariño especializada en solucións en enerxías renovables para particulares e empresas.

A instalación que acaba de entrar en funcionamento está integrada por un total de 616 paneis solares, con 166 quilowatts de potencia e unha produción de 207.500 quilowatts ao ano.

O director da firma taboadesa anunciou que seguirán apostando pola eficiencia enerxética con novos proxectos

Con esta capacidade de xeración, a cooperativa poderá amortizar o investimento realizado nun prazo de catro anos, a partir dos cales a enerxía producida terá custo cero para a cooperativa taboadesa.

O director xeral de Aira, Daniel Ferreiro, explicou que esta instalación, que se suma a outra de 100 quilowatts na delegación que a cooperativa ten en Chantada, “é unha mostra da aposta de Aira pola eficiencia enerxética e as renovables, un compromiso no que seguimos avanzando con novos proxectos”. Neste sentido, subliñou a importancia das liñas de axudas postas en marcha polo Inega para financiar proxectos de eficiencia enerxética en empresas do sector primario.

Pola súa banda, o director de Voltfer, José María Fariña, apuntou que os sistemas de autoconsumo fotovoltaico supoñen “a mellor opción para optimizar as posibilidades de aforro enerxético en empresas do sector agroalimentario e explotacións agrarias” ao ser máis rendible e eficiente á hora de xerar enerxía no mesmo lugar da súa utilización.

Os expertos en enerxía sinalan que, ante o incremento constante do prezo da electricidade nos últimos anos, o autoconsumo baseado na xeración con fotovoltaica está a ser a clave dun novo modelo enerxético para o rural, algo que funciona en cada vez máis países.

Artígo orixinal en El Progreso